Fernando, o conferenciante, preguntoume:
-Como te chamas?
-Joao, contestei baixiño.
E outra vez o idiota de Tomás, que hoxe estaba a gañar unhas boas patadas na pista.
-E que a Joao non lle gusta que o chamen polo seu nome, quere que lle chamemos Garrincha.
Unha vez mais Garrincha foi a miña salvación.
-Eu non sei nada de paxaros galegas, son do Brasil e só levo vivindo aquí uns meses pero, sabe vostede porque lle puxeron o alcume de Garrincha ao mellor xogador do mundo? -dixen sen pensar.
-Non teño nin idea, mais estou seguro que nolo vas contar -dixo Fernando.
-Garrincha é un paxaro feo e torpe, pero veloz; vive nas selvas do Mato Grosso. E a Manuel Francisco dos Santos, o mellor punta dereito da historia do fútbol, os seus irmáns puxéronlle o nome do paxaro, porque consideraban que era libre, puro e feo coma el. Eu quero chegar a xogar como Garrincha.
Tomás quixo facer o gracioso á miña conta.
-Si que te asemellas en dúas cousas: feo e torpe.
Esta vez a Fernando non lle ti vo graza o comentario e mandouno calar.
-Buscarei imaxes dese paxaro. E, por certo, tes razón, Garrincha foi o punta dereito da historia do fútbol, e xunto a Pelé eran invencibles.
Por fin alguén que coñecía a Garrincha. A partir dese momento prestei atención ás explicacións de Fernando.
Beatriz Maceda Abeleira, O álbum de Garrincha (2015).