Este
pasado mércores en Madrid, no estadio Santiago Bernabeu, o Real e
mais o Barça disputaban o partido de ida da eliminatoria dos cuartos
de final da Champions League de fútbol mentres no Círculo de Bellas
Artes –e tamén en moitos outros lugares- unhas cantas persoas
andaban a procurar o seu mellor ton de voz para ler en alto o
fragmento do Quixote que a cada quen lle correspondería. Unha
voluntariosa informadora daba, en Radio 5, noticia deste último acto
cando desde todas –ou case todas- as demais emisoras contaban a
berros o que acontecía no terreo de xogo, ou o que cada un dos
narradores entendía que alí estaba a pasar.A muller, despois de nos
facer saber que fora dona Ana María Matute quen comezara a lectura e
que para facelo “se subió al atril(!)”, advertiunos, máis dunha
vez, das vantaxes de se poñer a ler un libro como alternativa á
contemplación do partido de fútbol. Se cadra ela utilizaba o
adxectivo na súa acepción primeira, a dunha sucesión de cousas que
se alternan, pero a sensación que un percibía era a de que nos
estaba intentando convencer para que nos inclinásemos por unha das
dúas posibilidades, como se non fose posible –e mesmo
aconsellable- unha boa convivencia entre ambas, sempre que se lle
dedique a cada unha das actividades o momento máis axeitado.A verdade é que hai –creo que cada vez menos, afortunadamente-
unha certa tendencia a enfrontar a práctica e a atención como
espectador de certos deportes coa afección á lectura, colocando aos
integrantes do primeiro grupo nun plano intelectualmente inferior ao
dos do segundo, nun acrobático exercicio de ilustración –eu diría
que máis arriscado aínda que o que a locutora da radio lle
atribuíra á autora de “Los hijos muertos”- sen base ningunha na
que asentar, pero que acaba obrigando a algunhas persoas a adoptar
posturas forzadas nun intento, non sempre feliz, de se acomodar na
zona teoricamente mellor valorada, chegando, se preciso for, a
violentar de xeito bastante pintoresco calquera norma das que rexen o
uso correcto da linguaxe. (O día 24 do mes pasado un servidor
escoitou dicir a quen daba a crónica do partido Racing de Santander
- Málaga en TVE: “...lo que cuenta es la ‘resolutividad’(!)”,
convencido, se cadra, de que un ataque por sorpresa armado con
semellante “palabro” podería servir para xustificar, polo menos
en parte, a derrota do equipo da casa).Non hai ningunha razón para que o fútbol e mais os libros non
poidan ser compañeiros na viaxe dos afectos e as satisfaccións
sempre que saiban ocupar o asento que a cada quen corresponde e
separar o gran da confrontación máis ou menos deportiva da palla
vulgar de certos orneos en rodas de prensa e outros foros.
Paco Martín, publicado na sección 'Auga lizgaira', de El Progreso
No hay comentarios:
Publicar un comentario