Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

10/10/23

O fútbol, ese misterio!

 

Para ela o fútbol non deixaba unha de ser unha extravagancia que lle comía terreo ao brillante e tradicional xogo de billarda. Apesares desas encomendas maternais, na miña parroquia de Merlán había unha eufórica equipa de fútbol, ben soada e competitiva, con adultos e alterados seguidores como o Enrique do Torneiro que, en certa ocasión, chegou até o porteiro visitante e espetoulle, con rango e severa advertencia: “Como non deixes pasar a pelota para dentro dos paus, vas volver cunha perna rota”.

A presenza futbolística inicial na miña parroquia, creou escola e transcendeu progresivamente até ter un porteiro de primeira división que medrou no Chantada e pasou ao Celta de Vigo, ao Sporting de Xixón, ao Osasuna e ao Granada. Refírome a Roberto Fernández, da casa do Ferreiro de Rolle, que xa é mito na euforia de non poucos fans que o manteñen nun incunable de lealdades. A equipa do Merlán creouna a principios dos anos cincuenta Alfonso Otero, da casa do Lerio de Pumar, falecido hai poucos meses á idade de noventa anos. Alfonso foi un eufórico defensor deste deporte e coñecedor do mesmo con todas as reservas que esixe o deporte.

Nos recreos da miña escola practiquei o tiro a facer goles, con zocos non moi ortodoxos que estragaban a pelota de trapo e desinchaba a de goma. Era un acto de activar virilidade, para ser máis bruto sen sentirte máis idiota. A primeira vez que vin un partido de fútbol en serio e competitivo, foi entre o Chantada e o Sarriana, no campo de Sangoñedo. Cando saíron as equipas e os berros do público crearon euforia nos xogadores, galopando tras do balón. O meu pai en plan solemne e nada xentil co que vía, colleume polo pulso en acción de arrebato, e díxome: “Que perda de tempo ver a estes monifates de vila correndo detrás dunha vincha inflada”.

Xosé Lois García, fragmento do artigo homónimo, publicado no Nós, o 22/5/2022