Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

6/8/21

Fútbol no faiado

       Un fraco e frouxo ruído caía rusticamente desde o fráxil faiado situado sobre a habitación de María. Nada bo podía ser nunha noite dun venres de maio, con pouco frío e moita chuvia, cargada de medo. Aquel corazón de tan só nove anos batía ás présas, como un muíño que andase en pedra. Sen preocupárense, os minutos cravábanse na paciencia daquela nena, acurrunchada na beira da cama cos ollos choídos en negro, sen lles importaren atravesar a media hora sobre as dúas.

Sabía o que había. Claro que o sabía! Sabíao e nada podía facer. Era ela. Era ela. Tiña que ser ela. Si, si. Non podía ser outra. Esa rata xa lle roera no faiado, había máis de tres meses, unhas alpargatas de esparto noviñas que tiña gardadas do verán pasado. Por iso, cando os pais lle pediran que subise alí enriba o balón de fútbol nº 4, de 65 centímetros de circunferencia e 350 gramos, que lles entregara a directora do colexio aos dous equipos finalistas esa tarde previa á final do sábado, María protestou, inutilmente, cos ollos abafados en tristura. Por máis que lles prometera aos seus proxenitores respectar a integridade dos diversos elementos estruturais e decorativos da habitación, mantendo o balón en repouso, a nai e o pai, coa mirada perdida na escasa pintura que permanecía aínda nas paredes sen pegadas de pelota, e coa sensación de perigo que lles proporcionaban os fragmentos inda vivos na lámpada do teito, non cederan ás pretensións da súa filla.

O tempo volvíase caprichoso e perdía o control pluvial, superadas as tres da madrugada mentres a nena loitaba a escuras contra aquel bicho aínda máis caprichoso. O ruído da besta infernal rillando na bóla multiplicaba os latexos de María en cada dentada. Desexaba poder acender a luz, erguerse da cama e enfrontarse ela soa ao animal co pau de golf que seu pai gardaba no armario da entrada, mais o medo, coma unha negra sombra en busca de pena, permanecía alí no cuarto, sentado diante da porta, cos dentes afiados e escuros. Entón buscou coa palabra un ton agudo e alto para que puidesen oír os pais, a rata, o medo… porén, ningún fonema ─nin sequera ningún son─ ousou saltar as cordas, tirantes de máis.

Véndoa derrotada, as bágoas foron colonizando, silandeiras, as súas meixelas ata chegaren a sentirse cómodas nelas, co reloxo mirando cara ás catro. Pouco a pouco a súa mente foi descolorando en imaxes a angustia daquel sábado tarde, daquela hora do partido final do campionato. Precisamente, na tardiña do venres a capitá do equipo rival e as compañeiras do seu confiáranlle a ela ─a capitá, a dianteira con máis gol─ a custodia dese balón nº 4. Era a primeira vez que ían xogar un partido co nº 4. Levaban anos esnaquizando as botas contra o nº 3, “unha pelotiña de xoguete para pequerrechos”, como sentenciara a porteira do outro equipo finalista, enchéndose de razón coa emoción dos gramos adicionais do nº 4 entre mans. A ilusión era máxima para o estreo do balón na final. E a expectación da comunidade escolar levedara co requento do jogo bonito e limpo que practicaban os dous equipos. As mans rivais de familias, compañeiros e compañeiras e do colectivo do profesorado de cada equipo ían estar a punto para baterse nun duelo de aplausos nas bancadas cubertas do polideportivo.

Mais… chovía amargamente sobre as cinco da madrugada, e aquela rata asasina das alpargatas non deixaba de ferir o balón nº 4 no faiado. Nos seus dentes estralaban os ósos maimiños daquela bóla case celestial. Daquela… xa todo estaba perdido! Todo! E todo pola súa culpa, por non saber coidar o balón, o nº 4!

Foi entón cando María se instalou nun pranto inevitable. Os salaios quebrantadores rompían a noite, desesperados, cos ollos inchados e vermellos…

Seguramente as seis da mañá xa non oíron os choros: o cansazo e o sono fóranse achegando a ela paseniñamente e, sen que se decatase, collérana no seu colo mol de ausencias caladas e levárana da súa man ata un descanso de seda. Por fin, o mundo deixara de existir.

Tivérona que espertar os pais, pasadas as dez e xa preocupados. A noite en vela arreboláraa nun repouso concienciudo e impermeable. Deixara de chover. Coa luz de súpeto nos ollos, recibiuna de novo a almofada. Así a todo, foi por pouco tempo. Canda a luz, entrou o recordo nocturno da rata esmiuzando o nº 4. E aí saltou María da cama. Co susto na face, cos ollos brillantes e cos pés descalzos subiu ao faiado.

Cando baixou, viña cargada de bágoas. Nas mans, o nº 4.

A felicidade dicíao todo. Que unha goteira do teito debidamente tratada pola nai á unha da madrugada fixera ese ruído acartonado, xa a ninguén lle importaba.

Xosé Luís Vázquez Somoza