Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

27/2/19

O fútbol na miña nenez e xuventude


A miña infancia en Quiroga debeu transcorrer dun xeito máis ben feliz, pois non gardo dela unha acordanza tristeira, agás algúns pesadelos que asoballan a lembranza como inoportuno banzado.
Os intres máis ledos confundíanse cos xogos. Alacadabamos, como se di en Quiroga en lugar de alasar, detrás dunha marfallada redonda, feita de trapos, dunha lata de sardiñas, dunha pelota de goma ou dun balón de coiro, en ocasións excepcionais, como os cás tras da lebre. O fútbol practicabámolo na zona baixa da praza central do pobo, denantes de Madrid a carón da Tabacaleira, rexida por Dona Flora, lanzal muller de cabelos brancos, parente de Ernesto Guerra da Cal.
Ás veces as pernas, esmiuzadas polo racionamento e a avitaminose e cangadas polo peso dos galochos, non sabían dirixir con acerto o balón. Este, antolladizo e desmandado, petaba co bazuncho do seu corpo nos cristais dalgunha fiestra rompéndoos. Deseguida aparecía na ventá a Señora Tomasa guindando badaladas verbais de improperios contra nós. Axiña o Pedelas, dilixente alguacil, amosaba a súa humanidade pola rúa do Velasquillo. Ao non decatarnos da súa presencia, varias pelotas e algún balón de coiro, desasisados e probes deles, pagaron a súa ousadía coa morte súbita na afiada navalla do funcionario do concello.
Os partidos de fútbol da equipa do réxime, o Real Madrid, escoitabámolos a través dunha radio Marconi instalada no bar do Tito, hoxe tamén mergullado na rebotica inapelable da memoria. O bar, ateigado de xente e fumo, semellaba un fumadeiro de opio. Imaxinábamos as evolucións dos xogadores grazas a elocuencia narrativa e a voz envolvente de Matías Prats ou Enrique Mariñas. As imaxes da Televisión actual adormecen o maxín, facultade intelectiva imprescindible para promover unha integral formación na idade infantil.
Perante os recreos da escola do Teixelo tamén practicabámolo balompé nun triángulo, hoxe finado por mor da asoballante febre do cemento, a carón do portalón do pazo dos Carujos, enfeitizado co escudo de armas dos Condes de San Martiño. Hoxe do pazo non fica nin a semente, pois foi derrubado pola teima construtora actual que non respecta nin a memoria histórica. Onde se atopará a rica biblioteca, que eu mesmo puiden ollar cando a finca pertencía ó Señor Pol Piñeiro?.
Os domingos organizábamos partidos de fútbol contra os de San Clodio no Toural, en San Martiño, ou no campo da Labradía, en San Clodio, pola estrada do Salto, a carón do camiño de ferro e non lonxe da igrexa parroquial. Coa indumentaria semellábamos a equipa do Real Madrid: camiseta branca de felpa, dous calzóns de lenzo de Xubia contrapostos para que non saíra o paxariño, calcetíns de la e galochas de becerro, co solo de madeira forrado de goma das rodas de coche. Sen a consabida liorta o ritual futboleiro ficaba incompleto. Ás veces corríannos a coiazos e tiñamos que pasar a toda presa o Sil pola Ola, a Praia, a Pena de Xesucristo, o Carrizo ou a pena da Lapa. Esta aliñación durante moito tempo foi máis témera que os once mosqueteiros: Tino, Rafa, Pepucho, Hilario, Pocholo, Romulín, Chelito, Xaime, Cholis, Xermán e Jarrín.
No Seminario das Ermitas, Ourense, estiven dende o ano 1954 até o 1958, os primeiros catro anos de bacharelato. Alí a única afección permitida era a futboleira. Mais o campo de fútbol atopábase no curuto do monte, a uns 3 quilómetros das instalacións relixiosas. Entre a subida, o tempo do xogo e a baixada volvías derrengado, tendo en conta, ademais, que as nosas forzas eran moi magras en virtude da escaseza vitamínica do réxime alimenticio a que nos sometía o reitor, D. Filipe. Nunha época, baixo o padroádego dun superior, Don Vitorino, moi querencioso do fútbol, escoitábamos pola radio as evolucións do Real Madrid, a equipa do réxime, na Copa de Europa. Coleccionaba eu uns cromos de futbolistas, que traían unhas libras de chocolate fabricado na Rúa-Petín. Precisábase encher os recadros dun libro con todas as equipas de primeira división para obter un balón ou unha prancha eléctrica. A miña ilusión secreta era agasallar á miña mai con unha relucinte nova prancha, pois decatábame dos traballos que pasaba coa vella de brasas. Mais un prefecto, Don Nicasio, moi dado ós rezos e dabondo místico, deu en argallar que tanta afección ó fútbol disipábanos espiritualmente. Convenceu ó reitor e un malfadado día rexistraron as malas, que por obrigada norma debían atoparse abertas. Arramplaron coa colección de cromos e queimáronos. A rabecha estivo a piques de xogarme unha mala pasada. Si chego a ser home, non me houberan abafado de tal xeito, a semellanza do neno de Castelao que lle subministraron unha purga á forza.
No curso 1959-50 trasladeime ao Seminario de Lugo para estudar Filosofía e Teoloxía. E tamén alí o tempo de recreo e folganza enchiámolo co fútbol, que, sen dúbida, supoñía unha pracenteira fuga naquel monótono quefacer cotián. Nesta época confeso un pecado xuvenil: ser un fervente seareiro do Real Madrid. Formei, como defensa esquerdo enérxico e contundente, no cadro "internacional" da selección do Seminario. Tiven a honra de pertencer a un corpo defensivo de sona, chamado do "Caurel" e integrado por Aián, cancerbeiro, Hilario, Vicente e Estévez, tripla trincheira protectora. Ademais, dende sexto curso o novo bispo, Monseñor Ona de Echave, xa nos permitiu xogar cos calzóns curtos de futbolista normalizado. O anterior, Don Rafael Balanzá, pensaba que o ensino das canelas era provocativo e emitira tallantes ordes para desafogar as nosas enerxías xuvenís, no campo de area situado a carón dos muros do cárcere lucense, revestidos dun pulcro e honesto chándal longo. Os únicos espectadores foráneos eran os presos, que adoecían por asomarse ás ventás para ollar as nosas evolucións futboleiras. Cantos devezos e ansias de liberdade fomos quen de suscitar nas súas imaxinacións nós que en certo xeito tamén vivíamos prisioneiros dalgunhas cadeas!.
Pra Xosé Anxo Varela dende a lembranza saudosa dunha patria irmá

Xosé Estévez
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

No hay comentarios:

Publicar un comentario