Con
só estirar o brazo e tentar apreixalos coa man parece que estan
aínda aí, os inagotables anos mozos, a morriñenta infanza, a
gallopante madurez non tan lonxana. Con esta tenaz e fría choiva,
agardando polo semáforo, todo semella tan vívido e leve como outro
lado da rúa, nada recorda o duro asfalto que surca entrámbalas duas
aceras. Claro signo do outono cando na mente empeza a subxacer a
Semiótica do inverno.
A
Ferdinand de Saussure, no seu único ano como xogador universitario
do que hoxe viría a ser o RB Leipzig (Rasen Ballsport ou Red Bull,
vai ti saber que metáfora intrincada e rebuscada quixeron vender
detras desa erre be) véuselle o mundo encima cando o míster August
Leskien, despois de dar a lista de convocados e ver que tanto o
bigardo 9 Frédéric, tocaio de seu pai, coma o espelido extremo
dereito do equipo o xenebrés Bally (ao seu tempo pai do que
casualmente seria o alumno máis avantaxado de Saussure, Charles),
non ían xogar o domingo seguinte por estar mancados. August, á súa
vez non era tan só un apaixoado futboleiro de finais do século XIX,
era o mentor neogramático de Ferdinand. Logo de dar a lista sinalou
a este último co índice destro partindo do seu poblado moustache:
-Ti farás de nove. Ferdinand, que habitualmente xogaba de 5, medio
centro defensivo da época, duro e puro, non pasaba do medio campo
p'arriba, non viu os signos e non se contivo, e aínda que pensou que
susurraba espetou con claridade meridiana: - Buah, se gañamos vai
ser de puto miragre. August Leskien era un temible e lexendario
carácter, nas aulas e sobre o verde tapete. E voltou sinalar a
Saussure, esta vez co índice da man esquerda: -Vostede acábame de
desestructurar, comigo non voltará xogar máis. Así foi. Ferdinand
abandonou o fútbol, sentiu o batacazo do duro asfalto, abandonou o
plácido verán da adolescencia e de golpe colleu a senda que lle deu
significado, e tamén significante. A lingua e a fala.
O
resto da historia é ben coñecida: Ferdinand rematou os seus estudos
de sánscrito e como lingüista acabou enfrontándose e traizoando a
seu mestre August, e sentando as bases da lingüística estructural.