Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

23/9/18

Alegato: respecto polo que o ollo non quere ver


Tíranse ao traballo como os gatos aos tomates, de aí que a nivel institucional refínase o respecto de cara á galería. Campañas visualmente perfectas, ideais guais e inmaculados valores que sempre serán dignos de encomio, respecto, xogo limpo, non ao racismo, si á igualdade. Dende onde se lanzan slogans tamén se traman corruptelas que enriquecen consorcios e rancios dinosaurios de impolutas pedicuras. Todo fabuloso, estaba todo moi bó, moi rico e moi abundante. Mentres o lucrativo espectáculo tolea ás masas que habitualmente pasan do accesorio e céntrase no sangue e polo miudo é resultadista, polo seu fillo mata sempre que non perda ou empate: nese caso que pense en facelas maletas que sobran bocas que manter.
En realidade apostar a cabalo ganador fainos tipos máis finos. Tampouco gosta tanto o deporte en si mesmo, a ti non che gusta o fútbol, gústache a televisión, 'Isaac dixit',como di sempre o Isaac.
Moi por debaixo deste circo existe todo un submundo que convén ter de man pero no que tampouco cómpre reparar nel en exceso. Son os últimos eslabóns da cadea alimentaria.
Domingo pola tarde, ponse o sol e remata o partido na Medela, perdemos cero-un. Xogouse ben pero no houbo definición. Escoitouse algún reproche no graderio -non se pode fallar tanto...- tampouco acó se perdoan esas cousas.
Hai tanto que non se ve... Tanto esforzo, tanto desgaste, tanta suor que non só sae do traballo muscular, senón tamén de lugares tan recónditos coma a abnegación, a desesperación, a desolación, a ilusión, a tensión, o tesón, a supervivencia, a convivencia, a paciencia... suor do nervio parasimpático ou do simpático, de estruxar tanto os miolos que saltan muxicas. Como intentar facer tanto con tan poucos recursos. Naide saca nada dacó, a non ser golpes, fracturas, malas caras, follóns variados e complicacións innecesarias. Iso é o que gañamos os máis perdedores de tódolos perdedores. Ás veces, non sabemos que nos impulsa a competir, bueno sí: a amizade, o orgullo e a satisfacción de ganar, a de poder dicir intentamos xogar mellor ca ninguén aínda que non podamos meter un gol máis co rival. O rival si que merece respeto, porque grazas a el facémonos un chisco máis grande, un pelíño máis persoas.
Mañá será luns toca volver a preparar os partidos da semana que vén. Hai tanto que facer. Como aínda estamos a principio de tempada agardan tres dias de entreno intensos. Os luns son días moi chungos, padecer calambres e fracturas, maniotas e meas culpas. Lavar a roupa, limpiar os vestiarios e colocar os terróns que se levantaron. O peor é no inverno, cando as pernas se enterran na lama ás mañás, despois non voltan o seu, cando a roupa hai que pasala toda por auga a presión e lavala dúas veces antes de que vaia primeiro á lavadora e despois á secadora. Do campo mellor nin falar, no inverno ao ser de herba natural vólvese máis lama e xa non chega con voltear onde se levantou, hai que pasarlle o pisón. Leva horas, ás veces días, hai que agardar que deixe de chover, que seque, traballo de chinos... de superchinos. Temos que chamar á federación no medio da tarde: como voltamos xogar na casa temos que comunicarllo tamén ó outro equipo; como o míster dixo que se cadra era mellor xogar o sábado por que o domingo dous ou tres teñen que marchar pra Santiago que aínda teñen exames de setembro.
O martes aínda hai que escanear algún carné dalgún dos xuvenís, que comezan liga dentro de quince días, e temos que axilizar os trámites na intranet, senón vannos dar as uvas. Como non lle traigan as fotos ao mister ao entreno vámonos cagar pra dalos de alta. E iso que xa se avisaron tres veces, os rapaces non teñen ansia ningunha, divino tesouro a xuventude. O mesmo pasa cos carnés de socios, que xa están listos da imprenta, por certo hai que pagalos xa, mentres haxa cartos, hai que empezar a pasalos este finde pra empezar a cobrar, xunto de algún terase que ir tres ou catro veces pra cobrar, a xente non anda moi ben, téntase entender, ás veces. Tamén temos que levar esa factura de transporte a Lugo, hai que xustificar a axuda, menos mal que unha das subvencións xa está amañada e a outra aínda lle toca pro mes. Con elas andamos todo ano, solicitando e xustificando, anexo para aquí, factura pr'alí, cómputos quilométricos, certificados federativos de deportistas con licencia, certificados de gastos arbitrais, certificados de que estamos a ben coas obrigas á Seguridade Social, certificados da Facenda Tributaria, certificados pra modificación de Estatutos e renovacion válida da xunta directiva, todo require xustificación, de todo se da fé e se certifica, todo. Todo esta xustificado. Hai moito que remexer os bolsillos e as cada vez máis escasas conciencias condescendentes, pois todo sae carísimo pra economía dunha cociña económica, nun pobiño que cotiza á baixa, cara a extinción. Caras ás débedas, cara ás dúbidas, pero damos a cara, apretamos os dentes e a dentadas imos enfiando puntadas sin fio, puntiño a puntiño, ou de tres en tres, se pode ser.
Non se ve que o martes pola tarde cae un trebón e xa refría, os primeiros avisos do que está por vir na longa noite de pedra. Non apetece moito entrenar, e menos os máis pequenos, pero teñen que machacarse antes de que comeze o serio. Tanto uns coma outros estan estes días co Fartlek, farley entre os chavales, exercicios aeróbicos e anaeróbicos, orientados a fortalecer a resistencia, con carreiras sen descanso e con constantes cambios de ritmo. Exercicios pilométricos, de musculación, de arrastre e costas. Nesta fase da tempada priorízase o físico e a forza aínda que nós nunca deixamos de lado o balón, a pelota sempre presente, aínda ca mente ausente o esférico ata pra durmir, de alomofada. Esta é unha fase primordial da planificación de adestramentos de toda tempada. É moi fodido pero sabe a deus.
Contra á noite hai que volver pola imprenta a ver se están os carteis do partido, pra pegar polos bares e recantos varios e para enviar ao facebook e twitter do equipo, non vaia ser que alguén se despiste, e se esquenza de que sen eles nada é posible. Xa se deixa todo pago, se morres mañá non me deixes a deber nin un centavo, decía a avoa de non sei quen. Tamén temos que ir buscar algo pra sortear o domingo no descanso, quizáis un xamón, ou dez litros de aceite, ou uns centos de coles, ou mil butelos, ou cuarto e mitá de queixo, ou catro ducias de ovos, calquera cousa que caiga en graza e teña o seu aquel.
O mércores nunca se viu Mercurio.
O xoves e o venres hai que volver deixar o pelexo pola moca, e todo iso non se entrena ten que saír de dentro, do sentimento que fai paticalas pernas, da paixón que fai fervelo sangue nas veas, que ou as cortas ou as deixas longas, non queda outra. Sin iso non se domestica o que si se entrena a diario, o esforzo, a disciplina, o equipo, a comunicación, o pase, a brega, a humildade.
E o próximo fin de semana voltamos a área, ao prado, volve o orgullo, e volta a competir coma o máis grande. Iso é o respecto amigo. Outro ano será.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)




4/9/18

Tolura

Nunca debería ter dito, escoita o que che vou contar, debería terme comido o primeiro sentimento, e ter calado. Pero as persoas somos así de bocazas. Supoño que a vanidade nos fai crernos importantísimos, se cadra sómolo, pero pouco ou nada o que dicimos. Chamábasme "tipo listo" e canto aprecio nos tiñamos, canto foder, canto.
Era aquel domingo o primeiro partido de Liga, xogamos e gañamos en Riotorto cun gol de penalti e no último minuto, como ten que ser pra que preste. Amigo ti non sabes da miña felicidade, descoñeces o meu segredo. Non me coñeces en absoluto, pero sentimos a nosa amizade por riba de tódalas cousas e así nos damos valor. Si que estabamos radiantes, si. Pero eu sentía o fin próximo, o camiño a devastación, a total destrucción. E díxencho. Isto vai acabar comigo. Ríchete coma sempre, sen gañas de facerme caso coma sempre, era máis importante o que me querias. Que outro ano máis por acó? e non vos aburrides ho? sodes ben cansinos carallo... eran as túas coñas. Eu tiña motivos para flasear pero ti non o sabías.
Comezou aquel día a miña tolura, non saberás nin de que che falo. Comecei a ter desconexións, ter lapsus, patinarme as neuronas. Quen ía crerme, fallábame o meu cerebro. Non, xa non son cordo desde aquela. Pero non podo explicarche porque me fundín na miseria. Sei simplemente que non son dono de min. Todo consiste en querer evadirme de min. Xa non quero estar neste corpo, nin sentir o que sinto. E lamento o que sinto, por que todo é malo. Porque aínda que é grande o que sinto, e tanto que é malo sentir tanto e fai tanto mal que todo é dor.
Xa sei o que me dirás "toma unha aspirina antes de que che falte ao respeto" e o martes, á primeira que te vaias pola banda vouche meter unha sachada que te vas cagar.
Despois voume ir e vou deixar todo, antes de que todo me deixe a min.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)