Ola! Son
David “o da Televinte” como me coñece a xente de por aquí. Un
home de baloncesto e fútbol, aínda que o fútbol cada vez me
interesa menos, sobre todo o da “liga das estrelas”. O que si
sigo é o fútbol afeccionado, con il pasei e paso moitas tardes. Non
me esquezo de cando comecei en Televinte, alá polo ano 98, e íamos
de campo en campo a gravar e retransmitir o fútbol da comarca, o
noso verdadeiro fútbol. Moitas viaxes, xa que tamén gravabamos os
partidos que se xogaban fóra da casa, ou os tremendos fríos do
inverno, no que as mans se quedaban conxeladas e non daba enfocado
ben. Emitíanse o luns, e tiñan moita audiencia, ás veces se non
podíamos retransmitilo nós o domingo en directo, viñan alguén do
club que gravaramos a retransmitilo dende o plató. Foron anos
fantásticos onde coñecín a moita xente, que a día de hoxe sigo
tendo amizade, e cando me atopo con alguén, sempre lle lembro
aqueles tempos. Eu son metade de Chantada, por parte de pai, e metade
de Taboada (Gondulfe) por parte de nai, os derbis entre a SD e o
Taboada, sempre os ía gravar cunha paixón enorme, máis que o
Madrid – Barça, era e son un día de festa, de atoparse coa xente
de Taboada coa que estudei. Para min a Medela son tardes de conversa
co meu amigo “Atajú”, nos que falabamos de todo menos de fútbol.
Eu sempre lle dicía que era moito mellor o Chantada (máis que nada,
para ter discusión) pero no fondo, eu tamén era e son do Taboada, e
teño que recoñecer que sempre me gustou moito como xogaba. Lembro
partidos nos que realmente se vía fútbol. Vou dicir unha cousa, e
algúns dirán que estou tolo, eu son do Celta, teño ido moito a
Balaídos, teño estado no Bernabeu cando estudei en Madrid, pero
asegúrovos, que o mellor fútbol que vin na miña vida foi na
Medela, o Taboada tivo épocas que podía xogar con calquera. Como
dicía a miña avoa, que tamén lle gustaba o fútbol, bailáballes o
balón nos pés. Por iso me sinto un privilexiado, primeiro por poder
ver tan bo fútbol, e segundo, que grazas a Televinte, faciamos que o
puidera ver toda a comarca.
Un luxo para
tod@s.
David Vázquez
(Pinancho)
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)
No hay comentarios:
Publicar un comentario