"Quería facervos partícipes dun experimento literario [...], dunha serie de relatos englobados baixo este título máis menos suxerente ou afortunado [...]. Imos deixarvos este espacio pra vos, pra que nos contedes, anonimamente, se o credes convinte ou non se vos presta deixar a vosa pegada persoal, deixaremos o voso nome, co voso relato. Contádenos iso si, o que vos saia da alma, e que xire o redor dese entreno, desa preparación que a vida vos esixe." Xosé Anxo Varela "Canti", 2018
Quen é quen?
Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog
(homenaxe)
O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.
30/4/23
18/2/23
Lama, neve e fútbol de segunda B
Resúltame moi difícil pensar nun libro sobre fútbol mellor que Fever Pitch, de Nick Hornby. Se non o leron, fágano. Eu repaseino unha e outra vez mentres seguía polos campos máis modestos da Segunda División B ao Pontevedra CF, tentando comprender por que hai xente que domingo tras domingo se pecha durante dúas horas a ver un espectáculo que moitas veces tende ao infame. A explicación de Hornby, que non é tal, é que el namorou do fútbol "de repente, sen facer exercicio das miñas facultades críticas, sen poñerme a pensar na dor e nos sobresaltos que a experiencia traería consigo". E os catarros, engadiría eu.
Recordo agarrarme ao razoamento de Hornby unha tarde en Mieres, onde chovía tanto que o campo estaba cuberto por unha capa dunha cuarta de lama; aquel Pontevedra deseñado para ascender (custoulle tres temporadas, para despois durar só unha en Segunda División) parecía preso nunha trampa de areas movedizas. Penso que ao final acabaron gañando, e eu repoñéndome da caída do micrófono co que retransmitía o encontro á lameira que había debaixo da grada portátil na que me sentaran. Pero coño, é que tanto os xogadores coma min cobrábamos por estar alí padecendo; os tres ou catro centos de seareiros do Caudal ben puideran quedar na casa vendo Cine de Barrio.
Invariablemente alí estaban un mínimo de cen persoas dispostas a pagar por entrar no estadio, aínda sabendo que o show non ía valer o prezo. Ou si; na lama de Mieres, no sopor de Highbury ou na neve do Stelvio é onde nacen as historias e non na televisión de pago.
Vaia o meu respecto para esta xente en tempos de fútbol anfetamínico e cargado de creatina, atletismo estratosférico e ciclismo de YouTube.
Martiño Suárez, Bestiario do vestiario (2016).
20/1/23
De paxaros e fútbol
Fernando, o conferenciante, preguntoume:
-Como te chamas?
-Joao, contestei baixiño.
E outra vez o idiota de Tomás, que hoxe estaba a gañar unhas boas patadas na pista.
-E que a Joao non lle gusta que o chamen polo seu nome, quere que lle chamemos Garrincha.
Unha vez mais Garrincha foi a miña salvación.
-Eu non sei nada de paxaros galegas, son do Brasil e só levo vivindo aquí uns meses pero, sabe vostede porque lle puxeron o alcume de Garrincha ao mellor xogador do mundo? -dixen sen pensar.
-Non teño nin idea, mais estou seguro que nolo vas contar -dixo Fernando.
-Garrincha é un paxaro feo e torpe, pero veloz; vive nas selvas do Mato Grosso. E a Manuel Francisco dos Santos, o mellor punta dereito da historia do fútbol, os seus irmáns puxéronlle o nome do paxaro, porque consideraban que era libre, puro e feo coma el. Eu quero chegar a xogar como Garrincha.
Tomás quixo facer o gracioso á miña conta.
-Si que te asemellas en dúas cousas: feo e torpe.
Esta vez a Fernando non lle ti vo graza o comentario e mandouno calar.
-Buscarei imaxes dese paxaro. E, por certo, tes razón, Garrincha foi o punta dereito da historia do fútbol, e xunto a Pelé eran invencibles.
Por fin alguén que coñecía a Garrincha. A partir dese momento prestei atención ás explicacións de Fernando.
Beatriz Maceda Abeleira, O álbum de Garrincha (2015).
16/12/22
(intitulado)
88 anos esperando ata chegar a este punto. Ao punto fatídico, ao punto final, ao punto no que todo comeza e todo remata. Ao punto g desta cidade mariñeira que leva a perdendo 88 anos. Dios, non me chega o aire ao peito.Por que pasou de todo Bebeto? Por que quitou Arsenio a Donato do campo se nunca falla?... Estou cagado. Bueno, malo será, o Valencia non se xoga nada, o porteiro este é malísimo...Uf, non sinto as pernas, vamos respira, acouga, Djuca, ti podes, tiraches mil adestrando. Forte e abaixo, forte e abaixo, forte e abaixo, non o para nin de coña. Alá vou!
Fernando Ulla Lorenzo
29/10/22
Contribución á vitoria
A lírica tamén é moi acaída para o fútbol; non hai máis que ver o himno que Manuel María escribiu para o Monforte de Lemos.
O
Club Lemos de Monforte
que
representa a cidade:
¡é un equipo moi forte
e dunha gran calidade!
As cores que nós queremos
son dun branco primoroso:
¡as cores do noso Lemos,
as cores do Lemos noso!
O
Lemos ten unha historia
ben difícil de igualar:
¡soio o contenta a victoria
e xoga sempre a ganar!
¡Arriba Lemos, Lemiños:
compre loitar como os bos!
¡Ánimo Lemos, Lemiños
que hai que vencer campeós!
(inédito, 1989?)
19/9/22
Unha forma de vivir diferente
Boas, son Yanira Guizán.
Son unha rapaza de dezaseis anos que leva xogando ao fútbol sala toda a súa vida. Sempre xoguei con nenos e este último ano tiven a sorte de vivir una experiencia inolvidable, como é a de formar parte da selección galega.
Alí coñecín a moitísima xente e todo foi impresionante, pero por desgraza non acabou o campionato como queriamos, xa que perdimos a semifinal contra Cataluña.
Quero seguir xogando toda a miña vida, porque grazas a este deporte teño unha forma de vivir diferente a moita xente, e se me continúo esforzando quizais algún día poida xogar nun equipo profesional.
![]() |
| Fotografía de Sonia Montes Díaz |
12/7/22
O mal porteiro
Gol!
vai esbaratando o sol
e horizonte, mal porteiro,
non pode parar o gol.
Romances galegos (1928), Eduardo Blanco Amor

