Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

21/10/20

Pureza ou poder?

Sempre adorara o fútbol, durante toda a súa vida. Soñara moito tempo con compoñer un himno para este deporte. Era un árbitro cualificado. Tiña un caderno especial onde anotaba os resultados da tempada. Na súa mocidade fora seareiro do Dinamo, e unha vez voara miles de quilómetros ata Tbilisi só para ver un partido. Aí estaba a graza: tiñas que estar alí cando ocorría, rodeado por unha multitude de persoas que berraban enlouquecidas. Agora a xente vía o fútbol na televisión. Para el era coma beber auga mineral no canto de vodka Stolichnaya, calidade de exportación.
O fútbol era puro: por iso lle gustara. Un mundo construído con honrado esforzo e momentos de beleza, onde as disputas sobre o que estaban ben ou mal as dirimía nun intre o asubío dun árbitro. Sempre lle parecera afascado do Poder, das ideoloxías, da linguaxe vacua e da expoliación da alma humana. Só que -aos poucos, co paso dos anos- se decatou de que isto só era unha fantasía súa, unha idealización sentimental deste deporte. O Poder dáballe ao fútbol o mesmo uso que lle daba a todo o demais. Daquela: se a sociedade soviética era a mellor e a máis avanzada da historia da humanidade, o fútbol soviético debía reflectir este feíto. E se non podía ser sempre o mellor do mundo, polo menos tería que ser mellor ca o fútbol dos países que abandonaran vilmente o camiño verdadeiro do marxismo-leninismo.

Lembrou os Xogos Olímpicos de 1952 en Helsinki, cando a Unión Soviética xogou contra Iugoslavia, feudo de Tito, o revisionista matón da Gestapo. Para sorpresa e consternación xerais, os iugoslavos gañaran 3-1. Todo o mundo esperaba que el estivese desolado polo resultado, que oíra pala mañá cedo na radio, en Komarova. Pola contra, correu á dacha de Glikman e xuntos deron conta dunha botella de coñac Fine Champagne.

Fragmento de O ruído do tempo, Julian Barnes