Levo unha temporadiña
tratando de poñer terra de por medio e apartado temporalmente do
mundo do fútbol (igual por unha cura persoal), o que me está
permitindo cuestionar desde fóra moitos dos valores e comportamentos
que transmitimos e temos asimilados como propios deste deporte.
Custa entender como o
fútbol profesional serve de espello onde se miren clubs modestos e
clubs de formación, cando en nada se deberían parecer. Custa
entender como moitas persoas pretenden artellar a súa vida a través
da profesionalización no fútbol, perdendo de vista o desfrute que
supón a súa práctica. Custa entender como moitas das persoas
vinculadas a el asimilamos todo isto e non nos cuestionamos o que
estamos a facer, algo que sinto que non ocorre desta forma noutras
modalidades deportivas. Seguramente os euros que move e o prestixio
social que, neste momento, lle damos ás persoas que practican
profesionalmente este deporte estean detrás de todo isto.
Só quero deixar neste
artigo unha series de breves reflexións sobre o mundo do fútbol. Aí
van:
Partindo da cúspide
aparecen os equipos profesionais, que hoxe funcionan como
empresas, e nos que pouco ou nada conta a decisión ou interese das
persoas socias, como acontecía hai uns poucos anos, senón as do
accionariado, empresariado que mira unicamente o interese económico
e non o social, que mira a súa posición particular de poder e o seu
“prestixio” sendo presidente dun club. Por que, entón, facerse
seguidor de ningún equipo? Que nos motiva se poucos hai que coiden
os seus, como fai, por poñer un exemplo visible, e desde a miña
perspectiva distante, o Athletic Club de Bilbao, con xogadores de
proximidade en todas as categorías e un achegamento diferente a
moitos outros no ámbito social? Por que deixar os nosos euros e o
noso tempo en seguir a un equipo que non está moi lonxe de como
funcionan as franquías na NBA? Unicamente polo espectáculo?
Vemos equipos
afeccionados que pagan a futbolistas “foráneos” en
categorías provinciais que nin de lonxe chegarán a
semiprofesionais, nin os futbolistas nin os clubs (simplemente por
unha cuestión de lóxica poboacional e social), e que o fan polo
feito, penso eu, de conseguir unha posición de poder na
“clasificación do sen sentido”, co agravante de que moitos
destes clubs contan co apoio de administracións que pagamos entre
todas nós. E as persoas do contorno que queren xogar ao fútbol de
maneira afeccionada? As que o queren facer quitando un anaco do tempo
destinado a outras opcións de ocio para reunirse e relacionarse cos
compañeiros/as e/ou veciños/as?
Equipos de fútbol
base, corpos técnicos, familias, que xa orientamos a formación
dos nenos e nenas cara unha “posible saída laboral”, posición
condicionada polos euros e o prestixio social, xa desde os 4 anos, e
non na procura do desfrute do xogo, no pracer de facer deporte, no
compartir actividade e relacionarse con outras persoas, compañeiras,
adestradoras, directivas, afeccionadas... Que han facer estes e estas
futbolistas cando esa saída se escape? Frustrarse? Non practicar
máis este deporte?
E para todas
nós.... as que nos queixamos do pouco compromiso da xuventude co
fútbol, as que dicimos mil veces a frase “a estes non lles gusta o
fútbol como nos gustaba a nós”, as que culpamos as Plays, o
Netflix... As que non asumimos que a forma do seu ocio e as súas
relacións mudaron infinitamente desde que nós xogabamos... Podemos
facer algo para que desfruten? Para que volvan relacións máis sans
e de proximidade no mundo do fútbol? Podemos, en definitiva, facer
algo para construír unha sociedade mellor e que o deporte sexa unha
peza importante nesta?
A min gustaríame
soñar que algo neste mundo pode cambiar e non ter que escapar deste
sen sentido.
Roberto Rielo Iglesias (publicado previamente en futbolinlugo.es)
|
Roberto Rielo, nun partido na Medela, Taboada. Imaxe de CANTI
|