Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

17/2/21

Un final viral (e II)


No regreso a Vilapún, Jonathan comezou a sentir sono. O chicle de menta con frescor polar que tiña para esas ocasións non foi capaz de neutralizar a calefacción e a canseira da semana polo que nas curvas da Cha saíuse da estrada e o coche precipitouse violentamente cara o río Cancelada. O forte impacto fixo que perdera o sentido durante un pequeno tempo. Cando espertou viu que o coche, completamente estragado, se balanceaba nun salgueiro ameazando con caer a un banzado do río. Tiña as extremidades inferiores atrapadas entre os ferros e o volante chantado nas costelas. O seu maior tesouro, o coche, que tuneara grazas ás súas mans e o miserento soldo no taller, estáballe provocando unha ferida profunda na perna esquerda e unha intensa dor que a penas o deixaba respirar

Aledouse ao ver o móbil a unha distancia prudente. Incribelmente non saíra despedido tralo impacto xunto con outros obxectos persoais que levaba no coche. Despois de varios intentos conseguiu apreixalo mais a decepción foi maiúscula ao decatarse de que non había absolutamente ningunha cobertura. Sentíase prisioneiro do seu propio fillo. Quixo chorar pero unha dor punzante no peito impediullo.

Preocupouse cando a dor da perna foi substituída paulatinamente por unha friaxe cada vez máis intensa. Unha sensación que á súa vez lle transmitía calma por vez primeira dende o impacto. Fixo o que fan moitas persoas cando tiran a toalla; trouxo ao presente lembranzas do pasado, mais non se molestou en rezar.

Viu a cara de felicidade dos seus pais cando chegou á casa co seu título de Formación Profesional; albiscou o día que adquiriu o Renault Megane de segunda man coas súas primeiras nóminas no taller; lembrou tamén a primeira relación sexual con Tania, máis esta xa non tiña a súa cara, senón a de Marta…

O monótono e intenso gurgullar do río naquela fría mañá de San Martiño foi interrompido por un murmurio ao lonxe. A intensidade foi aumentando e as risas de homes e mulleres alternaban con animadas conversas. Dubidou de se sería un soño, un delirio dun corpo que se vai entregando engordiño, porén, nun momento de lucidez lembrou que máis dunha vez atopara nesa zona fatos de persoas uniformadas con chalecos fosforescentes facendo a denominada ruta do colesterol. Cantas pestes lles tiña botado cando ía ben cediño para o taller ao velos tan ociosos eles, invadindo a estrada!

Deuse conta de que era a súa última oportunidade; perdera moito sangue e practicamente non sentía a perna. Ante a imposibilidade de berrar volveu a coller o móbil. Entrou na galería de vídeos e activou con todo o volume que daba o aparello o primeiro vídeo que atopou. O “Tot el camp, es un clam...” inundou o val do Cancelada á vez que os catro goles da humillante vitoria do día anterior ían pasando entre comentarios burlescos do partido.

O último dardo deu na diana, e hoxe, aínda con secuelas do accidente, Jonny rise cando lembra que aquel funesto partido foi quen de salvarlle a vida grazas a un anxiño blaugrana que nunca conseguira namorar pero si manter como a mellor das súas amigas.

Mario Outeiro


FICHA TÉCNICA : Idioma: galego; Xénero: narrativo (relato); Público: xuvenil. Ano creación: 2015; Publicación: Galicia Digital (https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.21990.php) o mércores, 2 de xaneiro de 2019.