Cómpre destacar tamén, segundo sabemos polo artigo de Rubén Ventureira, que Lugrís Freire, homenaxeado no ano 2006, asiste a un partido entre o Celta e o Deportivo en 1925 en Coia e é alí onde intervén desde a tribuna para arengar o deportivismo deste xeito: “ Rechazo con energía la injusta animadversión que en algunos pueblos gallegos se siente a La Coruña, propicia siempre a secundar las legítimas aspiraciones de aquéllas; a La Coruña que, sensible, generosa, cordial y hospitalaria ha glorificado las figuras preemintentes de la intelectualidad gallega (Curros, Pondal, etc), guardando con veneración sus terrenales despojos”.
Carlos Castro dedica un artigo á Escola de Fútbol Feminino Rosalía fundado en 2018, o único equipo feminino de Ourense que cando xogan o 24 de febreiro regalan ás rivais un verso e unha flor para conmemorar o Día de Rosalía de Castro. En 2018 recibiron o Premio Mudega á mellor iniciativa a prol do deporte feminino.
E as páxinas dedicadas á relación entre Letras Galegas e fútbol acolle tamén un artigo de Xesús Mosquera no que reflexiona sobre os referentes para a nosa lingua a partir da anécdota de Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG daquela, cando en 2004 fantasiaba coa hipotética existencia dun David Beckham galegofalante. Segundo Mosquera “no fútbol (e non só) continuamos á procura de referentes. A cuestión da lingua galega non parece ser cousa de grandes fichaxes nin de grandes estrelas. O noso proxecto tira máis ben de canteira. Fíxose así, de sempre, cando non veñen ben dadas” conclúe no artigo no que reflexiona sobre as “vitorias máis ben cativas” tanto na realidade futboleira galega coma na sociolingüística.
Sirva pois de exemplo este número d’O Dez para contradicir o dito de que a literatura e o fútbol non son bos aliados e non perdades a súa lectura para desfrutar de textos xornalísticos ou de ficción que teñen como tema o fútbol nos relatos dalgunhas das mellores plumas das nosas Letras Galegas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario