- Oi Manuel, que carallo facemos? Non me apetece nada saír hoxe!
...
- Xa oh! Aguantar a Pedrín de Cruzul e a tropa das Nogais toda a noite? Nin de coña!
...
- Eu por min deitábame e que lles deran polo cu a esa banda de culés!
...
- Ir a Vilalba? Pero iso queda na casa da collona! E se imos a Sarria? Malo será que os atopemos alí. Ademais, hai moito tempo que non imos!
...
- Ben, non se fale máis! Quedamos na gasolineira de Becerreá ás doce menos cuarto. Hoxe levo eu o coche que teño que amosarche os pedais de titanio que merquei por internet a semana pasada...
O metamorfoseado coche de Jonathan sucaba as curvas de Eixibrón rachando o sagrado silencio da noite con aquel bruar pulsante e grave. A animada conversa co seu compañeiro de fatigas foi arrefriando o monumental desgusto propinado no Bernabeu polo seu maior rival deportivo. Tivera que deixar o ordenador, onde vía os partidos de pago grazas a unha web pirata, na segunda parte para tirarse no sofá da sala a escuras intentando conter a rabia. Cos ollos pechados non chorou pero do nó da gorxa manaba unha molesta bile aceda que o afogaba. Apagara o móbil que xa comezara a piar de xeito espasmódico dende o primeiro gol de Luís Suárez, non sen antes esfachalo con carraxe contra a cama. Naquel intre tiña claro que o mellor que podía facer era deitarse, pero aos vinte anos sempre hai algo que pode máis que a maior das rabechas deportivas, polo que decidiu chamar a Manuel dende o teléfono da casa.
Aquel sábado non fora o seu día. A mediodía chegáralle un whatsapp ao móbil dicindo que viran a noite anterior saír a Tania cun mozo alto dun "pafeto" de Clérigos, mentres pola tarde tivera que escoitar unha nova reprimenda do xefe do taller por non deixar as ferramentas colocadas no seu sitio. El tiña claro que nada se podía agardar dun día que comezara cruzado e rematara peor. O mellor era sempre deitarse e agardar os ventos favorábeis dun novo día pero o sábado seguinte quedaba moi lonxe, con intensas xornadas laborais que sumaban ata cincuenta e seis horas á semana, como para deixalo escapar por culpa dun fato de novos ricos sen sangue nas veas.
Na primeira estación da noite atoparon a Lucía, unha colega de Vilartelín coa que coincidira Jonny no instituto de Becerreá. Nunca chegaran a ter moita relación porque deixara os estudos despois do fracaso da primeira avaliación e coa responsabilidade de que a economía familiar non se podía permitir pasar un ano en branco. Non se viran dende aquela. Presentoulles a Marta, a súa curmá do Corgo. Foi un encontro agradábel e divertido, mais breve, como compre a primeira hora para demostrar que un navega folgado polas incertas augas da noite do sábado.
A mente de Jonathan escaneaba, de xeito obsesivo, a todas as mozas coas que se cruzaba na procura do perfil físico de Tania, a fermosa moza que coñecera en Becerreá o verán pasado. Despois de liárense media ducia de veces, Tania ignorouno como se non o coñecese outras tantas veces, nun xesto de chulería bipolar que provocaba no rapaz unha mestura equitativa de dano e excitación sexual. A mensaxe do mediodía non fora suficiente como para esquecela e gozaba imaxinando a cara de Tania véndoo a el saír con outra rapaza.
No terceiro pub da noite, volveron a atoparse coas dúas mozas. A feliz coincidencia, xunto cunha receptividade que é sempre directamente proporcional ao decorrer das agullas do reloxo, fixo que decidisen pasar o resto da noite xuntos. As distintas afinidades persoais foron xuntando a Jonathan con Marta e a Manuel con Lucía. Como non podía ser menos beberon, bailaron desenfadadamente e ríronse como había tempo que non fixeran. Manuel e Lucía, que ían moito máis rápido animados, se cadra, por unhas copiñas de xenebra e tónica, perdéronse silandeiros na noite.
Na conversa animada de Jonny, nos sofás da zona tranquila da discoteca, tamén houbo un oco para falar de mecánica, a súa paixón, e tamén a de Marta, que estaba estudando en Vigo Enxeñaría Industrial, aínda que fora dende unha perspectiva moito máis teórica. Por suposto, tamén falaron de fútbol, como era de rigor naquela noite do derbi. Marta era do Barcelona, polo que non deixou pasar a oportunidade de meterse co rapaz e incluso aproveitar para intercambiaren o teléfono coa escusa de enviarlle un vídeo por whatsapp que xa estaba sendo viral a aquela hora da noite. A Jonathan, por vez primeira en moito tempo, importáronlle ben pouco as picadas futbolísticas daquela rapaza que ningún parecido tiña con Tania e que sen embargo fora capaz de mandala a un total segundo plano.
Chegaron as sete da mañá, e xa non quedaba por Sarria local algún onde que acubillarse así que, despois de recuperar a Manuel, despedíronse cun bico demorado na meixela. A volta fíxose curta polo que aínda quedaron falando no coche un anaco antes de que cada un collera para a súa casa. Lonxe quedaban agora os desgustos do día!
Mario Outeiro