Tíranse
ao traballo como os gatos aos tomates, de aí que a nivel
institucional refínase o respecto de cara á galería. Campañas
visualmente perfectas, ideais guais e inmaculados valores que sempre
serán dignos de encomio, respecto, xogo limpo, non ao racismo, si á
igualdade. Dende onde se lanzan slogans tamén se traman corruptelas
que enriquecen consorcios e rancios dinosaurios de impolutas
pedicuras. Todo fabuloso, estaba todo moi bó, moi rico e moi
abundante. Mentres o lucrativo espectáculo tolea ás masas que
habitualmente pasan do accesorio e céntrase no sangue e polo miudo é
resultadista, polo seu fillo mata sempre que non perda ou empate:
nese caso que pense en facelas maletas que sobran bocas que manter.
En
realidade apostar a cabalo ganador fainos tipos máis finos. Tampouco
gosta tanto o deporte en si mesmo, a ti non che gusta o fútbol,
gústache a televisión, 'Isaac dixit',como di sempre o Isaac.
Moi
por debaixo deste circo existe todo un submundo que convén ter de
man pero no que tampouco cómpre reparar nel en exceso. Son os
últimos eslabóns da cadea alimentaria.
Domingo
pola tarde, ponse o sol e remata o partido na Medela, perdemos
cero-un. Xogouse ben pero no houbo definición. Escoitouse algún
reproche no graderio -non se pode fallar tanto...- tampouco acó se
perdoan esas cousas.
Hai
tanto que non se ve... Tanto esforzo, tanto desgaste, tanta suor que
non só sae do traballo muscular, senón tamén de lugares tan
recónditos coma a abnegación, a desesperación, a desolación, a
ilusión, a tensión, o tesón, a supervivencia, a convivencia, a
paciencia... suor do nervio parasimpático ou do simpático, de
estruxar tanto os miolos que saltan muxicas. Como intentar facer
tanto con tan poucos recursos. Naide saca nada dacó, a non ser
golpes, fracturas, malas caras, follóns variados e complicacións
innecesarias. Iso é o que gañamos os máis perdedores de tódolos
perdedores. Ás veces, non sabemos que nos impulsa a competir, bueno
sí: a amizade, o orgullo e a satisfacción de ganar, a de poder
dicir intentamos xogar mellor ca ninguén aínda que non podamos
meter un gol máis co rival. O rival si que merece respeto, porque
grazas a el facémonos un chisco máis grande, un pelíño máis
persoas.
Mañá
será luns toca volver a preparar os partidos da semana que vén. Hai
tanto que facer. Como aínda estamos a principio de tempada agardan
tres dias de entreno intensos. Os luns son días moi chungos, padecer
calambres e fracturas, maniotas e meas culpas. Lavar a roupa, limpiar
os vestiarios e colocar os terróns que se levantaron. O peor é no
inverno, cando as pernas se enterran na lama ás mañás, despois non
voltan o seu, cando a roupa hai que pasala toda por auga a presión e
lavala dúas veces antes de que vaia primeiro á lavadora e despois á
secadora. Do campo mellor nin falar, no inverno ao ser de herba
natural vólvese máis lama e xa non chega con voltear onde se
levantou, hai que pasarlle o pisón. Leva horas, ás veces días, hai
que agardar que deixe de chover, que seque, traballo de chinos... de
superchinos. Temos que chamar á federación no medio da tarde: como
voltamos xogar na casa temos que comunicarllo tamén ó outro equipo;
como o míster dixo que se cadra era mellor xogar o sábado por que o
domingo dous ou tres teñen que marchar pra Santiago que aínda teñen
exames de setembro.
O
martes aínda hai que escanear algún carné dalgún dos
xuvenís, que comezan liga dentro de quince días, e temos que
axilizar os trámites na intranet, senón vannos dar as uvas. Como
non lle traigan as fotos ao mister ao entreno vámonos cagar pra
dalos de alta. E iso que xa se avisaron tres veces, os rapaces non
teñen ansia ningunha, divino tesouro a xuventude. O mesmo pasa cos
carnés de socios, que xa están listos da imprenta, por certo hai
que pagalos xa, mentres haxa cartos, hai que empezar a pasalos este
finde pra empezar a cobrar, xunto de algún terase que ir tres ou
catro veces pra cobrar, a xente non anda moi ben, téntase entender,
ás veces. Tamén temos que levar esa factura de transporte a Lugo,
hai que xustificar a axuda, menos mal que unha das subvencións xa
está amañada e a outra aínda lle toca pro mes. Con elas andamos
todo ano, solicitando e xustificando, anexo para aquí, factura
pr'alí,
cómputos quilométricos, certificados federativos de deportistas con
licencia, certificados de gastos arbitrais, certificados de que
estamos a ben coas obrigas á Seguridade Social, certificados da
Facenda Tributaria, certificados pra modificación de Estatutos e
renovacion válida da xunta directiva, todo require xustificación,
de todo se da fé e se certifica, todo. Todo esta xustificado. Hai
moito que remexer os bolsillos e as cada vez máis escasas
conciencias condescendentes, pois todo sae carísimo pra economía
dunha cociña económica, nun pobiño que cotiza á baixa, cara a
extinción. Caras ás débedas, cara ás dúbidas, pero damos a cara,
apretamos os dentes e a dentadas imos enfiando puntadas sin fio,
puntiño a puntiño, ou de tres en tres, se pode ser.
Non
se ve que o martes pola tarde cae un trebón e xa refría, os
primeiros avisos do que está por vir na longa noite de pedra. Non
apetece moito entrenar, e menos os máis pequenos, pero teñen que
machacarse antes de que comeze o serio. Tanto uns coma outros estan
estes días co Fartlek, farley entre os chavales, exercicios
aeróbicos e anaeróbicos, orientados a fortalecer a resistencia, con
carreiras sen descanso e con constantes cambios de ritmo. Exercicios
pilométricos, de musculación, de arrastre e costas. Nesta fase da
tempada priorízase o físico e a forza aínda que nós nunca
deixamos de lado o balón, a pelota sempre presente, aínda ca mente
ausente o esférico ata pra durmir, de alomofada. Esta é unha fase
primordial da planificación de adestramentos de toda tempada. É moi
fodido pero sabe a deus.
Contra
á noite hai que volver pola imprenta a ver se están os carteis do
partido, pra pegar polos bares e recantos varios e para enviar ao
facebook e twitter do equipo, non vaia ser que alguén se despiste, e
se esquenza de que sen eles nada é posible. Xa se deixa todo pago,
se morres mañá non me deixes a deber nin un centavo, decía a avoa
de non sei quen. Tamén temos que ir buscar algo pra sortear o
domingo no descanso, quizáis un xamón, ou dez litros de aceite, ou
uns centos de coles, ou mil butelos, ou cuarto e mitá de queixo, ou
catro ducias de ovos, calquera cousa que caiga en graza e teña o seu
aquel.
O
mércores nunca se viu Mercurio.
O
xoves e o venres hai que volver deixar o pelexo pola moca, e todo iso
non se entrena ten que saír de dentro, do sentimento que fai
paticalas pernas, da paixón que fai fervelo sangue nas veas, que ou
as cortas ou as deixas longas, non queda outra. Sin iso non se
domestica o que si se entrena a diario, o esforzo, a disciplina, o
equipo, a comunicación, o pase, a brega, a humildade.
E
o próximo fin de semana voltamos a área, ao prado, volve o orgullo,
e volta a competir coma o máis grande. Iso é o respecto amigo.
Outro ano será.
No hay comentarios:
Publicar un comentario