Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

28/1/22

Letras galegas e fútbol (I)

 RECENSIÓN O DEZ, número 8 da primavera de 2021

Esta revista, presentada como a do “fútbol con cerebro” está dirixida polo xornalista Óscar Losada, que coordina a colaboración na publicación de diferentes persoas, céntrase neste número en varias das figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas e a súa ligazón co fútbol. Este número que viu a luz na primavera de 2021 recolle a relación de varios escritores e persoeiros importantes no mundo da cultura galega co mundo futbolístico.



Nestas páxinas podemos ler textos da autoría de Celso Emilio Ferreiro como “O Rachapedras foot-ball club”, artigo que pertence a un libro editado por Xerais titulado Semblanzas, crónicas e artigos, que recolle escritos do poeta realizados para o xornal Faro de Vigo ao longo de trinta anos. Os lectores do xornal puideron ler o artigo o 15 de xuño de 1964 que orixinariamente estaba escrito en castelán, mais que se recolle neste número da revistatraducido ao galego. O artigo céntrase na historia do equipo de fútbol que triunfaba, en palabras do propio Celso Emilio, “por esmagamento físico dos seus adversarios, aos que non lles daba tempo nin de respirar, xa que as súas galopadas en tropel non cesaban durante os noventa minutos do match”. Este equipo no que os xogadores corrían a "trote burricán, e as súas pisadas rotundas e ruidosas levantaban faíscas sobre as abondosas pedras do chan e de aí lle viña o nome” desapareceu da competición futbolística ao falecer de xeito súbito o seu mecenas que sufragaba os gastos do material deportivo, mais morreu invicto e no campo de fútbol no que xogaba di Celso Emilio “apáñanse agora viles hortalizas”.

Estas primeiras páxinas da revista serven tamén de testemuño de que o propio Celso Emilio foi xogador no Sporting Celanova como se recolle nunha fotografía na páx 6 (en pé, o terceiro pola esquerda). 


Outro escritor ourensán, o limiao Carlos Casares, aparece retratado coaequipación do Antela F.C., mesmo nunha golpeando un balón na páxina 11. O escritor tamén defendeu as cores da escuadra do Colexio Santa Mariña, a escola na que estudou e nalgúns dos seus artigos na prensa deixou mostra do seu interese por este deporte. Nun texto de Edelmiro Martínez Cerredelo o autor relata a relación do escritor de Xinzo co fúbol escolar e no equipo da súa vila e do que o propio Casares dá conta no seu artigo “Unha biografía” onde comenta: “Agora acórdome, por exemplo, que cando os rapaces estábamos xogando ao fútbol na estrada de Madrid, pola que transitaba un camión só de cando en vez, este home (un garda municipal de Xinzo) facíanos rabiar, pois sempre que pasaba por alí, dáballe un punteirazo á pelota para mandala ás quimbambas”.

O irmán do escritor escribe no artigo “A infancia de Carlos” que “A Carlos gustáballe xogar ao fútbol; era moi habilidoso no manexo da pelota. Os compañeiros chamábanlle Kubalita, alcume futbolístico que non lle desgradaba, xa que tiña unha grande admiración polo famoso xogador do F. C.Barcelona”. Carlos tamén mencionou en varios artigos d’A marxe a súa afeccción ao fútbol e a súa participación no Antela. Un deles é o artigo publicado o 31 de maio de 1984, titulado “Fútbol e literatura”: “O venres pasado estiven en Xinzo de Limia, falándolles aos alumnos dun colexio. Gustoume recordar que me atopaba sobre o chan do antigo Campo da Seara, onde xoguei tantos partidos de fútbol co Antela, o equipo da miña vila, para o cal metín algúns goles en partidos de moita paixón e bastantes nervios. Quen non coñeza o pracer de provocar unha explosión de alegría desboradada no público cun remate afortunado, está privado de emocións que resultan difíciles de sentir en ningunha outra circunstancia”.



Noutro artigo conta como nun acto literario un amigo lle entregou un sobre con fotografías nas que aparecía posando no Antela e noutro fala dunha desputa entre afeccionados nunha vila de Ourense onde aos xogadores do Antela lles tiraron pedras, paus, bólas de aceiro e ata un zapato e unha navalla aberta. Estas referencias e as fotografía son mostras abondas da súa afección polo fútbol e tamén da pertenza á currobla barcelonista de Xinzo.

Ana Martíns
(as fotografías correspóndense coas do número da revista referenciado)