Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

30/9/20

Díptico para Xavi

         

                        I. Gran cerebro e corazón,

sempre, do seu Barcelona.

Un gran tesón, que emociona

ó que eu, ¡con emoción!

rendo fonda admiración.

Seus pases eran certeiros,

sabía que compañeiros

estaban para atacar

e, moitas veces, marcar.

Pases, os seus, ¡milagreiros!


II. Mereces ben ser lembrado,

sempre, como xogador

exemplo de pundonor,

de loitador e entregado.

De grande honradez, legado.

A túa limpa traxectoria

viva estará na memoria

das xentes de corazón,

que saben que a túa lección

permanecerá na Historia.


Xoán Xosé Fernándea Abella, Loanzas sentidas e outros poemas


27/8/20

O gato de Catoira

 

A felinos e felinas acáelles ser gardametas, apañar balóns en xogo aéreo coma se fosen paxaros, gardar a portería vixiantes, os músculos en tensión dispostos a choutar sobre a presa esférica. Este micho de xullo acazápase, agarda e salta como un gato salvaxe. Con flexibilidade felina, coa concentración dun cazador. Seica toda a súa vida foi paciente e orgulloso: de pequeno cando viaxaba en autobús ata o campo do Arousa coas botas de fútbol na bolsa de deporte e, de adulto, cando por non ter a estatura que se lle requiría a un porteiro dixo que entón aprendería a saltar máis alto. Saltaría como se tivese alas nos pés. As miñas lembranzas do fútbol son remotas, seguramente de antes de que Sergio nacera: Sergio Álvarez, o Gato de Catoira. O fútbol é un recordo nostálxico que se me arrastra pola mente coa cadencia das tardes de domingo da infancia, das voces exaltadas das retransmisión radiofónicas. Do meu veciño, gardameta do Celta, souben cando falaron del na casa de Oeste. Daquela caín na conta de que percorremos os mesmos lugares en distintos momentos –tantos anos de diferencia!-, que estudamos no mesmo colexio e que fixemos o traxecto ata Vilagarcía na mesma liña de buses, os dous cos nosos soños: el desexando ser porteiro de fútbol e eu escritora. Cónstame que lle gusta a obra de Rosa Aneiros, declarouno en entrevistas e mais nun tuit no que felicitaba o Día das Letras Galegas. Rosa, a felina amiga, a felina cómplice na literatura, escribiu o seguinte texto para el:

"O gato de Catoira é o meu gato favorito. Un día Manuel Bragado comentoume que nunha entrevista Sergio Álvarez, porteiro do Celta, viña de citar a miña Resistencia entre as súas preferencias lectoras. Vaia alegría levei! Envieille un libro asinado porque para quen amamos a quen nos le sempre é unha festa que alguén nos recomende e máis cando vén dun mundo tan aparentemente alleo ao das letras como é o fútbol de alta competición. Sergio devolveume o meco noutra entrevista. E así estivemos máis dun ano, con recados por medios e intermediarios ata que un día, por fin, conversamos. É un magnífico porteiro pero, por riba diso, un rapaz extraordinario. Porque sabe que alén do balón hai moita vida, e fai da súa lingua e da súa cultura un motivo de orgullo. Confeso que na casa vívense con euforia os triunfos do Celta pero, así e todo, unha cando non ve o partido enteiro sempre pregunta, e logo como o fixo Sergio? E non perderían porque el meteu a zoca? E logo moito lle fallaron os defensas? E non o mancarían? Porque agardo que teña todos os éxitos, que ben o merece. A súa humildade, esforzo e traballo arreo deberían obter a recompensa que el soñe, sexa cal for. Aquí ou acolá. Cando gañe pero, sobre todo, cando perda, aí estaremos para o alentar. Porque a vida nunca cabe no resultado dun marcador.” 

                                Anxos sumai, artigo publicado na sección Felinas, da                                                       revista 'Tempos novos', xullo 2017

21/7/20

Tácticas


Poucos minutos despois de comezar o segundo tempo dun partido de fútbol que se celebraba en Riazor e que enfrontaba ó –daquela- Superdepor con algún dos equipos sobranceiros da Liga de Fútbol de Primeira División, Arsenio, que era o adestrador, chamara cabo del a Fran, aínda novo en idade pero xa moi ben considerado no seu oficio, para lle dicir algo ó oído, algo que o rapaz escoitou atentamente mentres ía asentindo coa cabeza. Seguiu o encontro e algo debeu mudar para ben no xogo dos da casa porque, non sen os lóxicos esforzos, acabaron por gañar un partido que se lles puxera algo difícil e no que, xusto ó seu remate, unha morea de cronistas deportivos de todos os medios, armados de micrófonos, gravadoras, bolígrafos e cadernos de notas que viñan ser como naturais prolongacións de ollos, mans e linguas, rodearon ó futbolista pedíndolle que contestase ó que eles lle preguntaban a berros. O rapaz non sabía moi ben a quen atender e víase que andaba bastante desorientado e esforzándose en non quedar mal con ninguén.
Estaban interesadísimos en saber que fora aquilo que o adestrador lle dixera cando o chamara para lle falar ó oído e supoño que case todos utilizarían esa maneira de preguntar, tan propia de certos informadores, que consiste en indicarlle de entrada ó entrevistado a resposta que se desexa escoitar del. Que novo debuxo táctico mandara trazar riba do céspede (isto ten que aparecer sempre) de Riazor o astuto “Raposo de Arteixo”? Que reduccións espaciais encargadas de coutar os ámbitos do rival e dilatar os propios decidira poñer en práctica encargándolle a el que a transmitise ós seus compañeiros? Quen tiña que se situar preto do pao curto cando se puxeran as faltas en movemento...?
O bo de Fran, abrumado polo asedio, limitouse a contestar a verdade: “Non foi nada diso..., a min o adestrador díxome, literalmente: Neno, non te me poñas tolo!”
E, polo que se viu no partido, o rapaz entendeu perfectamente as instruccións.
Non creo que aquela resposta deixase conformes a moitos dos interrogadores e supoño que non sempre foi iso o que despois saíu publicado pero, como agora se van celebrar os Xogos Olímpicos, e despois dos triunfos en fútbol, tenis, ciclismo, baloncesto e outros deportes, e non son poucos os entendidos que aproveitan todos os medios ós que dan chegado para aconsellar, prescribir, avisar, dirixir e mesmo por veces pontificar sobre o que cómpre facer en cada caso, non sería mala cousa que os deportistas participantes, a quen se lles supón capacidade e interese abondos, decidan tomar desde o primeiro momento o sinxelo camiño das cousas ben feitas.
E, despois, que haxa sorte.

Paco Martín, publicado na sección 'Auga lizgaira' de El Progreso

15/6/20

Semente de valores, semente de País

Primeiramente gostaba de agraceder o convite a participar -e a paciencia polos reiterados incumprimentos nos prazos comprometidos para enviar un artigo- nesta xanela de relatos arredor do fútebol: o que se xoga cos pés e o que tamén se xoga coas mans, que vai ser no que nos centremos nesta cativa aportación. 

Quen sexa habitual do ‘Entreno diario, diario de entreno’ xa coñecerá o fútebol gaélico polo artigo que hai un tempo publicou Mario Outeiro, que presenta de forma bastante completa e, ao tempo, concisa, unha perspectiva sobre as orixes deste deporte en Irlanda e a súa imprantación na Galiza, facendo mención ao proxecto no que vou afondar: a Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto, do que quixera poñer en valor o mérito e traballo adicado a un proxecto de escolas deportivas que están pondo en andamento algunhas equipas, máis nomeadamente a Escola Compostelá de Fútebol Gaélico xestionada pola equipa decana da Liga, a Suévia, e o seu relacionamento coa escola de ensino en galego Semente, que apura os últimos días do micromecenado do Projeto Moas, futura escola de infantil e primaria no rural da capital do País.

A Liga Gallaecia, como sabedes, é unha competición que xorde en 2013 a iniciativa de varias equipas que se acababan de artellar ao abeiro de diferentes centros sociais do País, que deciden desenvolver unha liga non segregada, na que xogan en pé de igualdade homes e mulleres. Valorábase que a segregación, con regulamentos diferentes –‘máis brandos’ para as mulleres, mesmo con regras absurdas como xogar cun balón máis pequeno ou permitirlles coller o balón directamente do chan coas mans- mantiña unha discriminación de xénero da que non queriamos ser partícipes. É por isto que se adoptou o regulamento masculino da GAA para a competición mixta.

A promoción de valores inclusivos é unha constante que se reflectiu nun Código de Conduta que sanciona actitudes e prácticas discriminatorias que, ás veces, vemos desafortunadamente asociadas aos deportes, e que se adoitan relacionar tamén co fútebol. Na Liga Gallaecia priorízase o xogo xusto sobre a competitividade, o recoñecemento dos propios erros e a aprendizaxe colectiva sobre as protestas ás árbitras tan habituais noutros deportes. Este código de conduta é extensivo ás siareiras, ás que non lles está tampouco permitido comentario discrimatorio nin ofensivo ningún. Foméntase a camaradaría nos terceros tempos, que felizmente se volveron nos últimos tempos na parte máis competitiva da xornada: cada equipa local procura acadar o máximo nivel gastronómico para ofrecer unha boa paparota cos mellores produtos locais ás visitantes

Mais a Liga Gallaecia ten vontade de ir máis alá dun grupo de ‘frikis’ que o pasan ben xogando un deporte irlandés, é un proxecto solidario coas loitas sociais e co País. A popularización do fútebol gaélico e a difusión dos valores da Liga Gallaecia no desenvolvemento de escolas de deporte base é unha iniciativa que vai madurando a lume manso xunto co propio proxecto deportivo. Destacan neste eido as iniciativas das compañeiras do Ambílokwoi de Vigo co Colexio Paraixal ou da Suévia coa Escola Semente de Compostela.

As trinta crianzas que, repartidas en dous grupos de 5 a 8 e de 8 a 12 anos, van todos os luns pola tarde ao campo de Marrozos aprenden a competir respectar ao oponente e ao árbitro, a non ter e combater actitudes sexistas ou discriminatorias, a coidar o material e o campo e a cooperar coas compañeiras da equipa, a facer a ‘haka miúda’… e son tan aplicadas na aprendizaxe das regras básicas do fútebol gaélico que moi cedo as veremos xubilándonos da pracenteira tarefa de fozar na lama, facer o ‘solo’ e zouparlle a paus. Xa puidemos observar a súa progresión na quinta xornada de Liga desta tempada, nunha demostración de destreza e afouteza, nunha tarde de inverno dominada polo vento e a choiva.

No verán de 2019 xa celebraron unha concentración nacional Sub-12 de escolas de fútebol gaélico, xustamente en Marrozos, e estaba prevista neste ano, coa incorporación de crianzas da Coruña, unha nova edición desa xuntanza que fanou a pandemia.

En setembro retomarase, seguramente, a actividade destas escolas, que probabelmente continúen a expandirse noutras vilas e cidades, facendo semente de valores no deporte e na vida, semente dun País digno e normalizado, que constrúe ‘pedra a pedra no mundo a nosa casa’, como dicía a cantiga.


Antón Somoza

20/5/20

8 segundos


[...] Déronme ganas de dicirlle moitas cousas, mais con aquel ricto co que me miraba, non me atrevín a dar un chío. A miña cara debía ser un poema:
-Non me entenda mal, con isto non quero dicirlle que non pode xogar. Só lle recomendo que faga o mesmo que as súas compañeiras, polo seu ben. Andar á contra é moi difícil e dá moitos desgustos.
Mirou para Mari Carmen dun xeito que me resultou un tanto desconcertante, e sorriu cunha dozura que eu nunca imaxinaría ver nela:
- Non si, profesora? Non está de acordo comigo?
- Directora, eu creo que hai que facer o que hai que facer, cadaquén o que considere dentro do seu camiño, sen amolar a ninguén. Ti queres xogar con eles? Pois se queres, adiante!
A situación desconcertoume:
- Pero entón, podo ou non podo xogar?
- Se iso é o que vostede, quere, si. Fágalles saber aos seus compañeiros que a dirección do centro, por moito que queira que gañe o noso equipo, non vai permitir situacións de inxustiza dese tipo.
Quedei cunha sensación estraña. Podía baterlle ao imbécil de Anxo nos fociños mais ... quería realmente facelo? Darlle un corte ao paspán, por suposto. Xogar... non o tiña tan claro.
Cando cheguei, a clase estaba en silencio, mais cando me viran entrar, miraron todos para min e empezaron a murmurar:
- Que pasou? Que che dixeron?-preguntaban. Anxo estaba calado e mirábame con cara de odio.
- Pois que podo facer o que me dea a gana no patio, Anxo, amólate. -Escoitábanse risiñas polo baixo.- Mais decidín que non me apetece, que non vou xogar convosco. Só pensades no partido do sábado e nin sequera o pasades ben, e así para min non ten graza.
- Mellor, mira que ben, máis cancha libre que nos queda.
- Que non vaia xogar convosco non quere dicir que non vaia xogar.
Nese momento, non entendeu de que estaba a falar, mais á semana seguinte puxemos un cartel no patio grande, establecendo quendas, por días, para xogarmos ao fútbol, ao brilé, ao voleibol, ao baloncesto e os venres, xogo libre para todo o mundo.
A directora aceptou á miña proposta, díxolle a Anxo que lle parecía xusto e apuntou:
-Cando se lle mete algo na cabeza, non hai quen a pare. Recórdame moito a min mesma cando era nena.
Dedicoume un enorme sorriso (xa eran dous os que lle vira na mesma semana). Como dicía o meu avó, non hai que fiarse só das aparencias. Mira a quen llo ía dicir.

Fragmento de 22 segundos, Eva Mejuto

30/4/20

O fútbol gaélico na Galiza


Ao longo desta semana estanse a disputar na cidade irlandesa de Waterford (con final no mítico estadio Croke Park de Dublín) os Renault GAA World Games 2019, ou Mundial dos xogos gaélicos, que na súa terceira edición é o evento máis importante a nivel internacional duns xogos cada vez máis populares na Galiza. O evento, creado no 2015 pola Gaelic Athletic Association (GAA), trata de recoñecer a expansión dos deportes gaélicos (fútbol, camogie e hurling) fóra das fronteiras de Irlanda. E aínda que moitos destes equipos foráneos están formados por irlandeses emigrados, o caso da Galiza é totalmente distinto, e as nosas seleccións de fútbol gaélico (feminina e masculina) compiten ao longo desta semana con opcións claras de éxito.
E como se chegou a ter unha selección, participar nun campionato mundial e ademais ser moi competitivos cando hai dez anos ninguén xogaba a este deporte na Galiza? A resposta só a teñen as xogadoras e xogadores deste deporte pero seguramente se basee en que é un deporte divertido, completo e nada profesionalizado (incluso os mellores xogadores en Irlanda non cobran por xogar). A historia é breve e remóntase a unha viaxe do coruñés Wenceslao García Zapata (Wences) a Irlanda. Marabillado por este deporte, á súa volta fundaría na cidade herculina o primeiro equipo de fútbol gaélico en Galiza, o “Fillos de Breogán” no 2010. A partires dese intre, os equipos comezaron a abrollar por toda a xeografía galega ata que no 2013 se creou a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia) e paralelamente as seleccións masculina e feminina que hoxe compiten en pé de igualdade coas mellores do mundo. De feito, a selección galega de fútbol gaélico feminino proclamábase o ano pasado campioa de Europa na Bretaña nun disputado partido contra a temible Francia (mentres que a masculina quedaba subcampioa).
Pero, que é isto do fútbol gaélico? Pois un antigo deporte, xogado principalmente en Irlanda, con certas semellanzas co fútbol británico. Xógase en equipos de 15 xogadores (na Galiza os equipos son menos numerosos para adaptarse aos terreos de xogo existentes) nunha cancha de céspede rectangular con porterías en forma de H. Gaña o equipo con maior número de puntos, marcando goles (3 puntos) ou lanzando o balón por enriba do longueiro (1 punto). Trátase dun deporte moi dinámico onde os/as xogadores/as avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, pateándoo co pé e pasándoo (golpeando o balón coa man) entre os membros do equipo. Un deporte que en Irlanda enche estadios de preto de 100.000 espectadores e que fomenta a camaradería entre rivais (“terceiro tempo”).
Aquí, no país, dispútanse dúas ligas de fútbol, a Liga Galega de fútbol gaélico con 21 equipos, 14 masculinos e 7 femininos, ningún deles na provincia de Lugo (aínda que hai a previsión de crear un na cidade e outro na Mariña) e a Liga Gallaecia, que é a primeira liga mixta do mundo e na que si hai un equipo lucense, o Torques de Lugoslavia. Nesta última, creada no 2013, compiten na actualidade case unha ducia de equipos que fomentan o non segregacionismo, o deporte de base ou o respecto pola diversidade e onde o equipo local, promovido pola Asociación Cultural “Cultura do País”, adestra en Nadela conseguindo uns magníficos resultados.
Mario Outeiro

FICHA TÉCNICA : Idioma: galego; Xénero: artigo xornalístico (opinión); Público: adultos. Ano creación: 2019; Publicación: El Progreso papel o venres, 2 de agosto de 2019, e dixital (https://www.elprogreso.es/opinion/mario-outeiro/futbol-gaelico-galiza/201908061310131390846.html) o martes, 6 de agosto de 2019.

5/4/20

A tolemia no fútbol base e afeccionado

Levo unha temporadiña tratando de poñer terra de por medio e apartado temporalmente do mundo do fútbol (igual por unha cura persoal), o que me está permitindo cuestionar desde fóra moitos dos valores e comportamentos que transmitimos e temos asimilados como propios deste deporte.
Custa entender como o fútbol profesional serve de espello onde se miren clubs modestos e clubs de formación, cando en nada se deberían parecer. Custa entender como moitas persoas pretenden artellar a súa vida a través da profesionalización no fútbol, perdendo de vista o desfrute que supón a súa práctica. Custa entender como moitas das persoas vinculadas a el asimilamos todo isto e non nos cuestionamos o que estamos a facer, algo que sinto que non ocorre desta forma noutras modalidades deportivas. Seguramente os euros que move e o prestixio social que, neste momento, lle damos ás persoas que practican profesionalmente este deporte estean detrás de todo isto.
Só quero deixar neste artigo unha series de breves reflexións sobre o mundo do fútbol. Aí van:
Partindo da cúspide aparecen os equipos profesionais, que hoxe funcionan como empresas, e nos que pouco ou nada conta a decisión ou interese das persoas socias, como acontecía hai uns poucos anos, senón as do accionariado, empresariado que mira unicamente o interese económico e non o social, que mira a súa posición particular de poder e o seu “prestixio” sendo presidente dun club. Por que, entón, facerse seguidor de ningún equipo? Que nos motiva se poucos hai que coiden os seus, como fai, por poñer un exemplo visible, e desde a miña perspectiva distante, o Athletic Club de Bilbao, con xogadores de proximidade en todas as categorías e un achegamento diferente a moitos outros no ámbito social? Por que deixar os nosos euros e o noso tempo en seguir a un equipo que non está moi lonxe de como funcionan as franquías na NBA? Unicamente polo espectáculo?
Vemos equipos afeccionados que pagan a futbolistas “foráneos” en categorías provinciais que nin de lonxe chegarán a semiprofesionais, nin os futbolistas nin os clubs (simplemente por unha cuestión de lóxica poboacional e social), e que o fan polo feito, penso eu, de conseguir unha posición de poder na “clasificación do sen sentido”, co agravante de que moitos destes clubs contan co apoio de administracións que pagamos entre todas nós. E as persoas do contorno que queren xogar ao fútbol de maneira afeccionada? As que o queren facer quitando un anaco do tempo destinado a outras opcións de ocio para reunirse e relacionarse cos compañeiros/as e/ou veciños/as?
Equipos de fútbol base, corpos técnicos, familias, que xa orientamos a formación dos nenos e nenas cara unha “posible saída laboral”, posición condicionada polos euros e o prestixio social, xa desde os 4 anos, e non na procura do desfrute do xogo, no pracer de facer deporte, no compartir actividade e relacionarse con outras persoas, compañeiras, adestradoras, directivas, afeccionadas... Que han facer estes e estas futbolistas cando esa saída se escape? Frustrarse? Non practicar máis este deporte?
E para todas nós.... as que nos queixamos do pouco compromiso da xuventude co fútbol, as que dicimos mil veces a frase “a estes non lles gusta o fútbol como nos gustaba a nós”, as que culpamos as Plays, o Netflix... As que non asumimos que a forma do seu ocio e as súas relacións mudaron infinitamente desde que nós xogabamos... Podemos facer algo para que desfruten? Para que volvan relacións máis sans e de proximidade no mundo do fútbol? Podemos, en definitiva, facer algo para construír unha sociedade mellor e que o deporte sexa unha peza importante nesta?
A min gustaríame soñar que algo neste mundo pode cambiar e non ter que escapar deste sen sentido.

Roberto Rielo Iglesias (publicado previamente en futbolinlugo.es)

Roberto Rielo, nun partido na Medela, Taboada. Imaxe de CANTI