Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

10/5/18

Bananas

Cerrou o taller, colleu a Triumph e saiu pitando, aínda tiña que pasar pola casa. Houbo choio pola tarde e tivo que recoller e curiosear e facer algo de limpeza e asearse un pouco. Inequivocamente tiña que acontecer que cando había entreno sempre era o día que máis traballo aparecía.
A noite non era apacible nin moito menos, de inverno do de acó, facía frío, chovía non seguido pero por veces sarabeaba. Por iso, e canso como estaba non era o que máis lle apetecía a perspectiva das dúas seguintes horas, pero sempre foi un deportista nato e nunca arredou polo tempo, ultimamente afogábao estar tan atarefado. Por riba a fin de semana habería derbi, tocaba extramotivarse, por sacrificio e correr coma nunca que non fora.
No traxecto a casa espeliuse, entre a velocidade e o frío xa cambiou o chip. Chegaba xa tarde, xa levarían os outros vinte minutos.
Pouco máis ía facer que coller a mochila e as chaves do Corsita, non tiña gañas de mollarse despois de acabar e ducharse. Pasou por diante da cociña, formigueáballe o estómago e colleu un plátano, mataba a fame e previña as maniotas. Non reparou en que cando tirou as pelas riba da mesa caeron pro piso.
Unha cousa levou á outra.
Mentres comía o plátano acordouse do Banana, o mellor xogador de fútbol que pasou polo pobo, aínda que non chegou a xogar no equipo, seu irmán Marcos si. Banana foi campión provincial estando no colexio e vestindo coma Brasil, despois non foi coñecido polo alcume senón polo seu nome de pía, Juanín, e acabaría xogando en Preferente e en Terceira co Lalín e en Segunda B, onde foi un dos bastións do CD Lugo, un portento físico e técnico; sempre lle lembrara a Diego Armando, o mesmo descomunal tren inferior, a mesma estatura e a idéntica xenialidade. Coñecérao por seu avó materno que era do Deza e tíñao levado o Manuel Anxo Cortizo. En diante sempre o seguiu por que o maravillaba velo moverse polo campo, coa súa elegancia controlando, manexando e desprazando o balón.
O entrenamento non foi especialmente duro por ser o primeiro da semana, tamén se tragou o máis fodido, foi verdade. Despois ducha e xa no pobo repor forzas con todos cunhas totilliñas de patacas, tragouse case de penal dous aquarius e máis repousado, un par de cervexas. Cando chegou á casa non tiña outra idea que meterse coma un tiro no sobre. Nin acendendeu a luz.
Unha cousa levou á outra.
Pasou e esvarou na cáscara do plátano, o golpe na cabeza contra unha beira nin se sabe de qué. Non acordou máis.
Estivo catro meses en coma e acordou un dez de maio sen máis, cunha fame negra:
-Que putisma gaña dun plátano, mi má.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

3/5/18

Amateur

Que ten que acontecer pra que o fútbol te absorba de tal maneira, que ames o teu equipo de xeito tan profundo que amarías a unha parella, a unha nai, a un fillo. De maneira tan fonda que che se inscruste nas entrañas, que fai que te escagarrices desde o día antes do encontro, que votes a semana soñando co gol que nos salve a vida, en como o meterías ti se o primeiro balón que viche foi unha libra de chocolate, se sempre fuches un trenco, máis zopenco e menos listo ca Merlín.
Eso forma parte de querelo, desas pequenas cousas que fan que te derretas. Amateur ven do latín de amare. Os amateurs, somos os verdadeiros amantes do fútbol, quen te vai entender cando te namoras; naide alleo ao amante pode escudriñar a angustia desa paixón, naide corrompido polo que non é puro fútbol pode amalo con extrema ternura, co máis profundo cariño e sentido respecto. E entregarse a el sen reservas, non só coa superficialidade de quen só ve unha victoria.
É irrisorio emparapetarse detrás dun deses grandes clubes que só lles está permitido vencer hoxe e mañá e pasado e o mércores, e perder é traicionar a honra. É alí onde se permite que un resultado cuestione toda inversión. O verdadeiro amor mancillado polo diñeiro. Salvando as distancias cando se introduce na parella a hipoteca, o estado de benestar, xa é outra cousa: unha institución, lícita si pero é outra cousa, máis.. como diríamos? matrimonial, máis contractual economicamente falando. Si pode ser o que todos queren, o que todos aspiramos, e respiramos. Pero na búsqueda da pureza debe mimarse a orixe, o principio de toda relación, cando os ollos o din todo, só o máis sinxelo é auténtico.
Na sociedade actual de perspectivas desvirtuadas prima o éxito como telón de fondo, o fracaso non se comtempla e menos se desexa, de xeito que nos vemos incompletos se non damos a talla en cada faceta vital. O superhome esixente e intelixente perde. Algunha vez tiña que ser a primeira.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)