A multitude
impacientábase. Un berro de "Queremos ver xogar" ergueuse
solitario, e axiña se converteu en consigna coreada por todos, ó
compás da cal desfilaron os dous equipos cara ó centro do campo.
Unha ringleira de vintedúas pernas, moi peludas por baixo dos
calzóns de perneira curta, formou ó norte da liña do medio, e
outra ringleira doutras tantas pernas lampiñas púxose moi
aguerrrida na banda contraria. No medio das dúas renques agardaba o
rei coa pelota na man. O árbitro chegou cando xa todos estaban
colocados, rengueleando coa súa perna de pau e co chifre na boca. Os
acordes do himno da Confederación, interpretado pola banda de
gaiteiros das Sete Parroquias, fixeron calar os berros da xente. As
aguzadas orellas quedaron moi tesas e inmóbiles, pero ninguén
considerou oportuno manifestar o seu patriotismo doutra maneira e
quen estaba sentado seguiuno estando, e quen estaba estomballado non
se dignou poñerse dereito.
Un redobre de tambor
marcou o final do himno e a entrada do pregoeiro, que cos seus
poderosos pulmóns deu clara lectura ó bando real:
- De parte do rei faise
saber: Por décima vez asistimos á grande final desta liga das Sete
Parroquias retiradas do mundo. Como anos pasados, quedaron vencidas
as cinco parroquias que teñen equipos de machos e femias en varias
mesturas. É grande misterio que cheguen á fin sempre estes equipos
que aquí están no campo dispostos á loita, un deles composto de
femias tan só, e un outro formado por machos namais. Nas nove finais
que xa levan xogadas galaron as femias e os machos perderon. Non sei
se este ano será o mesmo conto, pero este partido ten grande
interese. Que o público garde cortés compostura, e que o árbitro saia sen dano do campo. Prohíbese a entrada no espacio de xogo. Non
ouse ninguén tirar pau ou pedra so pena de catro xostradas.
Permítese o insulto, xa que é costume. E agora escoitade quén
forma os equipos.
"Por Cuspedriños de
Baixo, Basilisa de porteira; na defensa Gumersinda, Rudesinda e
Hermenilda, que tamén é capitana; mediocampistas voantes,
Florismunda e Sexismunda; e no ataque xogarán Rigoberta , Filiberta,
Dagoberta e Aldaberta, e Eufrosina, que non rima, por lesión de
Melicerta.
"Por Cuspedriños de
Riba, Fortunato de porteiro, capitán do seu equipo; na defensa,
Secundino, Severino, e Cupernino; polo medio formarán Malaquías e
Ananías, e no ataque Robustiano, Salustiano, Quintiliano,
Diocleciano e Simpliciano. Por se acaso hai accidentes será médico
Esculapio; serán xuíces de liña Recesvinto e Chindasvinta, e pra
arbitrar o partido, ¿quen mellor ca Xustiniano?
Calou o pregoeiro entre
urros aprobatorios do público, que lle estimou moito a métrica
habilidosa do bando, e Basilia e Fortunato marcharron correndo para
as súas porterías. O rei pousou pelota no centro do campo, cuspiu
nas mans e fregounas como preparándose para un gran esforzo. O
árbitro deu un chifrido, e Asclepiodoto pegoulle unha patadiñ ó
balón para poñelo en xogo.
O follón empezou [...].
Darío X. Cabana, fragmento de Fortunato de Trasmundi, Xerais, 1990
No hay comentarios:
Publicar un comentario