Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

29/10/22

Contribución á vitoria

 A lírica tamén é moi acaída para o fútbol; non hai máis que ver o himno que Manuel María escribiu para o Monforte de Lemos.


O Club Lemos de Monforte
que representa a cidade: 

¡é un equipo moi forte

e dunha gran calidade!


As cores que nós queremos

son dun branco primoroso:

¡as cores do noso Lemos,

as cores do Lemos noso!


O Lemos ten unha historia
ben difícil de igualar:

¡soio o contenta a victoria

e xoga sempre a ganar!


¡Arriba Lemos, Lemiños:

compre loitar como os bos!

¡Ánimo Lemos, Lemiños

que hai que vencer campeós!


                                                                                (inédito, 1989?)


19/9/22

Unha forma de vivir diferente

Boas, son Yanira Guizán.

Son unha rapaza de dezaseis anos que leva xogando ao fútbol sala toda a súa vida. Sempre xoguei con nenos e este último ano tiven a sorte de vivir una experiencia inolvidable, como é a de formar parte da selección galega.

Alí coñecín a moitísima xente e todo foi impresionante, pero por desgraza non acabou o campionato como queriamos, xa que perdimos a semifinal contra Cataluña.

Quero seguir xogando toda a miña vida, porque grazas a este deporte teño unha forma de vivir diferente a moita xente, e se me continúo esforzando quizais algún día poida xogar nun equipo profesional.


Fotografía de Sonia Montes Díaz

12/7/22

O mal porteiro

 

          Gol!


Polo field do ceo mareiro
vai esbaratando o sol
e horizonte, mal porteiro,
non pode parar o gol.

Romances galegos (1928), Eduardo Blanco Amor


26/3/22

Utopía

 

Antonio Fraguas (1942-2018), humorista gráfico de procedencia galega,
sempre en defensa da lectura e da cultura

4/3/22

Letras galegas e fútbol (III)

 

Cómpre destacar tamén, segundo sabemos polo artigo de Rubén Ventureira, que Lugrís Freire, homenaxeado no ano 2006, asiste a un partido entre o Celta e o Deportivo en 1925 en Coia e é alí onde intervén desde a tribuna para arengar o deportivismo deste xeito: “ Rechazo con energía la injusta animadversión que en algunos pueblos gallegos se siente a La Coruña, propicia siempre a secundar las legítimas aspiraciones de aquéllas; a La Coruña que, sensible, generosa, cordial y hospitalaria ha glorificado las figuras preemintentes de la intelectualidad gallega (Curros, Pondal, etc), guardando con veneración sus terrenales despojos”.

Carlos Castro dedica un artigo á Escola de Fútbol Feminino Rosalía fundado en 2018, o único equipo feminino de Ourense que cando xogan o 24 de febreiro regalan ás rivais un verso e unha flor para conmemorar o Día de Rosalía de Castro. En 2018 recibiron o Premio Mudega á mellor iniciativa a prol do deporte feminino.

E as páxinas dedicadas á relación entre Letras Galegas e fútbol acolle tamén un artigo de Xesús Mosquera no que reflexiona sobre os referentes para a nosa lingua a partir da anécdota de Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG daquela, cando en 2004 fantasiaba coa hipotética existencia dun David Beckham galegofalante. Segundo Mosquera “no fútbol (e non só) continuamos á procura de referentes. A cuestión da lingua galega non parece ser cousa de grandes fichaxes nin de grandes estrelas. O noso proxecto tira máis ben de canteira. Fíxose así, de sempre, cando non veñen ben dadas” conclúe no artigo no que reflexiona sobre as “vitorias máis ben cativas” tanto na realidade futboleira galega coma na sociolingüística.

E para rematar recóllense nun artigo “apuntamentos futboleiros doutros escritores” onde se citan textos de Eduardo Blanco Amor, Xosé Filgueira Valverde, Ánxel Fole, Roberto Vidal Bolaño, Valentín Paz Andrade ou Ramón Otero Pedrayo de entre os que queremos destacar este fragmento da editorial da revista Céltiga co motivo da chegada do Celta a Bos Aires: “Bariles mozos galegos, irmáns na Raza e na Terra, ben vidos sexades a esta grande urbe, a cidade galega meirande do mundo. Representantes da nosa mocedade deportista, topades abertos de par en par cen milleiros de corazós latexantes de amor a Galicia, que ven nos vosos ollos azúes un anaco do añorado mar de Vigo; na Cruz bermella que loce enriba dos vosos corazós, o roxo sangue da Terra Nosa, por sempre bendizoada”.

Sirva pois de exemplo este número d’O Dez para contradicir o dito de que a literatura e o fútbol non son bos aliados e non perdades a súa lectura para desfrutar de textos xornalísticos ou de ficción que teñen como tema o fútbol nos relatos dalgunhas das mellores plumas das nosas Letras Galegas.


Ana Martíns
(as fotografías correspóndense coas do número da revista referenciado)


15/2/22

Letras galegas e fútbol (II)

 

Un caso curioso é o de Antón Villar Ponte, autor viveirense que en varios artigos arremete contra quen practica deporte: “España necesita pensadores, no pollitos elegantes; de caer en alguna exageración -advierte un autorizado cronista- vale más estudiar demasiado que jugar al polo, al foot ball o al tennis todo el día”, publicado nun artigo de Correo Gallego en 1921. Noutros artigos mesmo ironiza sobre unha derrota da selección española fronte a Italia e insiste noutros sobre o fanatismo da vivencia fultbolística e fala dos futbolistas como “sufriendo generalmente hipertrofia de los músculos a costa de la atrofia del cerebro”. Nunha ocasión celebrou a vitoria do Deportivo contra o Real Madrid en Chamartín en 1932.

Mais o paradóxico é que Antón Villar Ponte é pai de Antonio Villar Chao que foi futbolista do Olímpico de Viveiro e da Unión Sportiva de Santa Lucía para despois pasar ás filas do Deportivo no ano 1939. Na revista nun texto de Luís Timiraos podemos saber da traxectoria deste futbolista que recoñecían como “unha persoa culta, cunha educación exquisita que logo trasladaba ao terreo de xogo, onde destacaba pola súa rapidez, habilidade e remate”. Chao permaneceu no Deportivo durante dez tempadas. Despois xogará no Málaga e até no América de México. Rematou a súa carreira deportiva como técnico de distintos equipos de Terceira e da comunidade galega de Venezuela. E no final dos seus días foille amputada parcialmente a súa perna esquerda e como relata Pepe Carballude nin iso lle fixo perder o humor xa que dicía: “ o que son as cousas, Pepe, esta perna que tanto me deu e canto me está a quitar”. Morreu no ano 2000 e resume a vida cunha frase: “Grazas ao fútbol por permitirme vivir de xeito tan marabilloso”.

Grazas ao texto de Carlos Castro coñecemos a traxectoria deportiva do Eiriña, un equipo pontevedrés fundado en 1921 do que foi presidente Antón Losada Diéguez, ao que se lle dedicaron as Letras Galegas no ano 1985, e o propio Castelao publicou no xornal Aire nos anos 1929 e 1930 caricaturas dalgúns dos xogadores destacados da escuadra. Outro simpatizante deste club, que gañou dous campionatos galegos amateur e xogou tres campañas en Terceira División, foi Alexandre Bóveda.


(na páx. 27 na devandita publicación)

Noutra banda do país, Manuel María escribía o himno do Lemos, do que era socio o poeta na súa estadía monfortina. Tamén na súa obra A tribo ten catro ríos fai referencia ao seu admirado porteiro Acuña; deste conto transcríbese un extracto nas páxinas 28 e 29 da revista.

Outro lugués homenaxeado polas Letras Galegas no ano 1990 e xogador de fútbol foi Luís Pimentel que fixo parte do Lugo Sporting co que tamén ía ao estadio Manuel María e do que di: “ moi pouca xente sabe que Pimentel, un home tan delicado, xogou ao fútbol de mediocentro” e el mesmo deu nome a un equipo do colexio Luís Pimentel, a Agrupación Deportiva Luís Pimentel, que se federa no ano 2008.


Ana Martíns
(as fotografías correspóndense coas do número da revista referenciado)