Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

30/8/23

Dende o centro do Campo do Balón

 

O Campo do Balón é o lugar onde xogabamos, con herba para comeren as ovellas na parte de abaixo, dúas porterías e alí aprendemos a andar en bicicleta. Pouco a pouco foise convertendo en campo de Fútbol, entón marcábase o campo como se podía tamén na parte da relva ben segada. Eu xoguei nese campo ao fútbol e formei parte dun equipo, Estrellas Azules de Mosende. Podo lembrar a moitas das miñas compañeiras da parroquia, a memoria non me dá para máis: Julia, a porteira, Estrella da Mina, unha lateral dereita impresionante, Meli, que xogaba de extrema dereita e eu de extrema esquerda. Sobre todo, lembro e creo que todas nós, lembramos a Nieves, unha central impresionante. Tamén recordo que no equipo do Porriño a porteira era a miña amiga Ivonne, á que conseguín meterlle algún gol. Eran os anos oitenta e comezabamos a xogar aquelas mozas entre quince e vinte anos, é como se viñera unha moda, que logo parou. Non volveu haber equipo feminino na parroquia, tampouco en moitas outras. Daquela ninguén falaba do Karbo Club de Fútbol da Coruña, nós sabiamos da súa existencia polos breves encontros que tiñamos coas adversarias doutros lugares que nos ían contando, así soubemos que ían xogar e que gañaron unha copa que se chamou Reina Sofía. Non estaban nas noticias. Non as deixaron xogar en Riazor. Daquela dicíase que o que xogaban as mulleres non era fútbol, por iso non se tiña dereito a entrar nalgún terreo de xogo. Nós compartiamos o Campo do Balón e as camisolas co equipo masculino. O Día de Reis de 1984 en Balaídos xogou o Celta feminino co Alcobendas, gañaran por 4 contra 1. Ese día entre o público un imbécil dixo sobre unha xogadora: “A esa tortillera quitáballe eu a enfermidade, o que precisan é un macho. Cos ollos fechados fágolle o favor”.

[...] Hai anos que sigo todos os mundiais de fútbol feminino, para min a súa visibilidade está en relación directa co feminismo, coa visibilidade do amor entre mulleres, coa liberdade sexual. Son feliz cando vexo mulleres comentando os partidos de fútbol nos medios de comunicación, cando vexo seleccionadoras como Sarina Wiegman ou Martina Voss-Teklemburg. Son feliz ao pensar que calquera da selección española que acaba de gañar o mundial, tamén gañaron as quince do botín, poderá ser comentarista, adestradora e sobre todo Presidenta da Federación. Sóbrame o seleccionador de Fútbol que ten que aprender a falar para empezar: son gañadoras, campioas. 

Marga do Val, fragmento do artigo homónimo publicado no Nós o 25/8/2024