Permítanme
que intente eu romper aquí unha lanza por Robert Green, o porteiro
da selección inglesa de fútbol que tan clamorosamente fracasou
cando pretendía deter o balón que un xogador do equipo dos USA
mandara -con escaso perigo, iso é certo- contra a meta da que el
reparaba e que supuxo un empate co que non contaban os entendidos que
se viron na necesidade de abandonar a restra de tópicos na que
estaban comodamente instalados e ir botar man da que teñen escrita
na páxina do manual correspondente á sección “Isto é algo que
eu tiña clarísimo aínda que non o quixera dicir en público”
mentres aproveitaban para intercalar burlas, non sempre de bo gusto,
e superficiais xogos de palabras a costa do apelido do futbolista.
Postos
a procurar un culpable o máis doado é xogar a baza do porteiro. Os
fallos de calquera dos outros dez quedan sempre algo disoltos no
barullo do ir e vir do grupo mentres que o gardameta non ten, polo
xeral, con quen os compartir e debe cargar el coa responsabilidade
toda. Estoutro día os ingleses e mais os estadounidenses empataron a
un gol no partido de fútbol que xogaron entre eles e todos os
comentarios –ou case todos- acabaron, tarde ou cedo, por ir dar ao
gol ianqui como se todos os demais, uns e outros, non tivesen a
obriga de marcar máis goles que o rival e gañar así o encontro sen
ter que agachar as súas responsabilidades por baixo da alfombra da
“cantada” de Green, “cantada” que serviu tamén para que todo
o mundo souberamos que hai pouco tempo este home rompera coa súa
noiva e que, se cadra, esta cuestión sentimental sexa en certa
medida a culpable dos frouxos resultados do “English Team”. Tamén
se anda a dicir algo da influencia que no seu rendemento deportivo
ten a actual relación amorosa de Iker Casillas. O clásico:
“Cherchez la femme”. Pero a do gardarredes.
Un
día no Chillida Leku o meu amigo Joaquín Forradellas comentábame,
eu diría que máis en serio do que a primeira vista podía parecer:
“Fíxate ben e dime se non se coñece que o artista xogara de
porteiro na Real... Todo canto ocupa un lugar neste espacio verde
está distribuído da maneira na que a un bo gardameta quere ver aos
demais xogadores situados no campo”. E a min pareceume que si. E se
cadra por iso agora penso que se o pasado día 12 os compañeiros de
Robert Green estivesen no sitio no que, táctica e mesmo
esteticamente, el desexaba naquel momento, outro sería o resultado.
Supoño
que non é preciso que diga aquí que un servidor, na súa xa tan
afastada mocidade, xogaba de porteiro.
P.S.
Hoxe a selección española xoga contra a de Honduras e, gañen,
perdan ou empaten, Casillas fai moi ben en estar namorado. E a
selección portuguesa enfróntase á de Corea e, gañen, perdan ou
empaten, será fermoso que ofrezan algo do seu esforzo á memoria do
mestre José Saramago.
Paco Martín, publicado o 21-6-2010 na sección "Auga lizgaira" de El Progreso
No hay comentarios:
Publicar un comentario