Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

7/12/21

Soneto alexandrino para Messi

         

        Aquí escribo de fútbol, e non, ¡non!, de Facenda.

Por iso a Messi canto, un mago do balón,

que gañou, por valía, nosa alta admiración,

pola súa mestría, eximia na contenda.


Nunca o individualismo sobrancea na súa axenda.

Fai fintas, pases longos, penaltis-precisión,

e ós compañeiros dálles entregas de excepción:

no seu compañeirismo non hai ningunha fenda.


Balóns, copas, "tripletes" para el son o mesmo,

porque o que el pretende é ser gran xogador.

Benvidos sexan tódolos premios así mesmo


se son froito alcanzado por un gran loitador,

xenial nun grande equipo. O corazón ti tesmo

de admiración enchido, certeiro goleador.


Xoán Xosé Fernández Abella, Loanzas sentidas e outros poemas


29/10/21

Cerónica

E alí estaba eu. Mércores, 13:10, clase de matemáticas. Cando só faltaban menos de 8 horas para un hito histórico: a participación do meu equipo de sempre, o Boiro F.C, na final da copa. Como pretende a profesora de matemáticas que estea atenta a súa clase? Tarefa imposible!

Non fago máis que darlle voltas ao 11 inicial, ao momento en que salten ao rectángulo de xogo e que a cámara, cun xiro de 360º, amose esa liña recta perfecta de xogadores no círculo central. Alí estarán, tensos, orgullosos de ter chegado tan lonxe e pensando nas súas afeccionadas e afeccionados (eu incluída). O árbitro chamará aos capitáns dos equipos e lanzará ao chou a moeda para elixir quen saca primeiro. Xa me imaxino a Iago García, dianteiro estrela do Boiro, calculando o ángulo perfecto para introducir o esférico na escuadra.

- Verónica! Despois preguntarás como se fai. Procura atender, non teño pensado repetir a explicación de novo.

Xa tardaba. Primeira bronca da clase para min. Parece que o cálculo de probabilidades si funciona: sigo sendo a alumna que máis “advertencias” recibe na clase de matemáticas. Co ben que estaba eu na miña realidade alternativa...

- Cerónica, atende - di Xurxo con ton burlesco.

- Mira, Xurxo, métete nos teus asuntos. E deixa de falar comigo non vaia ser que a túa profe favorita se sinta decepcionada.

A verdade é que me gañei o alcume a pulso. Cerónica: récord do mundo en sacar ceros en matemáticas. De todos xeitos, para que c*** quero eu aprender matemáticas???

Beatriz Paderne Cebey


6/8/21

Fútbol no faiado

       Un fraco e frouxo ruído caía rusticamente desde o fráxil faiado situado sobre a habitación de María. Nada bo podía ser nunha noite dun venres de maio, con pouco frío e moita chuvia, cargada de medo. Aquel corazón de tan só nove anos batía ás présas, como un muíño que andase en pedra. Sen preocupárense, os minutos cravábanse na paciencia daquela nena, acurrunchada na beira da cama cos ollos choídos en negro, sen lles importaren atravesar a media hora sobre as dúas.

Sabía o que había. Claro que o sabía! Sabíao e nada podía facer. Era ela. Era ela. Tiña que ser ela. Si, si. Non podía ser outra. Esa rata xa lle roera no faiado, había máis de tres meses, unhas alpargatas de esparto noviñas que tiña gardadas do verán pasado. Por iso, cando os pais lle pediran que subise alí enriba o balón de fútbol nº 4, de 65 centímetros de circunferencia e 350 gramos, que lles entregara a directora do colexio aos dous equipos finalistas esa tarde previa á final do sábado, María protestou, inutilmente, cos ollos abafados en tristura. Por máis que lles prometera aos seus proxenitores respectar a integridade dos diversos elementos estruturais e decorativos da habitación, mantendo o balón en repouso, a nai e o pai, coa mirada perdida na escasa pintura que permanecía aínda nas paredes sen pegadas de pelota, e coa sensación de perigo que lles proporcionaban os fragmentos inda vivos na lámpada do teito, non cederan ás pretensións da súa filla.

O tempo volvíase caprichoso e perdía o control pluvial, superadas as tres da madrugada mentres a nena loitaba a escuras contra aquel bicho aínda máis caprichoso. O ruído da besta infernal rillando na bóla multiplicaba os latexos de María en cada dentada. Desexaba poder acender a luz, erguerse da cama e enfrontarse ela soa ao animal co pau de golf que seu pai gardaba no armario da entrada, mais o medo, coma unha negra sombra en busca de pena, permanecía alí no cuarto, sentado diante da porta, cos dentes afiados e escuros. Entón buscou coa palabra un ton agudo e alto para que puidesen oír os pais, a rata, o medo… porén, ningún fonema ─nin sequera ningún son─ ousou saltar as cordas, tirantes de máis.

Véndoa derrotada, as bágoas foron colonizando, silandeiras, as súas meixelas ata chegaren a sentirse cómodas nelas, co reloxo mirando cara ás catro. Pouco a pouco a súa mente foi descolorando en imaxes a angustia daquel sábado tarde, daquela hora do partido final do campionato. Precisamente, na tardiña do venres a capitá do equipo rival e as compañeiras do seu confiáranlle a ela ─a capitá, a dianteira con máis gol─ a custodia dese balón nº 4. Era a primeira vez que ían xogar un partido co nº 4. Levaban anos esnaquizando as botas contra o nº 3, “unha pelotiña de xoguete para pequerrechos”, como sentenciara a porteira do outro equipo finalista, enchéndose de razón coa emoción dos gramos adicionais do nº 4 entre mans. A ilusión era máxima para o estreo do balón na final. E a expectación da comunidade escolar levedara co requento do jogo bonito e limpo que practicaban os dous equipos. As mans rivais de familias, compañeiros e compañeiras e do colectivo do profesorado de cada equipo ían estar a punto para baterse nun duelo de aplausos nas bancadas cubertas do polideportivo.

Mais… chovía amargamente sobre as cinco da madrugada, e aquela rata asasina das alpargatas non deixaba de ferir o balón nº 4 no faiado. Nos seus dentes estralaban os ósos maimiños daquela bóla case celestial. Daquela… xa todo estaba perdido! Todo! E todo pola súa culpa, por non saber coidar o balón, o nº 4!

Foi entón cando María se instalou nun pranto inevitable. Os salaios quebrantadores rompían a noite, desesperados, cos ollos inchados e vermellos…

Seguramente as seis da mañá xa non oíron os choros: o cansazo e o sono fóranse achegando a ela paseniñamente e, sen que se decatase, collérana no seu colo mol de ausencias caladas e levárana da súa man ata un descanso de seda. Por fin, o mundo deixara de existir.

Tivérona que espertar os pais, pasadas as dez e xa preocupados. A noite en vela arreboláraa nun repouso concienciudo e impermeable. Deixara de chover. Coa luz de súpeto nos ollos, recibiuna de novo a almofada. Así a todo, foi por pouco tempo. Canda a luz, entrou o recordo nocturno da rata esmiuzando o nº 4. E aí saltou María da cama. Co susto na face, cos ollos brillantes e cos pés descalzos subiu ao faiado.

Cando baixou, viña cargada de bágoas. Nas mans, o nº 4.

A felicidade dicíao todo. Que unha goteira do teito debidamente tratada pola nai á unha da madrugada fixera ese ruído acartonado, xa a ninguén lle importaba.

Xosé Luís Vázquez Somoza

14/7/21

Adestrar

Adestrar é iso: caer, erguerse, volver caer, volver erguerse; esforzarse, cansar, seguir adiante; acudir á cita co equipo chova ou vente. Cultura do esforzo. E despois, a relaxación, a ducha quente, a cea quente, a cama quente. O sono. E o soño.

Se compito, gústame gañar, sentir o apoio das compañeiras e os parabéns da adestradora cando o fago ben, celebrar co equipo e cos seareiros. Pero se non houbese campionato, xogaría igual. Para notar o vento na cara, para superarme a min mesma, para descargar adrenalina, para sentirme parte.

Iso é adestrar (para min).

Iso é vivir.

Beatriz García Turnes

1/6/21

A revolucionaria

 

E así estivemos varias semanas. Pero un día que non paraba de chover, como don César pillara unha boa catarreira, decidiu que aquela clase a iamos ter na aula e aproveitala para ver un vídeo sobre deportes. Despois do vídeo, ao profesor ocorréuselle pedir suxestións. A min paréceme que o facía só para encher o tempo que aínda quedaba ata a saída, pero entón foi cando se armou. Ana foi a primeira en intervir:

- Don César, eu creo que hai algo que debíamos cambiar nas clases; tal como están, paréceme que son moi inxustas para as rapazas.

- ¿Que queres dicir?

- Tal como facemos agora, nós quedamos movéndonos coma esas que saen na televisión detrás dos cantantes, mentres os rapaces van facer deporte de verdade na pista. Eu opino que deberiamos ter actividades conxuntas. Se o aerobic é bo, tamén o ha ser para os nosos compañeiros. E a nós tamén nos gustaría moito xogar na pista; ao fútbol, non o sei, pero ao baloncesto apuntámonos máis dunha.

¡Houbera un rebumbio xeneralizado! Aquel día os rapaces fixeron burla continua de nós. Mesmo algunhas rapazas protestaron e dixeron que elas non querían ir á pista, que preferían seguir co aerobic. Parecía que as cousas quedaran así, pero non foi tal, porque de alí a uns días o profesor decidiu cambiar. Naquela clase tivemos unha primeira parte en común, con exercicios e xogos que fixemos todos, nós e mais eles. E logo fomos á pista, que é ben grande, e montamos dous partidos de baloncesto, un para os rapaces e outro para nós. E don César estivo todo o tempo canda as rapazas, aprendéndolles a moitas que non tiñan nin idea porque case nunca xogaran.

Desde aquela, as clases cambiaron. Non só xogabamos ao baloncesto, tamén o faciamos ao voleibol e algunhas veces, moi poucas, ao fútbol. E empezamos a xogar rapaces contra rapazas, pero eles gañábannos case sempre, están moito máis afeitas. Entón demos en facer equipos mixtos, e iso foi o que deu mellor resultado, porque así as forzas estaban moito máis equilibradas.

Ademais, isto axiña se contaxiou, e ao cabo dun tempo xa estaban imitándonos noutras clases do colexio. E todo gracias a Ana, aínda que haxa quen non o queira recoñecer.

 Fragmento de 'Un curso con Ana', Rapazas, Agustín Fernández Paz

23/4/21

Goles e lecturas

 Este pasado mércores en Madrid, no estadio Santiago Bernabeu, o Real e mais o Barça disputaban o partido de ida da eliminatoria dos cuartos de final da Champions League de fútbol mentres no Círculo de Bellas Artes –e tamén en moitos outros lugares- unhas cantas persoas andaban a procurar o seu mellor ton de voz para ler en alto o fragmento do Quixote que a cada quen lle correspondería. Unha voluntariosa informadora daba, en Radio 5, noticia deste último acto cando desde todas –ou case todas- as demais emisoras contaban a berros o que acontecía no terreo de xogo, ou o que cada un dos narradores entendía que alí estaba a pasar.A muller, despois de nos facer saber que fora dona Ana María Matute quen comezara a lectura e que para facelo “se subió al atril(!)”, advertiunos, máis dunha vez, das vantaxes de se poñer a ler un libro como alternativa á contemplación do partido de fútbol. Se cadra ela utilizaba o adxectivo na súa acepción primeira, a dunha sucesión de cousas que se alternan, pero a sensación que un percibía era a de que nos estaba intentando convencer para que nos inclinásemos por unha das dúas posibilidades, como se non fose posible –e mesmo aconsellable- unha boa convivencia entre ambas, sempre que se lle dedique a cada unha das actividades o momento máis axeitado.
A verdade é que hai –creo que cada vez menos, afortunadamente- unha certa tendencia a enfrontar a práctica e a atención como espectador de certos deportes coa afección á lectura, colocando aos integrantes do primeiro grupo nun plano intelectualmente inferior ao dos do segundo, nun acrobático exercicio de ilustración –eu diría que máis arriscado aínda que o que a locutora da radio lle atribuíra á autora de “Los hijos muertos”- sen base ningunha na que asentar, pero que acaba obrigando a algunhas persoas a adoptar posturas forzadas nun intento, non sempre feliz, de se acomodar na zona teoricamente mellor valorada, chegando, se preciso for, a violentar de xeito bastante pintoresco calquera norma das que rexen o uso correcto da linguaxe. (O día 24 do mes pasado un servidor escoitou dicir a quen daba a crónica do partido Racing de Santander - Málaga en TVE: “...lo que cuenta es la ‘resolutividad’(!)”, convencido, se cadra, de que un ataque por sorpresa armado con semellante “palabro” podería servir para xustificar, polo menos en parte, a derrota do equipo da casa).
Non hai ningunha razón para que o fútbol e mais os libros non poidan ser compañeiros na viaxe dos afectos e as satisfaccións sempre que saiban ocupar o asento que a cada quen corresponde e separar o gran da confrontación máis ou menos deportiva da palla vulgar de certos orneos en rodas de prensa e outros foros.

Paco Martín, publicado na sección 'Auga lizgaira', de El Progreso