Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

19/3/19

Pasar a pelota


Eu non era moi futbolero e, normalmente exercía de augafestas sempre que tocaba unha conversa de fútbol. O fútbol de masas dábame moito para atrás e, para non crear polémicas, mantiñame normalmente á marxe da conversa. Como moito coincidía cos meus amigos afeccionados en que o fútbol non profesionalizado era algo interesantísimo e que había que potenciar.

Ese día tocou falar de fútbol cun bo amigo diante dunhas 1906 e unhas tapas nun bar do barrio de Paradai e, contra o que era habitual (falar dos últimos partidos da liga, ou do Taboada ou do Lemos, segundo con quen estivese) a conversa non foi sobre un partido ou sobre unha equipa, senón sobre o fútbol mesmo.

- Eu creo que se o fútbol é un dos deportes máis populares o é por unha razón -dixo o meu amigo.
- Pois ti dirás.... non sei por que non pode ser igual de popular o baloncesto, por poñer un caso.
- Penso que o futbol é popular porque é sinxelo... con dous paus que fagan de portería e unha pelota xa podes xogar. E se non tes pelota podes usar calquera cousa que sexa esférica. Pódese xogar cunha pedra ou cunha pelota de trapo, nen sequera fai falla que bote moito.
- E é tan sinxelo que apenas ten regras. É un deporte que, en comparación con outros, ten unhas regras moi básicas: o fóra de xogo e cousas de sentido común coma non coller a pelota coa man ou non morder aos do outro equipo.  


Eu non estaba en disposición de disentir, non coñecía os regulamentos do fútbol nin doutros deportes o suficientemente ben como para discutirllo, pero fieime do seu bo criterio.

- É coma a vida, amañamos co pouco que temos a man e aínda que tentemos poñerlle regras, no fondo sabemos que non as ten, ou, se as ten, son moi poucas.
- Totalmente de acordo. E diríache aínda algo máis. É un deporte de equipa, non o esquezas. Din os sociólogos que as clases medias e baixas son máis dadas a practicar deportes de equipa e de contacto físico. As clases altas practican vela, esquí, hípica e cousas así. Pero os rapaces no barrio xogan ao fútbol.
- É que a vida é tamén un deporte de equipo. E con contacto físico.
- Xa postos... ti como definirías o fútbol? Que é o esencial?
- Eu non me atrevería a facelo, pero unha vez escoitei unha definición que me gustou moito. Creo que lla oín a un adestrador. Dicía que o fútbol consiste en recibir, controlar, correr e pasar a pelota.
- Outra vez está ahí o fútbol coma unha metáfora da vida. Recibímola ao nacer, temos que adaptarnos a ela e temos que esforzarnos, pero tamén temos que saber ceder cousas aos demais.
- Precisamente. Cando eu era pequeno diciamos que o xogador que retiña a pelota era un “chupón”. E non era un piropo. Resulta moi valioso que un acto de renuncia e que vai en contra do lucimento persoal sexa o acto esencial neste deporte.
- Cantos partidos non veríamos nós que o único que se facía era pasar a pelota. E resulta que iso era a clave do asunto!
- Efectivamente, pasar a pelota, esa é a clave do asunto.
- Manolo, ponnos outra ronda se fas o favor.
Anxo Rigueira
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)



Comenzos dos oitenta


Sábados de mañá.
Nenos das rúas Washington, Vila de Carral, San Jorge, Vila de Sada, Rolda de Monte Alto… fillos da cidade con aldea en Irixoa, O Pino, Ortigueira, Ordes, Touro, Friol… concéntranse perto do cárcere provincial. Vista idílica coa Torre e o Océano de fondo, vista realista co patio da prisión chea de persoas paseando dun lado a outro e con persoas na súa volta falando nun ton excesivamente alto e guindando, algunha que outra vez, bolas pequenas.
Lugar do encontro: Campo de Pombo (terreo cun desnivel considerábel, arrodeado de leiras e animais que pacen tranquilamente). Espazo perigoso para as persoas idosas que sentan nun fondal do campo (detrás da imaxinaria portería sinalizada con dous croios a cada lado) para apañaren o sol de mediodía e falaren contos coas súas amizades.
As equipas locen as súas mellores galas. Cada rúa identificada cunha camisola de algodón comprada con certo esforzo por cada un dos seus membros. Estas levan o seu número de skai, cosido polas propias nais. Algún, con máis posibilidades, calza unhas Cejudo.
Comeza o xogo. A bola vai dunha portería a outra. Futbol directo. Resultado? Obvio, a equipa que se sitúa na parte alta do campo gaña sempre.

Antón Laxe
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

18/3/19

(experiencia persoal)

Boas, son Antía Pérez, de Laza. Capitá da Selección Española sub-19 e xogadora do Poio Pescamar.
Para min o deporte e en especial o fútbol sala femenino, é algo más que un “hobby”. É unha forma de distracción, unha forma de vida.

Grazas ó deporte estou saíndo a diante con todo, dame forza para seguir o pé do canón da vida e para non saírme do camiño adecuado.

Imaxe achegada por Antía
Antía Pérez
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

Que o tire o Mato


É raro de ver pero foi así, a min contoumo o fillo. O fillo do Carneiro grande, que xogaba tamén con eles, unha noite onda o Póngalas. Polo visto, que foran xogar a Castropol. E polas San Lucas deron en querer traelos a Mondoñedo, xogar a volta logo. E isto outro tamén. A idea tivéraa o Mato, xusto o carallo do Mato. Eles eran daló da Muxueira.
Os pais.
El era central.
Botáballe peito e poñíalle intención, xaora, non se discute. Non lle apuntaba a un cesto, o Mato. Pero arar araba a feito. Tíñalo que ver: o Mato era así ben parido, metro noventa. Non lle collían os pés nas botas, logo parecían cebolas, metía medo. No Seminario como era tan alto, sempre lle preguntaban que tempo ía vir. Entón el viraba a cabeza cara O Fiouco e daba o parte, lanzal:
«Es posible que vengan precipitaciones. Pero tampoco se descarta que llueva».
E ría cos dentes todos coma un acordeón desafinado ao celebrar a inventiva, alumándolle conciliador unha hostia ao primeiro que collía por diante.
O Mato era contrafeito pola boca, sedutor, líder e analfabeto a partes iguais. Escoiteille ao Marful verídico dicir que tiña os collós como mazás, dispensando, non o sei; cando lle entraba ao dianteiro cos dous pés por diante, os vellos aprendían de anatomía na barra. Todo cristo sabía ben o que pasara na Marosa, cando no medio da polémica cun árbitro de Foz, dixéralle tranquilo ao paisano, pero sen lle mentir tampouco, que lle barría os dentes. E barrérallos. E aos xuíces de liña tamén. Cada vez que me acordo…Vin chorar un dos liñas onda o córner mirando os dentes e as moas, tiña a dentamia toda estrada, alí ao pé da bandeirola. As pezas dentais de ouro do asistente refulxían na auga da lama coma os barcos dos shardanas aqueles remontando o delta do Nilo, na batalla contra Ramsés.
Dixéronllelo aos outros unha mañá no Pallarego. O Sacristán ergueu de onda o Mato, que llo bisbara á orella. Cuspiu solemne cara a rúa e, pasando o brazo polos fociños volveuse á concurrencia:
«E polas San Lucas vai vir un fogueteiro tamén. Millor non o hai!»
Polo visto o pirotécnico era parente do Benigno de Tui, fogueteiro de referencia da zona de Pontevedra. Chamábanlle Elías, polo do carro de lume. O Elías dominaba con gran desempeño todas as sortes da pirotecnia. Destacaba especialmente no xogo de polgar co cartucho da bomba de palenque, ao igual có gran Benigno. Tiña o polgar plataneiro. Houbo falar del Don Álvaro, si. Non era amigo de laiar pero o día que perdeu o dedo, doer doíalle igual.
O fogueteiro Elías chegou polas San Lucas contra a hora do vermú, en plan americano. Tocado con sombreiro Panamá e lentes de sol, vestía traxe inglés e zapatos italianos, chaleco cruzado e acendedor Dupont con releve historiado que recreaba a chegada dos ingleses do Capitán Cook a Tahití. Botou os primeiros estalos onda os nenos a unha man, namentres facía que divisaba distraído Vilamor ao lonxe. E coa outra fumaba un Celta e botáballe agarimoso a cinza no pelo aos cativos que o querían palpar. Galanteou o que quixo coas mulleres e traía un rapaz de Baños de Molgas que lle cargaba toda a petardería, namentres el baixaba ao toque o moscatel e repasaba coa folla do puro as febras de poldro que lle agancharan entre os dentes. Vaia feira!
Foi pola tarde. O campo da Fonte do Sapo estaba cheo. O fogueteiro saíu botar os primeiros foguetes, con alardes de filigrana, moi aplaudidos dende a zona de sombra. Houbo empate ao descanso e unha nova exhibición do artificieiro, xa en estado de graza. Din que o viron despois no Pozo da Cega ben acompañado, enfornando cunha confidente de Taramundi.
Reiniciouse o partido, que estaba aéreo. Rinchaban os cabalos dende a feira coa grada ao escoitar o
balbordo, cada vez que cruzaba a divisoria o Mindoniense. Ata que no último minuto chegou a xogada: o Cigarrán baixou o esférico ao piso con mestría de panadeiro, caneou o seu par e progresou afouto en diagonal pola canella do centro, cedéndolla de biqueira ao oco ao punta, que ingresaba fuxitivo na área vindo dende atrás. De súpeto, fíxose un silencio unánime no estadio que se debeu sentir ata no Valadouro. Un neno rompeu a chorar entre o fume do tabaco, espectro inmóbil, que parecía observar tamén a xogada. Xa se cantaba o gol pero ao dianteiro fíxoselle de noite. O central do Castropol segoulle a perna, que describiu volta e media en espiral, coma un Virxilio que acompañando o Dante dese a volta na porta do inferno antes de entrar. Rebentáranlle a perna ao chaval. Choveron berros e protestas. O árbitro, un rapaciño de Lourenzá, pitou penalti, expulsou o defensor visitante e desatou a celebración da grada. Os vellos que saíran mexar contra o muro entraron en tropel. Ninguén quería tirar. Era moita responsabilidade e por riba nas San Lucas. Daquela foi cando falou o Emilio do Patoyo:
«Que o tire o Mato».
Abriuse un corredor entre os xogadores do Mindoniense que lles deixou ver aos nenos que estaban atrás da portaría aquela figura imperial, case bíblica, do Mato, camiñando con clamorosa parsimonia cara o balón que descansaba xa no cal, coma un Moisés que fose abrir o Mar Vermello. O Mato acomodou o balón e fitou o porteiriño, que era todo viseira e tremía agochado atrás da indumentaria, agardando pola execución. O Campo da Fonte do Sapo era unha soa voz:
«Ma-to, Ma-to, Ma-to, Ma-to!»
O Mato botou a correr e o fogueteiro Elías soubo que chegara o momento do clímax, termando estratéxico do artefacto, preparando o chisqueiro. Sacou o seu mellor foguete para culminar a xornada e celebrar o gol seguro do aclamado central.
Prendeu o artista a mecha pisando en falso e daquela escoitouse un eterno si do mar entre o fume.
Shhhhhhhhhhh! Houbo unha terríbel explosión. A fumareda invadiu a área, entre o silencio abafante dos seareiros. A borraxeira desapareceu aos poucos e a xente puido ver o porteiro debelado, apolíneo xa no chan. A uns metros, alí o estaba: un furado perfecto no punto de penalti, requintado por un negro anel de restos de pólvora. Non quedaba nin rastro do Mato. Tampouco do balón. Rompeu o silencio un vello dende o córner:

«Cago no demo, se lle chega dar, descósea. Pero eu o Mato ver non o vexo». E non o vían. E que lle ían ver.

Lois Pérez
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)
 (publicado previamente en La Voz de Galicia, 19-10-2017)

17/3/19

O meu fútbol

Teño que recoñecer que nunca fun futbolista, nin tan sequera, cando sendo pequeno, todos os nenos xogaban ao fútbol. Malia non ter xogado ao fútbol si que teño moitos recordos vencellados a este deporte.
Son de Quiroga, unha vila pequena ao carón do Sil, e moitos dos meus recordos dunha nenez agradable teñen que ver cunha pelota. Supoño que a moita xente da miña idade pásalle o mesmo.
Os veráns destes anos xiraban sempre en torno ao tremendo desexo de que alguén quixese acompañarnos a pasar a tarde no Pozo Negro do río Quiroga. Alí gastamos moitas horas felices como moitos outros nenos en moitos outros lugares do mundo. É algo que se repite en calquera lugar do mundo onde hai auga: nenos felices larapexando na auga.
Ata aquí, nada que ver co fútbol pero... podo dicir que Guillermo o do banco, procedente de Monforte, un verán calquera dos últimos anos 70, cambiou a dinámica dos nosos veráns organizando un campionato de fútbol no que chegaron a participar numerosos equipos da Comarca de Quiroga coa rivalidade propia da xente que sinte moito todo o que fai, así somos nós e supoño que en outras partes de Galicia. Aquí presentábanse tarde tras tarde os equipos de San Clodio, Campos de Vila, A Ribeira, Folgoso do Courel, os representantes de varios establecementos hostaleiros da contorna e... a Cultural Quiroguesa que, si non lembro mal era o equipo de Guillermo.
A organización era impecable e había fútbol todos os días durante os mes de xullo e agosto. Nesta época todos, grandes e pequenos agardábamos á tardiña para achegarnos ao vello campo de fútbol San Martiño, en terra e sen peche de ningún tipo, perfectamente integrado no soutos do barrio do toural de Quiroga. Si, alí onde agora está o Instituto de Secundaria o Colexio de Infantil e Primaria, o pavillón de deportes e o Centro de Saúde, había un souto cunha fonte no centro, e no espazo que hoxe ocupa o pavillón e parte dos centros educativos, o campo de fútbol.
Botamos alí moitas horas durante estes campionatos que tiñan todas as voltas de enfrontamentos que fixeran falta para que a xente tivera algo que facer nos calorosos solpores do verán quirogués.
Non podo recordar cantos veráns durou esta iniciativa pero si que estou seguro que, aínda que en Quiroga-San Clodio sempre houbo moita tradición futbolística, non creo que houbera unha iniciativa na que participaran tantos equipos e, polo tanto, tanta xente.
A organización acadou uns grados de perfección tan grande que ata se chegou a editar unha revista co calendario de enfrontamentos, crónica dos partidos que se ían xogando e entrevistas cos xogadores. Nunca conseguín volver a ver nunca ningún exemplar desta revista de factura rústica pero con moitísimo encanto. Estou seguro que en calquera momento algunha aparecerá e quedarase con nós para sempre.
Seguro que haberá quen difira da miña opinión pero estou seguro de que este campionato foi o xerme da fundación en tempos modernos do Club Deportivo Quiroga, formado por xogadores de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. Lembro perfectamente cando se deu este paso e o vello campo de Fútbol San Martiño se remodelou para participar na liga da categoría máis baixa que había en aquela época, a segunda rexional. Dende entón e ata a súa desaparición o campo contou con vestiarios e un muro de peche de bloques de formigón que cambiou o aspecto deste barrio pero que a todos nos fixo moita ilusión.
O primeiro partido disputado na liga polo Club Deportivo Quiroga nesta etapa foi contra o Riotorto e só podo dicir que agora que fago memoria podo recordar perfectamente as tardes de fútbol neste campo subido ao ribazo de terra que o delimitaba.
Este equipo que representaba a unha terra e a unha xente foi quen de ascender a primeira rexional no primeiro ano que participou na liga... e pouco despois a Rexional Preferente o que xa implicou que o campo cambiara de lugar e de aspecto. O vello estadio San Martiño sempre foi de terra, ben... de terra, lama ou po dependendo da época do ano. Creo que todos os intentos por ter alí algo parecido ao céspede quedaron en nada, algunha herba saía pero duraba pouco.

Ramón Vila
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

16/3/19

No arredor do fútbol

Foi aquel un partido excepcional no que os meus compañeiros e mais eu fixemos vibrar a toda a xente da contorna do Val de Lemos e, tamén, aos de Taboada que viñeran connosco no coche de liña xunto con algúns máis nos seus vehículos particulares. Xogabamos alá, sairamos de mañá e con tempo despois de cargar as caixas de camisetas, balóns, caixa de vendas e urxencias. Xantar de camiño en bocadillos e refrescos, e chegada ao campo cun par de horas de prevención. Cambiarse e saír ao campo dar uns toques. Xa entrara no campo aquel temido equipo de Monforte, ían de primeiros na liga autonómica –xunto co Sarria, Quiroga, Outeiro de Rei, Riotorto, Santaballés, Chantada, Monterroso, Burela, Pastoriza e Viveiro- xogaban con sobrada solvencia, daban uns toques ao balón coa tranquilidade que dá a superioridade técnica, a precisión e preparación de tantos anos; por riba, xogar na casa. Nós, pobres de nós, aínda por configurar, por conformar debidamente, por situar no campo, por saber as claves para movernos nel, recoñecendo o regulamento e aplicándonos en cada mover sobre da herba. Algúns, coma min, chegaramos ao grupo aínda había un par de semanas e a penas tiveramos tempo de adestrar para –tan so- comprender o xogo defensivo e de ataque, para entender a técnica combinada que o adestrador procuraba e subsistir no medio daqueles grandes equipos que tiñan historia e unha traxectoria combativa de amplos horizontes. Nós non podiamos pensar no ataque senón na defensa, e andar ao toque de balón sen máis.
Tamén, pensei para min, este é o xeito de ir aprendendo. Teño que mirar e observar, estar atento ás xogadas, moverme coa seguridade da carga lúdica coa que foi creado este deporte. Temos que saír do tropezo e do medo. Así fixen, tan pronto comezou o partido fun situándome e nivelando o xogo dos compañeiros. Coa pelota en xogo, recuperei o sorriso deles –os meus- e  alenteilles o ánimo festivo da contenda. De súpeto, vin nas gradas a Celia. Nun intre de milésimas de segundo percibín o seu rostro, a súa ollada e envolta nunha bufanda de cor vermello. Celia é o meu amor, a miña muller soñada e amada, a miña princesa. Como podería saber, ...como podería estar alí? Eu sempre a vin en Lugo, no arredor de Maxisterio, onde facía Educación Infantil. Alí era a súa localización, onde nos coñecemos e comezamos a nosa relación, mentres eu estudaba na Escola de Peritos. Nun aquel de cordura, lembrei que ela é de alí, de Monforte. Vin o seu sorriso no medio de toda a xente e coa súa expresión doce e chea de orgullo. Motivo polo que me puxen oufano e avalado por unha carga adicional de carraxe. Que ben, alí estaba ela. Cando acabase o partido seguro viña saudarme e poderiamos falar. Quen había dicir!
O partido foi indo. Pouco a pouco despexabamos da mente a derrota que traiamos asumida. Non era para tanto, aguantabamos ben, sen sobresaltos. Tampouco era o día deles, non estaban tan a punto como pensabamos. Debíalles faltar alguén moi básico. Non marcaban moito, e estaban demasiado confiados nun gol de sorte que non chegaba, porque nós defendiamos con forza as posicións. Nalgún momento quixeron achegarse á área, pero a defensa funcionou moi ben interrompendo os pases longos e imprevistos. Acabou a primeira parte sen novidades. Eu fun falar con Celia. Aledouse moito de verme no Taboada xogando, non sabía. Ela sempre ía ao fútbol os domingos co seu pai e o seu irmán pequeno. Fun para os vestiarios e, todo contento, acertei a pedirlles a todos un pouco máis de incisión no xogo, a ver se eramos quen de achegarnos ou tentar un gol. Chegado o segundo tempo e cando xa só faltaban uns minutos para o desenlace final de empate a ceros. Eu, no medio dos xogadores, quedei mirando a Celia, a miña Celia querida, xa confiado no resultado final. Alguén do meu grupo, coido foi o Baliña, mandou un lorcheirazo longo á portería, ía ben dirixido pero era moi inocente, o porteiro estaba en liña para collelo, anque non contaba que na súa traxectoria bateu en min na mesma testa aparvada en amores mentres soñaba aínda cos ollos de Celia, vela a ela foi o preciso para cambiarme o pensamento. Bateu o balón e desviou o tiro un pouco, o suficiente para confundir ao gardameta contrario. Entrou pola escuadra. O milagre estaba feito. Eu metera un gol desde un intelixente cabezada –involuntaria, pero iso so o sei eu- que contiña o pensamento de Celia, a miña Celia. Sempre souben que aquel gol fora produto do amor, da maxia que envolve os momentos felices dos afectos. Gañaramos o partido por un gol, e aos temidos xogadores do Monforte. Quedei case coma un heroe do fútbol afeccionado da provincia, nese onde un se devirte, medra e fai deporte motivándose para a vida. Os compañeiros abrazábanse en min e eu neles. Era incrible. Entre tanto barullo busquei a Celia. Ben a vin, viña onda min felicitarme. Todos deixaron que nos deramos un grande abrazo. Ao final o fútbol tamén pode ser iso, afectos enormes que ponderan as confianzas e os soños que sempre temos. En definitiva o verdadeiro fútbol é o “amateur” ou, por falalo no de aquí: dos que aman. Aquel que é local e está preto e é modesto, que se concilia cos sentimentos. Que se comparte. Por iso vos contei a miña historia.

Baldomero Iglesias (Mero)
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)


15/3/19

O fútbol e televinte

Ola! Son David “o da Televinte” como me coñece a xente de por aquí. Un home de baloncesto e fútbol, aínda que o fútbol cada vez me interesa menos, sobre todo o da “liga das estrelas”. O que si sigo é o fútbol afeccionado, con il pasei e paso moitas tardes. Non me esquezo de cando comecei en Televinte, alá polo ano 98, e íamos de campo en campo a gravar e retransmitir o fútbol da comarca, o noso verdadeiro fútbol. Moitas viaxes, xa que tamén gravabamos os partidos que se xogaban fóra da casa, ou os tremendos fríos do inverno, no que as mans se quedaban conxeladas e non daba enfocado ben. Emitíanse o luns, e tiñan moita audiencia, ás veces se non podíamos retransmitilo nós o domingo en directo, viñan alguén do club que gravaramos a retransmitilo dende o plató. Foron anos fantásticos onde coñecín a moita xente, que a día de hoxe sigo tendo amizade, e cando me atopo con alguén, sempre lle lembro aqueles tempos. Eu son metade de Chantada, por parte de pai, e metade de Taboada (Gondulfe) por parte de nai, os derbis entre a SD e o Taboada, sempre os ía gravar cunha paixón enorme, máis que o Madrid – Barça, era e son un día de festa, de atoparse coa xente de Taboada coa que estudei. Para min a Medela son tardes de conversa co meu amigo “Atajú”, nos que falabamos de todo menos de fútbol. Eu sempre lle dicía que era moito mellor o Chantada (máis que nada, para ter discusión) pero no fondo, eu tamén era e son do Taboada, e teño que recoñecer que sempre me gustou moito como xogaba. Lembro partidos nos que realmente se vía fútbol. Vou dicir unha cousa, e algúns dirán que estou tolo, eu son do Celta, teño ido moito a Balaídos, teño estado no Bernabeu cando estudei en Madrid, pero asegúrovos, que o mellor fútbol que vin na miña vida foi na Medela, o Taboada tivo épocas que podía xogar con calquera. Como dicía a miña avoa, que tamén lle gustaba o fútbol, bailáballes o balón nos pés. Por iso me sinto un privilexiado, primeiro por poder ver tan bo fútbol, e segundo, que grazas a Televinte, faciamos que o puidera ver toda a comarca.
Un luxo para tod@s.
David Vázquez (Pinancho)
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)