[...] Déronme ganas de dicirlle moitas
cousas, mais con aquel ricto co que me miraba, non me atrevín a dar
un chío. A miña cara debía ser un poema:
-Non me entenda mal, con isto non quero
dicirlle que non pode xogar. Só lle recomendo que faga o mesmo que
as súas compañeiras, polo seu ben. Andar á contra é moi difícil
e dá moitos desgustos.
Mirou para Mari Carmen dun xeito que me
resultou un tanto desconcertante, e sorriu cunha dozura que eu nunca
imaxinaría ver nela:
- Non si, profesora? Non está de
acordo comigo?
- Directora, eu creo que hai que facer
o que hai que facer, cadaquén o que considere dentro do seu camiño,
sen amolar a ninguén. Ti queres xogar con eles? Pois se queres,
adiante!
A situación desconcertoume:
- Pero entón, podo ou non podo xogar?
- Se iso é o que vostede, quere, si.
Fágalles saber aos seus compañeiros que a dirección do centro, por
moito que queira que gañe o noso equipo, non vai permitir situacións
de inxustiza dese tipo.
Quedei cunha sensación estraña. Podía
baterlle ao imbécil de Anxo nos fociños mais ... quería realmente
facelo? Darlle un corte ao paspán, por suposto. Xogar... non o tiña
tan claro.
Cando cheguei, a clase estaba en
silencio, mais cando me viran entrar, miraron todos para min e
empezaron a murmurar:
- Que pasou? Que che
dixeron?-preguntaban. Anxo estaba calado e mirábame con cara de
odio.
- Pois que podo facer o que me dea a
gana no patio, Anxo, amólate. -Escoitábanse risiñas polo baixo.-
Mais decidín que non me apetece, que non vou xogar convosco. Só
pensades no partido do sábado e nin sequera o pasades ben, e así
para min non ten graza.
- Mellor, mira que ben, máis cancha
libre que nos queda.
- Que non vaia xogar convosco non quere
dicir que non vaia xogar.
Nese momento, non entendeu de que
estaba a falar, mais á semana seguinte puxemos un cartel no patio
grande, establecendo quendas, por días, para xogarmos ao fútbol, ao
brilé, ao voleibol, ao baloncesto e os venres, xogo libre para todo
o mundo.
A directora aceptou á miña proposta,
díxolle a Anxo que lle parecía xusto e apuntou:
-Cando se lle mete algo na cabeza, non
hai quen a pare. Recórdame moito a min mesma cando era nena.
Dedicoume un enorme sorriso (xa eran
dous os que lle vira na mesma semana). Como dicía o meu avó, non
hai que fiarse só das aparencias. Mira a quen llo ía dicir.
Fragmento de 22 segundos, Eva Mejuto