Poucos minutos despois de comezar o segundo tempo dun partido de
fútbol que se celebraba en Riazor e que enfrontaba ó –daquela-
Superdepor con algún dos equipos sobranceiros da Liga de Fútbol de
Primeira División, Arsenio, que era o adestrador, chamara cabo del a
Fran, aínda novo en idade pero xa moi ben considerado no seu oficio,
para lle dicir algo ó oído, algo que o rapaz escoitou atentamente
mentres ía asentindo coa cabeza. Seguiu o encontro e algo debeu
mudar para ben no xogo dos da casa porque, non sen os lóxicos
esforzos, acabaron por gañar un partido que se lles puxera algo
difícil e no que, xusto ó seu remate, unha morea de cronistas
deportivos de todos os medios, armados de micrófonos, gravadoras,
bolígrafos e cadernos de notas que viñan ser como naturais
prolongacións de ollos, mans e linguas, rodearon ó futbolista
pedíndolle que contestase ó que eles lle preguntaban a berros. O
rapaz non sabía moi ben a quen atender e víase que andaba bastante
desorientado e esforzándose en non quedar mal con ninguén.
Estaban interesadísimos en saber que fora aquilo que o adestrador
lle dixera cando o chamara para lle falar ó oído e supoño que case
todos utilizarían esa maneira de preguntar, tan propia de certos
informadores, que consiste en indicarlle de entrada ó entrevistado a
resposta que se desexa escoitar del. Que novo debuxo táctico mandara
trazar riba do céspede (isto ten que aparecer sempre) de Riazor o
astuto “Raposo de Arteixo”? Que reduccións espaciais encargadas
de coutar os ámbitos do rival e dilatar os propios decidira poñer
en práctica encargándolle a el que a transmitise ós seus
compañeiros? Quen tiña que se situar preto do pao curto cando se
puxeran as faltas en movemento...?
O bo de Fran, abrumado polo asedio, limitouse a contestar a verdade:
“Non foi nada diso..., a min o adestrador díxome, literalmente:
Neno, non te me poñas tolo!”
E, polo que se viu no partido, o rapaz entendeu perfectamente as
instruccións.
Non creo que aquela resposta deixase conformes a moitos dos
interrogadores e supoño que non sempre foi iso o que despois saíu
publicado pero, como agora se van celebrar os Xogos Olímpicos, e
despois dos triunfos en fútbol, tenis, ciclismo, baloncesto e outros
deportes, e non son poucos os entendidos que aproveitan todos os
medios ós que dan chegado para aconsellar, prescribir, avisar,
dirixir e mesmo por veces pontificar sobre o que cómpre facer en
cada caso, non sería mala cousa que os deportistas participantes, a
quen se lles supón capacidade e interese abondos, decidan tomar
desde o primeiro momento o sinxelo camiño das cousas ben feitas.
E, despois, que haxa sorte.
Paco Martín, publicado na sección 'Auga lizgaira' de El Progreso