Un caso curioso é o de Antón Villar Ponte, autor viveirense que en varios artigos arremete contra quen practica deporte: “España necesita pensadores, no pollitos elegantes; de caer en alguna exageración -advierte un autorizado cronista- vale más estudiar demasiado que jugar al polo, al foot ball o al tennis todo el día”, publicado nun artigo de Correo Gallego en 1921. Noutros artigos mesmo ironiza sobre unha derrota da selección española fronte a Italia e insiste noutros sobre o fanatismo da vivencia fultbolística e fala dos futbolistas como “sufriendo generalmente hipertrofia de los músculos a costa de la atrofia del cerebro”. Nunha ocasión celebrou a vitoria do Deportivo contra o Real Madrid en Chamartín en 1932.
Mais o paradóxico é que Antón Villar Ponte é pai de Antonio Villar Chao que foi futbolista do Olímpico de Viveiro e da Unión Sportiva de Santa Lucía para despois pasar ás filas do Deportivo no ano 1939. Na revista nun texto de Luís Timiraos podemos saber da traxectoria deste futbolista que recoñecían como “unha persoa culta, cunha educación exquisita que logo trasladaba ao terreo de xogo, onde destacaba pola súa rapidez, habilidade e remate”. Chao permaneceu no Deportivo durante dez tempadas. Despois xogará no Málaga e até no América de México. Rematou a súa carreira deportiva como técnico de distintos equipos de Terceira e da comunidade galega de Venezuela. E no final dos seus días foille amputada parcialmente a súa perna esquerda e como relata Pepe Carballude nin iso lle fixo perder o humor xa que dicía: “ o que son as cousas, Pepe, esta perna que tanto me deu e canto me está a quitar”. Morreu no ano 2000 e resume a vida cunha frase: “Grazas ao fútbol por permitirme vivir de xeito tan marabilloso”.
Outro lugués homenaxeado polas Letras Galegas no ano 1990 e xogador de fútbol foi Luís Pimentel que fixo parte do Lugo Sporting co que tamén ía ao estadio Manuel María e do que di: “ moi pouca xente sabe que Pimentel, un home tan delicado, xogou ao fútbol de mediocentro” e el mesmo deu nome a un equipo do colexio Luís Pimentel, a Agrupación Deportiva Luís Pimentel, que se federa no ano 2008.