Ao longo desta semana
estanse a disputar na cidade irlandesa de Waterford (con final no
mítico estadio Croke Park de Dublín) os Renault GAA World Games
2019, ou Mundial dos xogos gaélicos, que na súa terceira edición é
o evento máis importante a nivel internacional duns xogos cada vez
máis populares na Galiza. O evento, creado no 2015 pola Gaelic
Athletic Association (GAA), trata de recoñecer a expansión dos
deportes gaélicos (fútbol, camogie e hurling) fóra das fronteiras
de Irlanda. E aínda que moitos destes equipos foráneos están
formados por irlandeses emigrados, o caso da Galiza é totalmente
distinto, e as nosas seleccións de fútbol gaélico (feminina e
masculina) compiten ao longo desta semana con opcións claras de
éxito.
E como se chegou a ter
unha selección, participar nun campionato mundial e ademais ser moi
competitivos cando hai dez anos ninguén xogaba a este deporte na
Galiza? A resposta só a teñen as xogadoras e xogadores deste
deporte pero seguramente se basee en que é un deporte divertido,
completo e nada profesionalizado (incluso os mellores xogadores en
Irlanda non cobran por xogar). A historia é breve e remóntase a
unha viaxe do coruñés Wenceslao García Zapata (Wences) a Irlanda.
Marabillado por este deporte, á súa volta fundaría na cidade
herculina o primeiro equipo de fútbol gaélico en Galiza, o “Fillos
de Breogán” no 2010. A partires dese intre, os equipos comezaron a
abrollar por toda a xeografía galega ata que no 2013 se creou a
Asociación Galega de Fútbol Gaélico (organismo regulador oficial
do fútbol gaélico en Galicia) e paralelamente as seleccións
masculina e feminina que hoxe compiten en pé de igualdade coas
mellores do mundo. De feito, a selección galega de fútbol gaélico
feminino proclamábase o ano pasado campioa de Europa na Bretaña nun
disputado partido contra a temible Francia (mentres que a masculina
quedaba subcampioa).
Pero, que é isto do
fútbol gaélico? Pois un antigo deporte, xogado principalmente en
Irlanda, con certas semellanzas co fútbol británico. Xógase en
equipos de 15 xogadores (na Galiza os equipos son menos numerosos
para adaptarse aos terreos de xogo existentes) nunha cancha de
céspede rectangular con porterías en forma de H. Gaña o equipo con
maior número de puntos, marcando goles (3 puntos) ou lanzando o
balón por enriba do longueiro (1 punto). Trátase dun deporte moi
dinámico onde os/as xogadores/as avanzan polo campo levando o balón
nas súas mans, pateándoo co pé e pasándoo (golpeando o balón coa
man) entre os membros do equipo. Un deporte que en Irlanda enche
estadios de preto de 100.000 espectadores e que fomenta a camaradería
entre rivais (“terceiro tempo”).
Aquí, no país,
dispútanse dúas ligas de fútbol, a Liga Galega de fútbol gaélico
con 21 equipos, 14 masculinos e 7 femininos, ningún deles na
provincia de Lugo (aínda que hai a previsión de crear un na cidade
e outro na Mariña) e a Liga Gallaecia, que é a primeira liga mixta
do mundo e na que si hai un equipo lucense, o Torques de Lugoslavia.
Nesta última, creada no 2013, compiten na actualidade case unha
ducia de equipos que fomentan o non segregacionismo, o deporte de
base ou o respecto pola diversidade e onde o equipo local, promovido
pola Asociación Cultural “Cultura do País”, adestra en Nadela
conseguindo uns magníficos resultados.
Mario Outeiro
FICHA TÉCNICA :
Idioma: galego; Xénero: artigo xornalístico (opinión);
Público: adultos. Ano creación: 2019; Publicación: El
Progreso papel o venres, 2 de agosto de 2019, e dixital
(https://www.elprogreso.es/opinion/mario-outeiro/futbol-gaelico-galiza/201908061310131390846.html)
o martes, 6 de agosto de 2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario