Míraste
no espello límpido dos seus ollos e ségueslle a conversa eufórico.
Dar de fuciños nas copas cunha muller coa mesma afección ca ti e
tamén seguidora do equipo local! É a noite de sorte, vaia!
Con
énfase, ela láiase do pouco acerto do adestrador na aliñación
para ese partido, xusto ante un rival directo na táboa. Dáslle a
razón: é certo, foi un desastre o último encontro. Os xogadores
non conseguían controlar o balón, fallaban nos pases, o árbitro
non estivo fino: a maiores de pouco xustificada expulsión da fichaxe
estrela da temporada, sinalou varias faltas dubidosas e outro tanto
cos saques de banda. A afección, moi animosa nun primeiro momento,
mesmo agresiva cos erros arbitrais, foi deceando conforme os
visitantes, sen gran dificultade, ían materializando a súa vitoria
no marcador. A verdade é que o xogo dos nosos non xeraba máis que
desconcerto nos seareiros e olladas inquedas no banquiño; víase vir
que a xornada ía rematar cunha contundente derrota. Aínda por riba,
á decepción sumábase a gravidade da conseguinte perda de puntos,
que tanto precisabamos nesta altura da competición para saír da
zona de descenso.
Tan
certo é o que di que non che queda outra, por moi entusiasta que
sexas do combinado local, que sumarte ao seu resentimento cun
engadido sobre o único aspecto que ela aínda non amentou, para
amosarlle a túa conformidade coa súa visión do partido:
- E grazas que non
houbo máis remates a porta, que hoxe o gardameta colábaos todos!
Nun
rauto, ela érguese, óllate cunha zuna que non entendes pero que te
atravesa coma un xute inesperado do dianteiro que chega á rede.
Virándose de cu, escóitaslle berrarche, ríspeta e velenosa,
mentres se alonxa, sen dúbida, xa para sempre:
-
Estaba falando do baloncesto, zoupón! Outro coa teima do fútbol,
nin que non houbese máis deportes no mundo!
Eva Teixeiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario