Vaise
abrindo o pano á vez que se escoitan berros de ánimo e protesta
cara o fondo do escenario. O ruído vai subindo de ton, e alcanza o
seu punto álxido cando se escoita un forte pitido que sinala o fin
da primeira parte do encontro. Coincidindo con este pitido remata de
abrirse totalmente o pano. Durante uns intres seguen a escoitarse os
berros. A luz enche, paseniño, o escenario, no que podemos
distinguir tres partes diferenciadas nas que se representan uns
vestiarios de fútbol baleiros: o do equipo Local; o dos Árbitros; e
o dos Visitantes. Pouco a pouco, os berros lonxanos e indefinidos dos
xiareiros de ámbolos clubs, van deixando paso os sons dos tacos de
aluminio das botas de fútbol dos xogadores e as súas voces que se
aproximan cara os vestiarios. Ao pouco, entre empuxóns lenes, e
algún que outro rifi-rafe entre os contendentes e o trío arbitral,
todos van entrando en escena ata completa-los seus respectivos
vestiarios. Cada un deles vaise convertendo nun auténtico fervedoiro
de conversas e emocións a flor de pel.
E S C E N A I
N O V E S T I A R I O L O
C A L
-Os
personaxes están de pé, collidos das mans, dándose ánimos e
berrando: ¡este partido, ímolo gañar!
ADESTRADORA.-
Dende logo que o
imos gañar. Só temos que atacar un pouco máis e...
DIANTEIRO
CENTRO.- -Protestando- Xa.
Pero é que a min, non me chegan balóns e...
CAPITÁN.-
¡Ah! ¡Ao señor
Dianteiro Centro non lle chegan balóns!
DIANTEIRO
CENTRO.- Pois claro
que non. Levo toda a primeira parte só, esperando a que mandedes un
balón e...
CAPITÁN.-
E, o señor, que
quere, ¿que llo mandemos por Seur, ou por Transportes Tanoira?
DIANTEIRO
CENTRO.- ¡¿Como?!
CAPITÁN.-
Que é moi bonito
estar agardando a que lle chegue o balón a un, para chutar e mete-lo
gol.
DIANTEIRO
CENTRO.- ¿Eh?
CAPITÁN.-
Moi bonito, e moi
sinxelo pero, ¿sabe o que di o meu avó?
DIANTEIRO
CENTRO.- Non. ¿Que
di o seu avó?
CAPITÁN.-
Que, o que queira
peixe... terá que molla-lo cu.
DIANTEIRO
CENTRO.- -Ofendido-
¡Queres dicir
con iso que eu non a rasco!
CAPITÁN.-
-Irónico-
Nooon. Só
quero dicir, que tamén te poderías molestar en baixar á media a
axudar un pouco, e recuperar algún balón.
-O
Capitán e o Dianteiro Centro están a piques de chegares ás mans.
Interponse a Adestradora.-
ADESTRADORA.-
¡Xooo, rapaces!
Teñámola festa en paz. Nós somos do mesmo equipo, ¿lembrades? O
Troáns Fútbol Club. O mellor equipo do concello de Cuntis. E ímolo
demostrar no campo. Unidos.
Fernando González Graña (fragmento da obra homónima)
No hay comentarios:
Publicar un comentario