Teño que recoñecer que nunca fun futbolista,
nin tan sequera, cando sendo pequeno, todos os nenos xogaban ao
fútbol. Malia non ter xogado ao fútbol si que teño moitos recordos
vencellados a este deporte.
Son de Quiroga, unha vila pequena ao carón do
Sil, e moitos dos meus recordos dunha nenez agradable teñen que ver
cunha pelota. Supoño que a moita xente da miña idade pásalle o
mesmo.
Os veráns destes anos xiraban sempre en torno
ao tremendo desexo de que alguén quixese acompañarnos a pasar a
tarde no Pozo Negro do río Quiroga. Alí gastamos moitas horas
felices como moitos outros nenos en moitos outros lugares do mundo. É
algo que se repite en calquera lugar do mundo onde hai auga: nenos
felices larapexando na auga.
Ata aquí, nada que ver co fútbol pero... podo
dicir que Guillermo o do banco, procedente de Monforte, un verán
calquera dos últimos anos 70, cambiou a dinámica dos nosos veráns
organizando un campionato de fútbol no que chegaron a participar
numerosos equipos da Comarca de Quiroga coa rivalidade propia da
xente que sinte moito todo o que fai, así somos nós e supoño que
en outras partes de Galicia. Aquí presentábanse tarde tras tarde os
equipos de San Clodio, Campos de Vila, A Ribeira, Folgoso do Courel,
os representantes de varios establecementos hostaleiros da contorna
e... a Cultural Quiroguesa que, si non lembro mal era o equipo de
Guillermo.
A organización era impecable e había fútbol
todos os días durante os mes de xullo e agosto. Nesta época todos,
grandes e pequenos agardábamos á tardiña para achegarnos ao vello
campo de fútbol San Martiño, en terra e sen peche de ningún tipo,
perfectamente integrado no soutos do barrio do toural de Quiroga. Si,
alí onde agora está o Instituto de Secundaria o Colexio de Infantil
e Primaria, o pavillón de deportes e o Centro de Saúde, había un
souto cunha fonte no centro, e no espazo que hoxe ocupa o pavillón e
parte dos centros educativos, o campo de fútbol.
Botamos alí moitas horas durante estes
campionatos que tiñan todas as voltas de enfrontamentos que fixeran
falta para que a xente tivera algo que facer nos calorosos solpores
do verán quirogués.
Non podo recordar cantos veráns durou esta iniciativa pero si que estou seguro que, aínda que en Quiroga-San Clodio sempre houbo moita tradición futbolística, non creo que houbera unha iniciativa na que participaran tantos equipos e, polo tanto, tanta xente.
A organización acadou uns grados de perfección
tan grande que ata se chegou a editar unha revista co calendario de
enfrontamentos, crónica dos partidos que se ían xogando e
entrevistas cos xogadores. Nunca conseguín volver a ver nunca ningún
exemplar desta revista de factura rústica pero con moitísimo
encanto. Estou seguro que en calquera momento algunha aparecerá e
quedarase con nós para sempre.
Seguro que haberá quen difira da miña opinión
pero estou seguro de que este campionato foi o xerme da fundación en
tempos modernos do Club Deportivo Quiroga, formado por xogadores de
Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. Lembro perfectamente cando
se deu este paso e o vello campo de Fútbol San Martiño se remodelou
para participar na liga da categoría máis baixa que había en
aquela época, a segunda rexional. Dende entón e ata a súa
desaparición o campo contou con vestiarios e un muro de peche de
bloques de formigón que cambiou o aspecto deste barrio pero que a
todos nos fixo moita ilusión.
O primeiro partido disputado na liga polo Club Deportivo Quiroga nesta etapa foi contra o Riotorto e só podo dicir que agora que fago memoria podo recordar perfectamente as tardes de fútbol neste campo subido ao ribazo de terra que o delimitaba.
Este equipo que representaba
a unha terra e a unha xente foi quen de ascender a primeira rexional
no primeiro ano que participou na liga... e pouco despois a Rexional
Preferente o que xa implicou que o campo cambiara de lugar e de
aspecto. O vello estadio San Martiño sempre foi de terra, ben... de
terra, lama ou po dependendo da época do ano. Creo que todos os
intentos por ter alí algo parecido ao céspede quedaron en nada,
algunha herba saía pero duraba pouco.
Ramón Vila
No hay comentarios:
Publicar un comentario