Cando pecho os ollos e rescato os meus recordos futbolísticos da
infancia trasládome inmediatamente á parte de atrás dun Citroën
BX verde oliva (sempre tiveches bo gusto, papá). Pola radio soa
Galicia en goles; aínda hoxe, despois de dúas ou tres
cervexas, son capaz de recitar á carreira case toda a introdución
mítica narrada por Carlos Blanco, aquilo de “vístase connosco de
curto e tome partido pola radio pública de Galicia”. Non sei por
que a deixaron de emitir; para min Pepe Domingo Castaño e toda esa
caste de animadores rexoubeiros que tanto abundan na programación
dominical non lle chegan á altura dos zapatos a Blanco, aquel tipo
que me deixaba flipado dicindo que fulano, dianteiro do Xove Lago,
levaba xa dez goles esta temporada. Como demo o sabía? A quen
(aparte de a min) podía importarlle o que pasara nun campo de
Rexional?
Calabagueiros, As Gaiandas, García Hermanos, A Lomba, A Baiuca. As
voces dos narradores de Galicia en goles compoñían para min
unha xeografía exótica todos os domingos pola tarde, á ida e á
volta da casa de meus avós. Porque si, nenos e nenas, antes os
partidos xogábanse os domingos pola tarde, e non todos os días e a
todas as horas, coma agora. E que dicir dos nomes espectacularmente
afoutos que tiñan aqueles equipos: o Choco, o Obrero, o Fabril, o
Endesa, a Sarriana, o Céltiga, o Arenteiro. Para min os locutores da
Radio Galega eran coma correspondentes en zona de guerra, só que en
lugar de contar tiroteos falaban, empregando un idioma un pouco raro,
de “golpes na faciana”, “remates de testa”, “saques de
curruncho”, partidos que “principiaban”, encontros
“cativeiros”.
Así que poden imaxinar a emoción coa que a vivín o primeiro
partido radiado desde a grada da Marosa, o campo no que cada quince
días o meu pai e máis servidor papábamos frío, armados de abrigo
e pipas Facundo. O primeiro que eu lembro, polo menos. Creo recordar
que se trataba dunha fase de ascenso que xogaba o Burela,
probablemente de Preferente a Terceira, e que o xornalista estaba
sentado na parte de arriba da única grada que daquela tiña o
estadio. Non me pidan precisión, eu estaba pendente do que podía
parecerlle a aquel home a afección local. Que pensaría cando aquel
paisano berrase, coma cada domingo, aquilo de “árbitro, mal
comedor”? Que opinaría do arrebatador “vamos muchachos” co que
animaba ao equipo Rosamari, arrincando os aplausos da tribuna? E do
vento do nordés, que facía que unha falta lanzada desde o medio do
campo contra a portería de abaixo se convertese nun mísil
imparable?
Descoñezo se o narrador chegou a facer algún comentario sobre todas
esas cousas. Pero si que sei que houbo algo que lle chamou a
atención: que na Marosa os socios podían pasar co coche ata dentro
do recinto e aparcar ao pé do campo, co parabrisas apuntando ao
xogo, algo moi útil para poder ver o partido nas duras tardes de
inverno cantábrico. “Isto parece un cine americano!”, dixo o
tipo.
Martiño Suárez
No hay comentarios:
Publicar un comentario