Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

17/7/23

Dende a periferia

 

Deixei de xogar ao fútbol con catorce anos, principalmente porque os dedos anular e maimiño da man dereita pasaron de ter unha forma recta a representar a mellor finta dun extremo. As dores da man fixeron que decidise deixar a práctica do fútbol polo carné de socio. Había anos que xa non pertencía ao C. D. Lugo. A situación económica era tan precaria na entidade que unha das medidas que tomaron foi a de suprimir parte das categorías inferiores. E as primeiras en caer foron as dos máis pequenos. E, claro, aí fun eu tamén. Era a época da España na Champions League da economía, como lle gustaba dicir a José María Aznar en referencia á burbulla inmobiliaria que poucos anos despois estalou por mor da crise económica do 2005 e que acabou por esnaquizar a ficción das clases medias. Os equipos profesionais gastaban grandes cantidades de cartos en traspasos de todo tipo; as burbullas proliferaban e non só eran de champaña. Pero a crise económica permanente parecía asolar ao Lugo.

Todas as fins de semana eramos centos de nenos os que buscabamos a alegría do balón. E esa ledicia estaba sendo extirpada do C. D. Lugo. Non quedaba outra, dicíase. Tanto foi así que cheguei escoitar unha das frases máis lapidarias que pode chegar aos ouvidos dun neno que soña co fútbol. Alguén dixo: dá o mesmo, de aquí non chegaría ninguén á elite. Mais a esas idades que máis daba a elite se o Lugo non estaba no fútbol profesional. A elite pódese pensar de adulto, mais non de neno. Interesábanos a paixón e a diversión, e para iso chegaban os campos de terra. Tiñamos que marchar cara a outros clubs, o que dalgún xeito viña a ser unha especie de orfandade. Daba igual o equipo: xa fose o Xove Lago, o Viveiro ou o Milagrosa. Porén dalgún modo aquilo obrou unha pequena milagre: todos podiamos posuír un delicado anaco do club que agora pasaba a ser unha entelequia nesas categorías. Que o club por excelencia da cidade amurallada non tivese representación, non eliminaba necesariamente a posibilidade de poder vestir as súas cores nun futuro. O Club Deportivo Lugo na provincia, seguía a ser o Club Deportivo Lugo. E todo rapaz aspiraba a portar o seu escudo.

Daqueles anos de canteira gardo lembranzas de diversos tipos, malia que os máis interesantes quedan fechados nuns cantos personaxes. Un deles, era o pai dun compañeiro de equipo: un home cunha inxenua alegría permanente que posuía a capacidade de xuntar a todos os adestradores que tivéramos ao longo dos anos e facer un novo nunha soa persoa. As súas mesturas provocaban caos nas conversas entre nais e pais. Ninguén sabía a quen se estaba a referir e á vez era evidente.

Outro dos personaxes entrañábeis era o mozo, próximo á trintena, encargado de repasar as liñas do terreo de xogo. Eran varios campos porque dun de fútbol once, facíanse varios de fútbol sete. A maioría dos partidos eran ás dez da mañá, polo que era preciso estar no campo, cando menos unha hora antes: había que se cambiar e quentar. Os partidos non se xogaban no mesmo campo no que se adestraba. Había que se desprazar até O Ceao (hogano lugar de adestramento do primeiro equipo, mais que no seu momento era un campo máis da cidade), situado nunha das entradas por autovía a Lugo. A primeira hora da mañá o recinto estaba fechado e era este home o encargado de preparar os terreos quen debía abrir. Adoitaba chegar nunha pequena moto, malia que varias veces se lle atopou o vehículo aparcado e co recinto fechado. Entón, era preciso espreitar para o banco e alí se vía unha figura recostada. Era el, probabelmente após unha noite de troula, preparándose a través dun sono profundo e eterno para trazar unha imposíbel liña de banda con forma de ese.

Abraham Pérez, Sacho de seda: unha microhistoria sentimental (2023)