Primeiramente
gostaba de agraceder o convite a participar -e a paciencia polos
reiterados incumprimentos nos prazos comprometidos para enviar un
artigo- nesta xanela de relatos arredor do fútebol: o que se xoga
cos pés e o que tamén se xoga coas mans, que vai ser no que nos
centremos nesta cativa aportación.
Quen sexa
habitual do ‘Entreno diario, diario de entreno’ xa coñecerá o
fútebol gaélico polo artigo que hai un tempo publicou Mario
Outeiro, que presenta de forma bastante completa e, ao tempo,
concisa, unha perspectiva sobre as orixes deste deporte en Irlanda e
a súa imprantación na Galiza, facendo mención ao proxecto no que
vou afondar: a Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto, do que
quixera poñer en valor o mérito e traballo adicado a un proxecto de
escolas deportivas que están pondo en andamento algunhas equipas,
máis nomeadamente a Escola Compostelá de Fútebol Gaélico
xestionada pola equipa decana da Liga, a Suévia, e o seu
relacionamento coa escola de ensino en galego Semente, que apura os
últimos días do micromecenado do Projeto Moas, futura escola de
infantil e primaria no rural da capital do País.
A Liga
Gallaecia, como sabedes, é unha competición que xorde en 2013 a
iniciativa de varias equipas que se acababan de artellar ao abeiro de
diferentes centros sociais do País, que deciden desenvolver unha
liga non segregada, na que xogan en pé de igualdade homes e
mulleres. Valorábase que a segregación, con regulamentos diferentes
–‘máis brandos’ para as mulleres, mesmo con regras absurdas
como xogar cun balón máis pequeno ou permitirlles coller o balón
directamente do chan coas mans- mantiña unha discriminación de
xénero da que non queriamos ser partícipes. É por isto que se
adoptou o regulamento masculino da GAA para a competición mixta.
A promoción
de valores inclusivos é unha constante que se reflectiu nun Código
de Conduta que sanciona actitudes e prácticas discriminatorias que,
ás veces, vemos desafortunadamente asociadas aos deportes, e que se
adoitan relacionar tamén co fútebol. Na Liga Gallaecia priorízase
o xogo xusto sobre a competitividade, o recoñecemento dos propios
erros e a aprendizaxe colectiva sobre as protestas ás árbitras tan
habituais noutros deportes. Este código de conduta é extensivo ás
siareiras, ás que non lles está tampouco permitido comentario
discrimatorio nin ofensivo ningún. Foméntase a camaradaría nos
terceros tempos, que felizmente se volveron nos últimos tempos na
parte máis competitiva da xornada: cada equipa local procura acadar
o máximo nivel gastronómico para ofrecer unha boa paparota cos
mellores produtos locais ás visitantes.
Mais a Liga
Gallaecia ten vontade de ir máis alá dun grupo de ‘frikis’
que o pasan ben xogando un deporte irlandés, é un proxecto
solidario coas loitas sociais e co País. A popularización do
fútebol gaélico e a difusión dos valores da Liga Gallaecia no
desenvolvemento de escolas de deporte base é unha iniciativa que vai
madurando a lume manso xunto co propio proxecto deportivo. Destacan
neste eido as iniciativas das compañeiras do Ambílokwoi de Vigo co
Colexio Paraixal ou da Suévia coa Escola Semente de Compostela.
As trinta crianzas que, repartidas en dous grupos de 5 a 8 e de 8 a 12 anos, van todos os luns pola tarde ao campo de Marrozos aprenden a competir respectar ao oponente e ao árbitro, a non ter e combater actitudes sexistas ou discriminatorias, a coidar o material e o campo e a cooperar coas compañeiras da equipa, a facer a ‘haka miúda’… e son tan aplicadas na aprendizaxe das regras básicas do fútebol gaélico que moi cedo as veremos xubilándonos da pracenteira tarefa de fozar na lama, facer o ‘solo’ e zouparlle a paus. Xa puidemos observar a súa progresión na quinta xornada de Liga desta tempada, nunha demostración de destreza e afouteza, nunha tarde de inverno dominada polo vento e a choiva.
No verán de 2019 xa celebraron unha concentración nacional Sub-12 de escolas de
fútebol gaélico, xustamente en Marrozos, e estaba prevista neste
ano, coa incorporación de crianzas da Coruña, unha nova edición
desa xuntanza que fanou a pandemia.
En setembro
retomarase, seguramente, a actividade destas escolas, que
probabelmente continúen a expandirse noutras vilas e cidades,
facendo semente de valores no deporte e na vida, semente dun País
digno e normalizado, que constrúe ‘pedra a pedra no mundo a nosa
casa’, como dicía a cantiga.
Antón Somoza
No hay comentarios:
Publicar un comentario