Aquí
en Bora Bora non hai máis ca pilandras e cultivando cantan cancións
e beben cacao. En realidade trabállase pro guiri e chuméase
daykiris, manhantans e gyntonics que pagaban varias ceas a moita
xente que morre de fame. Namentres en España celebraban aquel
campionato do mundo eu, emigrante, vía como se me derrubaba o meu
mundo debaixo dos pés, quebraba coma no terromoto de Kobe, cando
partiu a placa todo se desplomou por duas anomalías que nin se
inmutaban.
Soaba
Desolation Row, el tiña bo gusto a pesar de todo, estaba medio
pimplao e serveuse un triple seco. Eu estaba vendo o partido sen
volume, mirando de reollo case sen entusiasmo. A disputa xa arrincara
moitas horas antes, quen sabe quizais xa nin rematara a anterior;
practicamente nin nos soportabámos xa. A el dáballe absolutamente
igual o fútbol ,a min non, era a miña selección coño; unha cousa
rara, galega nacionalista pouco amante do deporte e pouco coñecedora
do resto do estado pero fóra de Galiza debilítame La Roja,
intríngulis do corazón. Pero aquela mañá non podía, non sentía
xa os seus berros e mailos meus, deus que bochorno, que asco.
Fascinárame a súa beleza, pero pouco furrulou a relación, nin
esperou a acabarse a atracción, era un dictadorzolo abrindo frontes
de guerra por tódolos lados. Gustaba da bebida e do xogo, e
loxicamente exprimioume os aforros, non é que fora moito, pero era
meu, e logo vivimos dando tumbos e meténdonos en problemas e
comezaron as malas formas, ata que por outra tempada convivimos
destrozándonos entre tanto lixo. Así rematamos.
-
Non me importaría deixarte agora mesmo, espetoume.
-
Pois faino xa puto cabrón.
Non
todos son iguais pero hai moito fillo de puta de gatillo fácil e man
moi frouxa con quen non ten a sua forza innata. Meteume unha labazada
que me arrancou do sofá, mentres me ladraba en perfecto inglés
zorra de merda e cando soltou o fuck you xa soaba un estruendoso
portazo liberador xusto no minuto 116, intre en que Andrés Iniesta
acadaba o gol. Tirada na alfombra envolta babexando sangue e chorando
coma unha magdalena, chegoume o sorriso aos pés. Canta liberación,
soltar o lastre dunha historia de merda, que intre de éxtase.
Pero
tardei en recuperame moito máis do que agardaba. Non fun capaz de
voltar pra casa tan axiña. Non é fácil voltar co rabo entre as
pernas cando non topas máis que coa fealdade, co fermoso que é o
mundo, e todo o ruín ven dar a unha. Non é pra tanto tampouco,
simplemente tiven uns encontros desfortunados que arrastraron mala
vida, pero voltar queimada, cunhas patadas no orgullo, non é sempre
asumible. Tampouco tiña présa e deambulei un par de anos aínda. E
collía cara Pamplona aquel dia, pero cheguei a Barajas o día que o
Taboada saíu no Marca, onde contaba toda a historía da pelexa polo
ascenso a Preferente. E cara Alvedro collín e presenteime en Noia o
día antes de San Fermín. Foi certo como o conto, cando Andresín
meteu o gol do empate no minuto 88´, abrazáchete a min e alí te
coñecín e agora non deixo de ser unha tola polo fútbol e por ti, e
será por iso que non podo parar de sorrir.
13/13
SOFISMA
Que
cona pinto acó, coidaba o pintor diante daquel lenzo abandoado facía
anos naquel intre de crise existencial. Coma Sofía sumida na soidade
do desamor contemplando o orballo crepuscular. Coma o eterno porteiro
suplente que sen queixa aguantaba a humidade de todo banquiño
vivente agardando a mínima alternativa. Habitualmente enganábanse,
eran dignos rivais de si mesmos. Unha pincelada, unha mirada, unha
parada, facíaos seguir tirando. Pero hoxe fai moito frío. O frío
tan intenso que adormenta, tan perigoso que fai aflorar a
supervivencia. Non hai estratexia. Só estrago, é o que queda.
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)
No hay comentarios:
Publicar un comentario