Entreno diario, diario de entreno
"Quería facervos partícipes dun experimento literario [...], dunha serie de relatos englobados baixo este título máis menos suxerente ou afortunado [...]. Imos deixarvos este espacio pra vos, pra que nos contedes, anonimamente, se o credes convinte ou non se vos presta deixar a vosa pegada persoal, deixaremos o voso nome, co voso relato. Contádenos iso si, o que vos saia da alma, e que xire o redor dese entreno, desa preparación que a vida vos esixe." Xosé Anxo Varela "Canti", 2018
Quen é quen?
Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog
(homenaxe)
O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.
8/3/24
27/1/24
Khaled
[...] Hoxe marquei un gol xogando ao fútbol con Wasim e Tawfiq. Puiden ver a Yusra observando desde a súa xanela. Sei que todo está na miña cabeza. Pero sentín como o balón rebotaba no meu pé e entraba na portería. Sentín o abrazo dos meus amigos. Sentín os ollos de Yusra sobre min e os brazos dos meus amigos ao meu redor.
O azul entre o ceo e a auga, Susan Abulhawa, 2023
18/12/23
10/10/23
O fútbol, ese misterio!
Para ela o fútbol non deixaba unha de ser unha extravagancia que lle comía terreo ao brillante e tradicional xogo de billarda. Apesares desas encomendas maternais, na miña parroquia de Merlán había unha eufórica equipa de fútbol, ben soada e competitiva, con adultos e alterados seguidores como o Enrique do Torneiro que, en certa ocasión, chegou até o porteiro visitante e espetoulle, con rango e severa advertencia: “Como non deixes pasar a pelota para dentro dos paus, vas volver cunha perna rota”.
A presenza futbolística inicial na miña parroquia, creou escola e transcendeu progresivamente até ter un porteiro de primeira división que medrou no Chantada e pasou ao Celta de Vigo, ao Sporting de Xixón, ao Osasuna e ao Granada. Refírome a Roberto Fernández, da casa do Ferreiro de Rolle, que xa é mito na euforia de non poucos fans que o manteñen nun incunable de lealdades. A equipa do Merlán creouna a principios dos anos cincuenta Alfonso Otero, da casa do Lerio de Pumar, falecido hai poucos meses á idade de noventa anos. Alfonso foi un eufórico defensor deste deporte e coñecedor do mesmo con todas as reservas que esixe o deporte.
Nos recreos da miña escola practiquei o tiro a facer goles, con zocos non moi ortodoxos que estragaban a pelota de trapo e desinchaba a de goma. Era un acto de activar virilidade, para ser máis bruto sen sentirte máis idiota. A primeira vez que vin un partido de fútbol en serio e competitivo, foi entre o Chantada e o Sarriana, no campo de Sangoñedo. Cando saíron as equipas e os berros do público crearon euforia nos xogadores, galopando tras do balón. O meu pai en plan solemne e nada xentil co que vía, colleume polo pulso en acción de arrebato, e díxome: “Que perda de tempo ver a estes monifates de vila correndo detrás dunha vincha inflada”.
Xosé Lois García, fragmento do artigo homónimo, publicado no Nós, o 22/5/2022
30/8/23
Dende o centro do Campo do Balón
O Campo do Balón é o lugar onde xogabamos, con herba para comeren as ovellas na parte de abaixo, dúas porterías e alí aprendemos a andar en bicicleta. Pouco a pouco foise convertendo en campo de Fútbol, entón marcábase o campo como se podía tamén na parte da relva ben segada. Eu xoguei nese campo ao fútbol e formei parte dun equipo, Estrellas Azules de Mosende. Podo lembrar a moitas das miñas compañeiras da parroquia, a memoria non me dá para máis: Julia, a porteira, Estrella da Mina, unha lateral dereita impresionante, Meli, que xogaba de extrema dereita e eu de extrema esquerda. Sobre todo, lembro e creo que todas nós, lembramos a Nieves, unha central impresionante. Tamén recordo que no equipo do Porriño a porteira era a miña amiga Ivonne, á que conseguín meterlle algún gol. Eran os anos oitenta e comezabamos a xogar aquelas mozas entre quince e vinte anos, é como se viñera unha moda, que logo parou. Non volveu haber equipo feminino na parroquia, tampouco en moitas outras. Daquela ninguén falaba do Karbo Club de Fútbol da Coruña, nós sabiamos da súa existencia polos breves encontros que tiñamos coas adversarias doutros lugares que nos ían contando, así soubemos que ían xogar e que gañaron unha copa que se chamou Reina Sofía. Non estaban nas noticias. Non as deixaron xogar en Riazor. Daquela dicíase que o que xogaban as mulleres non era fútbol, por iso non se tiña dereito a entrar nalgún terreo de xogo. Nós compartiamos o Campo do Balón e as camisolas co equipo masculino. O Día de Reis de 1984 en Balaídos xogou o Celta feminino co Alcobendas, gañaran por 4 contra 1. Ese día entre o público un imbécil dixo sobre unha xogadora: “A esa tortillera quitáballe eu a enfermidade, o que precisan é un macho. Cos ollos fechados fágolle o favor”.
[...] Hai anos que sigo todos os mundiais de fútbol feminino, para min a súa visibilidade está en relación directa co feminismo, coa visibilidade do amor entre mulleres, coa liberdade sexual. Son feliz cando vexo mulleres comentando os partidos de fútbol nos medios de comunicación, cando vexo seleccionadoras como Sarina Wiegman ou Martina Voss-Teklemburg. Son feliz ao pensar que calquera da selección española que acaba de gañar o mundial, tamén gañaron as quince do botín, poderá ser comentarista, adestradora e sobre todo Presidenta da Federación. Sóbrame o seleccionador de Fútbol que ten que aprender a falar para empezar: son gañadoras, campioas.
Marga do Val, fragmento do artigo homónimo publicado no Nós o 25/8/2024
17/7/23
Dende a periferia
Deixei de xogar ao fútbol con catorce anos, principalmente porque os dedos anular e maimiño da man dereita pasaron de ter unha forma recta a representar a mellor finta dun extremo. As dores da man fixeron que decidise deixar a práctica do fútbol polo carné de socio. Había anos que xa non pertencía ao C. D. Lugo. A situación económica era tan precaria na entidade que unha das medidas que tomaron foi a de suprimir parte das categorías inferiores. E as primeiras en caer foron as dos máis pequenos. E, claro, aí fun eu tamén. Era a época da España na Champions League da economía, como lle gustaba dicir a José María Aznar en referencia á burbulla inmobiliaria que poucos anos despois estalou por mor da crise económica do 2005 e que acabou por esnaquizar a ficción das clases medias. Os equipos profesionais gastaban grandes cantidades de cartos en traspasos de todo tipo; as burbullas proliferaban e non só eran de champaña. Pero a crise económica permanente parecía asolar ao Lugo.
Todas as fins de semana eramos centos de nenos os que buscabamos a alegría do balón. E esa ledicia estaba sendo extirpada do C. D. Lugo. Non quedaba outra, dicíase. Tanto foi así que cheguei escoitar unha das frases máis lapidarias que pode chegar aos ouvidos dun neno que soña co fútbol. Alguén dixo: dá o mesmo, de aquí non chegaría ninguén á elite. Mais a esas idades que máis daba a elite se o Lugo non estaba no fútbol profesional. A elite pódese pensar de adulto, mais non de neno. Interesábanos a paixón e a diversión, e para iso chegaban os campos de terra. Tiñamos que marchar cara a outros clubs, o que dalgún xeito viña a ser unha especie de orfandade. Daba igual o equipo: xa fose o Xove Lago, o Viveiro ou o Milagrosa. Porén dalgún modo aquilo obrou unha pequena milagre: todos podiamos posuír un delicado anaco do club que agora pasaba a ser unha entelequia nesas categorías. Que o club por excelencia da cidade amurallada non tivese representación, non eliminaba necesariamente a posibilidade de poder vestir as súas cores nun futuro. O Club Deportivo Lugo na provincia, seguía a ser o Club Deportivo Lugo. E todo rapaz aspiraba a portar o seu escudo.
Daqueles anos de canteira gardo lembranzas de diversos tipos, malia que os máis interesantes quedan fechados nuns cantos personaxes. Un deles, era o pai dun compañeiro de equipo: un home cunha inxenua alegría permanente que posuía a capacidade de xuntar a todos os adestradores que tivéramos ao longo dos anos e facer un novo nunha soa persoa. As súas mesturas provocaban caos nas conversas entre nais e pais. Ninguén sabía a quen se estaba a referir e á vez era evidente.
Outro dos personaxes entrañábeis era o mozo, próximo á trintena, encargado de repasar as liñas do terreo de xogo. Eran varios campos porque dun de fútbol once, facíanse varios de fútbol sete. A maioría dos partidos eran ás dez da mañá, polo que era preciso estar no campo, cando menos unha hora antes: había que se cambiar e quentar. Os partidos non se xogaban no mesmo campo no que se adestraba. Había que se desprazar até O Ceao (hogano lugar de adestramento do primeiro equipo, mais que no seu momento era un campo máis da cidade), situado nunha das entradas por autovía a Lugo. A primeira hora da mañá o recinto estaba fechado e era este home o encargado de preparar os terreos quen debía abrir. Adoitaba chegar nunha pequena moto, malia que varias veces se lle atopou o vehículo aparcado e co recinto fechado. Entón, era preciso espreitar para o banco e alí se vía unha figura recostada. Era el, probabelmente após unha noite de troula, preparándose a través dun sono profundo e eterno para trazar unha imposíbel liña de banda con forma de ese.
Abraham Pérez, Sacho de seda: unha microhistoria sentimental (2023)
4/6/23
O medo de calquera deportista
Todo comeza nos anos 90, en Bos Aires, Arxentina. Enzo González, un rapaz de 18 anos de idade, era unha das grandes promesas para o fútbol mundial. Enzo, tres anos atrás pasou por unha das lesións máis complicadas do deporte, rotura de ligamento cruzado. Dende aquela non volveu a ser o mesmo. A recuperación foi moi difícil e durou máis de 10 meses o cal é un gran sacrificio para voltar estar ao máis alto nivel. En cada carreira, salto, freada, el tiña medo. A evolución era moi lenta, pero non se rendeu nunca. Cando estaba nos últimos meses de recuperación tiña moito medo a unha cousa, a fracasar como deportista e non poder dar o seu máximo nivel debido a todo o que estaba a pasar. Dez meses despois da súa lesión comezou a xogar; as cousas non saían ben, e el estaba a punto de deixalo todo, por medo ao que dirán, ao que pensarán todos aqueles que confiaron nel sempre.
Raúl Paredes