Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

12/1/20

O partido de fútbol do século


Vaise abrindo o pano á vez que se escoitan berros de ánimo e protesta cara o fondo do escenario. O ruído vai subindo de ton, e alcanza o seu punto álxido cando se escoita un forte pitido que sinala o fin da primeira parte do encontro. Coincidindo con este pitido remata de abrirse totalmente o pano. Durante uns intres seguen a escoitarse os berros. A luz enche, paseniño, o escenario, no que podemos distinguir tres partes diferenciadas nas que se representan uns vestiarios de fútbol baleiros: o do equipo Local; o dos Árbitros; e o dos Visitantes. Pouco a pouco, os berros lonxanos e indefinidos dos xiareiros de ámbolos clubs, van deixando paso os sons dos tacos de aluminio das botas de fútbol dos xogadores e as súas voces que se aproximan cara os vestiarios. Ao pouco, entre empuxóns lenes, e algún que outro rifi-rafe entre os contendentes e o trío arbitral, todos van entrando en escena ata completa-los seus respectivos vestiarios. Cada un deles vaise convertendo nun auténtico fervedoiro de conversas e emocións a flor de pel.

E S C E N A I

N O V E S T I A R I O L O C A L

-Os personaxes están de pé, collidos das mans, dándose ánimos e berrando: ¡este partido, ímolo gañar!

ADESTRADORA.- Dende logo que o imos gañar. Só temos que atacar un pouco máis e...
DIANTEIRO CENTRO.- -Protestando- Xa. Pero é que a min, non me chegan balóns e...
CAPITÁN.- ¡Ah! ¡Ao señor Dianteiro Centro non lle chegan balóns!
DIANTEIRO CENTRO.- Pois claro que non. Levo toda a primeira parte só, esperando a que mandedes un balón e...
CAPITÁN.- E, o señor, que quere, ¿que llo mandemos por Seur, ou por Transportes Tanoira?
DIANTEIRO CENTRO.- ¡¿Como?!
CAPITÁN.- Que é moi bonito estar agardando a que lle chegue o balón a un, para chutar e mete-lo gol.
DIANTEIRO CENTRO.- ¿Eh?
CAPITÁN.- Moi bonito, e moi sinxelo pero, ¿sabe o que di o meu avó?
DIANTEIRO CENTRO.- Non. ¿Que di o seu avó?
CAPITÁN.- Que, o que queira peixe... terá que molla-lo cu.
DIANTEIRO CENTRO.- -Ofendido- ¡Queres dicir con iso que eu non a rasco!
CAPITÁN.- -Irónico- Nooon. Só quero dicir, que tamén te poderías molestar en baixar á media a axudar un pouco, e recuperar algún balón.

-O Capitán e o Dianteiro Centro están a piques de chegares ás mans. Interponse a Adestradora.-

ADESTRADORA.- ¡Xooo, rapaces! Teñámola festa en paz. Nós somos do mesmo equipo, ¿lembrades? O Troáns Fútbol Club. O mellor equipo do concello de Cuntis. E ímolo demostrar no campo. Unidos.

Fernando González Graña (fragmento da obra homónima)