Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

12/12/18

Gora San Fermín + Sofisma

Aquí en Bora Bora non hai máis ca pilandras e cultivando cantan cancións e beben cacao. En realidade trabállase pro guiri e chuméase daykiris, manhantans e gyntonics que pagaban varias ceas a moita xente que morre de fame. Namentres en España celebraban aquel campionato do mundo eu, emigrante, vía como se me derrubaba o meu mundo debaixo dos pés, quebraba coma no terromoto de Kobe, cando partiu a placa todo se desplomou por duas anomalías que nin se inmutaban.
Soaba Desolation Row, el tiña bo gusto a pesar de todo, estaba medio pimplao e serveuse un triple seco. Eu estaba vendo o partido sen volume, mirando de reollo case sen entusiasmo. A disputa xa arrincara moitas horas antes, quen sabe quizais xa nin rematara a anterior; practicamente nin nos soportabámos xa. A el dáballe absolutamente igual o fútbol ,a min non, era a miña selección coño; unha cousa rara, galega nacionalista pouco amante do deporte e pouco coñecedora do resto do estado pero fóra de Galiza debilítame La Roja, intríngulis do corazón. Pero aquela mañá non podía, non sentía xa os seus berros e mailos meus, deus que bochorno, que asco. Fascinárame a súa beleza, pero pouco furrulou a relación, nin esperou a acabarse a atracción, era un dictadorzolo abrindo frontes de guerra por tódolos lados. Gustaba da bebida e do xogo, e loxicamente exprimioume os aforros, non é que fora moito, pero era meu, e logo vivimos dando tumbos e meténdonos en problemas e comezaron as malas formas, ata que por outra tempada convivimos destrozándonos entre tanto lixo. Así rematamos.
- Non me importaría deixarte agora mesmo, espetoume.
- Pois faino xa puto cabrón.
Non todos son iguais pero hai moito fillo de puta de gatillo fácil e man moi frouxa con quen non ten a sua forza innata. Meteume unha labazada que me arrancou do sofá, mentres me ladraba en perfecto inglés zorra de merda e cando soltou o fuck you xa soaba un estruendoso portazo liberador xusto no minuto 116, intre en que Andrés Iniesta acadaba o gol. Tirada na alfombra envolta babexando sangue e chorando coma unha magdalena, chegoume o sorriso aos pés. Canta liberación, soltar o lastre dunha historia de merda, que intre de éxtase.
Pero tardei en recuperame moito máis do que agardaba. Non fun capaz de voltar pra casa tan axiña. Non é fácil voltar co rabo entre as pernas cando non topas máis que coa fealdade, co fermoso que é o mundo, e todo o ruín ven dar a unha. Non é pra tanto tampouco, simplemente tiven uns encontros desfortunados que arrastraron mala vida, pero voltar queimada, cunhas patadas no orgullo, non é sempre asumible. Tampouco tiña présa e deambulei un par de anos aínda. E collía cara Pamplona aquel dia, pero cheguei a Barajas o día que o Taboada saíu no Marca, onde contaba toda a historía da pelexa polo ascenso a Preferente. E cara Alvedro collín e presenteime en Noia o día antes de San Fermín. Foi certo como o conto, cando Andresín meteu o gol do empate no minuto 88´, abrazáchete a min e alí te coñecín e agora non deixo de ser unha tola polo fútbol e por ti, e será por iso que non podo parar de sorrir.


13/13
SOFISMA
Que cona pinto acó, coidaba o pintor diante daquel lenzo abandoado facía anos naquel intre de crise existencial. Coma Sofía sumida na soidade do desamor contemplando o orballo crepuscular. Coma o eterno porteiro suplente que sen queixa aguantaba a humidade de todo banquiño vivente agardando a mínima alternativa. Habitualmente enganábanse, eran dignos rivais de si mesmos. Unha pincelada, unha mirada, unha parada, facíaos seguir tirando. Pero hoxe fai moito frío. O frío tan intenso que adormenta, tan perigoso que fai aflorar a supervivencia. Non hai estratexia. Só estrago, é o que queda.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)