Vaia
por diante que me resulta extremadamente difícil (supoño que como a
todo o mundo) falar de alguén que xa non está entre nós, ainda que
a súa obra perdurará por tempo e tempo.
Sóese
dicir que nun equipo de fútbol cada xogador é un máis. Eu, polo
menos, así o creo. Independentemente de que uns xoguen máis minutos
que outros, ou que un meta máis goles, ou que outro sexa o
capitán... todos somos iguais, todos contribuimos co noso esforzo e
co noso tempo. Podería dicirse que todos somos necesarios pero
ninguén é imprescindible. E máis no noso clube, o Taboada CF, que
máis que clube é unha familia. Aquí, aos nenos que chegan de
xuvenís recíbeselles cos brazos abertos, e intégranse, e están
felices de contos ata altas horas da madrugada cos que xa peinamos
algunha cana. Aquí non hai diferencias, todos somos iguais e todos
nos levamos ben, pensando sempre no ben común. Todos nos esforzamos
o que podemos dentro das nosas posibilidades, co fin de que o equipo
e o clube medren e vaian cara arriba. Aquí, no Taboada CF,
disfrutamos da pelota e de todo o que ela trae aparellado…o
compañerismo, as ceas, as cervexas de despois de adestrar, as
tertulias, as victorias, as derrotas, os golazos, os paradóns, as
xogadas de Play Station que nunca sairán na tele porque non hai
tele, a amizade cos equipos veciños, o arrecendo a herba recén
segada, os partidos na lama….disfrutamos do noso, das nosas
pequenas cousas, cousas que quizais alguén que nunca xogase no
“fútbol das aldeas” non poderá entender.
Moitas
veces me levo preguntado porqué en Taboada temos o que temos, cando
vemos, vrau tras vrau, que equipos de pobos semellantes ao noso
sufren sete ou oito baixas, e fichan a nove ou dez que pouco ou nada
teñen que ver co pobo dese equipo….Sempre me fixo gracia comprobar
como en (case) tódolos clubes da nosa contorna, o “mercado de
fichaxes” sempre trae movementos. En Taboada, nunca. Aquí somos os
que somos e estamos os que estamos. E a moita honra. Se vén alguén
novo soe ser ou ben porque chega desde xuvenís ou ben porque é
amigo de algún dos xogadores e o convencemos. Esa é a nosa
realidade, o noso mérito.
E
despois de darlle moitas voltas, creo que cheguei á conclusión de
porqué nós somos así. A finais de marzo foisenos Xosé Anxo Varela
Rodríguez, alias Canti. Un pau duro, durísimo, para todos. Para os
veteranos que levabamos con el mil e unha batallas, e tamén para os
rapaces, que vían nel a un home bon que traballaba arreo para que
nós puideramos facer o que máis nos gusta.
Pois
ben, nós somos así porque el non era un máis. Xa sei que antes
dixen que nun equipo todos somos iguais. Excepto el, excepto Canti.
Canti era un líder silencioso, un optimista convencido, un enfermo
do balompé e do seu Taboadiña, como el lle chamaba, era o noso alma
máter, o noso faro. El era o que nos guiaba, o que facía unha
cantidade de traballo inxente, o que nunca deixou unha crónica por
publicar, o que sempre sacaba fotos e o que chegou a ter un blog que
era envexa de todo o fútbol afeccionado; el era o que tramitaba as
fichas, o que facía os partes de lesións, o que coidaba de todos
nós, o que nos animaba cando as cousas non ían ben, o que nos
freaba cando no vestiario había exceso de euforia, o que co seu
relato do ascenso de Noia nos poñía (e ainda nos pon a día de
hoxe) os pelos coma escarpias, o que ría cando había que rir, o
que choraba cando tocaba chorar, o que organizaba os rellenos de
Nadal, o que vivía coma ninguén as cores branquiazuis, o que sentía
o Carballo de Ramos tendo conta das raias do noso escudo. Foi a única
persoa que foi, á vez, colega para juergas, amigo para confidencias
e pai para consellos. Case nada. Cando dimitiu toda a directiva e o
adestrador, el foi o único que continuou, sen poñer unha pega, sen
unha crítica, sen unha mala palabra. A el queríalle ben todo o
mundo, non só aquí que por susposto, senón ao longo e ancho de
toda a provincia, onde só deixou amigos e nunca rivais. Ese é o seu
legado.
Pois
ben, nós somos así porque tivemos a inmensa sorte e a inmensa
fortuna de poder disfrutar del e do seu traballo durante moitos e
moitos anos. E, de velo a el, sempre se pega algo. El era o exemplo
de amor a un clube e a unhas cores, de traballo desinteresado, de
paixón infinita por un clube, de dalo todo a cambio de nada máis
alá da gratitude eterna de todos cantos levamos formado parte do
Taboada CF ao longo de tantos anos. Todos asumimos que a súa marcha
é unha perda irreparable, el é insustituible, pero se algo temos
claro os xogadores, afeccionados e directiva é que as cousas se van
a seguir facendo do mesmo xeito que el pregoaba (humildade, cercanía,
ambición) e coa mesma ilusión que el lle poñía, é dicir, toda a
do mundo.
Só
nos queda continuar coa súa obra, co seu legado. O Taboada CF perdeu
ao mellor de tódolos seus fillos, pero os que quedamos imos
deixarnos a pel para que a obra, a bonhomía e o recordo de Canti
pervivan durante moito tempo. E así será, porque nos fixemos a nós
mesmos esa promesa e ímola cumprir. É difícil asumir que xa non
está, pero nós sabemos que desde onde esté ha de mirar por nós, e
nós tamén sabemos que temos un motivo máis para poñer no campo
moito máis brío se cabe. Mirade se era exemplo para todos nós, que
hai unha frase feita que vén moito ao caso e que o resume moi ben; é
aquela que di “morrer coas botas postas”. Pois Canti morreu coas
botas postas, ata o último momento estivo ao pé do cañón. Hoxe,
cando falamos e sae o seu nome, ainda se produce un silencio, un
momento de recordo, de nostalxia, de alegría por telo coñecido e
compartido tanto con el…e despois desto sempre hai alguén que di
“acordádesvos daquel día…”…son tantos recordos e tantas
vivencias en común, de todo un grupo, que sempre terá un oco na
nosa memoria. Ademais, merecidamente, porque outra das súas grandes
virtudes era o escribir, e relatou os nosos logros, triunfos, goles e
éxitos con palabras emotivas e cheas de cariño e devoción.
Post-data:
a nivel persoal, uníanme moitas cousas a Canti, pero se cadra a que
máis era a nosa maneira de ver o mundo e as cousas que nel suceden,
tamén eramos moito de soñar despertos con logros imposibles do
noso Taboada. Recordarei polos restos unha anécdota con el,
que paso a relatar: partido importantísimo do Taboada na tempada do
ascenso a Preferente, gañabamos 1-0 e no desconto fixen unha parada
moi boa na portería que está pegada ao campo de entreno, e Canti
estaba xusto detrás desa portería sacando fotos, e díxome “Mi má
Roi, esa pelota sacouna a Virxe de Lourdes (patroa da parroquia de
Vilameñe, de onde ambos eramos nativos)”. Eu rinme e díxenlle
“Que va oh, esa pelota sacouna o Comando Vilameñe”, el puxo cara
rara e preguntou “¿E que comando é ese?”, e eu respondinlle
“Carallo, o que formamos ti máis eu, ou non ves que estabamos os
dous na portería”. Desde ese día, o Comando Vilameñe foi sempre
algo moi recurrido nas nosas conversas :-)
Roi
Rigueira