Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

29/5/19

Volver aos dezasete


Díxomo no vestiario ao rematar a clase de Educación Física:
Gustaríache ir ver ao Depor o sábado? Teño unha entrada que gañei cos cerais, mercamos a outra entre as dúas, así non será tan caro.

A min no me vai o fútbol.

Nin a min, pero isto é un acontecemento único, A Coruña estará a tope de xente e logo sairemos por alí. Veña, anímate, anda!

Bueno, va. Voulle preguntar ao meu pai a ver se me deixa.

Xa empezou a ferver o maxín e non puiden concentrarme na clase de Historia, total, para o que había que oír… no libro de texto viña todo, así que xa o lería pola tarde.

O meu pai fixo unha morea de preguntas que foron respondidas con outra morea de mentiras: quedaríamos a durmir na ficticia casa da ficticia tía de Carlota. Daquela non existían os móbiles, así que quedei en chamalo dende unha cabina en canto chegara e con iso quedou contento.

Nas filas de coller as entradas, algúns seareiros esperaban sentados no céspede e outros brincaban ao ritmo dos cánticos. Aquel ambiente acendía o espírito futbolístico ata nos máis indiferentes, “vivir na Coruña que bonito é”, berraba eu mentres a miña amiga me pintabame signo igual cunha liña branca e outra azul en cada meixela.

Facía un bo anaco que comenzara o partido cando a xente da cola se disolveu debido a que as entradas se esgotaran. Carlota miroume dubidosa collendo unha caixa de mistos e o tabaco. Non sei como se amañaba sempre para facerse a orixinal mesmo nos detalles máis insignificantes.

Podemos vender a nosa entrada na revenda e imos ver o partido a un bar, así teremos máis cartos para saír á noite,- suxiriu despois de botar unha longa bocanada de fume. Os límites da legalidade poden ser imprecisos e para dúas nenas de instituto máis.

Fomos achegándonos mainamente cara a aquel curruncho ilícito. Cando me decatei de que parecíamos dúas pescadas en medio de vinte marraxos, Carlota xa estaba a falar con dous rapaces cuxos rostros revelaban un desnortamento se cadra maior co noso. Ao parecer eran fisterráns e só necesitaban unha entrada. De súpeto apareceu un dos tiburóns entrometéndose:

A eses asentos chámanlles os dos exipcios - espetou xirando o pescozo todo o que lle daba para escenificar o que estaba a dicir.

Que pasa, non tes mar dabondo hoxe? Vai pescar a outra parte! - berroulle Carlota sen deixarse amedrentar e a continuación enganchou aos paisanos cada un por un brazo con total confianza -. Unha vez que entredes no estadio podedes movervos como queirades- díxoles mentres os acompañaba cara a entrada do estadio.

Xa non escoitei máis, só puiden observar como o rapaz máis alto sacaba dous billetes da carteira co debuxo da cara de Juan Carlos. Eu ficaba abraiada cando sentín un estrondo de xúbilo, era o gol do Sevilla que xogaba no Camp Nou a mil kilómetros de distancia. Os galegos ese día tiñan a súa atención desdobrada como unha serpe de dúas cabezas, por mor das matemáticas do fútbol.

Así pois, non puidemos vivir en Riazor os segundos máis tensos e emocionantes da súa historia, cando se pitou o penalti no derradeiro minuto de partido e o gardameta adiviñou a traxectoria do balón, máis si puidemos axudar a Geluca, a dona do bar que se inundou coas bágoas derramadas pola masa blanquiazul. Alí estivemos achicando a auga con caldeiros para que non se lle estragase o mobiliario. Tíñamos dezasete anos, dez mil pesetas no peto e toda a noite por diante.


Sandra Pareja

10/5/19

A Marchita

Toda completa, Beto, xúrocho. A Bombonera chea, todo o mundo cantando. Mira que foi fodido entrar ao estadio, che. Miles de tipos empuxando, ondas deles, os cheiros da xente, os apertóns. A cousa non estaba como para ir ao fútbol, pero as paixóns poden máis que as razóns. Nin guita para a entrada tiña; empeñei «a viola». Igual non ía ser nunca quen de tocar nin o arroz con leite...
En casa tamén non había motivos de festa. Un tempo longo xa sen saber nada do Beto. Os milicos din que non o teñen; quen lles cre…!; oxalá puidese liscar ao Brasil, adoitaba pensalo. A vella non come nin dorme, lóxico. «Ao estadio vas ir, co do teu irmán?», berroume dende a porta, saíndo eu case coma un delincuente. Síntoo, vella, síntoo, Beto. É Boca. A final da Liberadores contra o Cali; se non fose, tamén sería un traidor…
«Para, non empurres; todo ben; se igual imos entrar todos». Si, só que tarde, está todo o mundo dentro, até os milicos. Vou tan comprimido que non escoito, quedamos freeze; están a cantar o himno. «Que están os milicos e os reis de España, iso dicíache antes». As ondas, a xente querendo entrar, A Bombonera chea. Fin do himno. Chegamos xusto para ver algo moiiii louco: todo quisque parado cantando a Marcha Peronista. Coma tolos, aos berros. E Videla, e os «galegos» en pé, como boludos.
Oxalá esteas en Brasil, Beto, hoxe xa me importa un pito se gaña ou perde Boca.


Luz Darriba

2/5/19

Nunha tasca de Escairón


A taberna, pese ós descoidos na limpeza, tiña un ambiente agradábel que se apreciaba ó entrar. Sentiuse ben dentro. Non sabería dicir se pola cálida temperatura, se pola atinada combinación de pedra e madeira, se pola variedade de clientes que alí dentro se atopaban... Nas mesas, cepos enormes arredor da lareira, animadamente, xogaban ó tute uns cantos. Outros, preto do mostrador, discutían de fútbol con paixón, ollando para a foto ampliada dun descoñecido equipo celeste que presidía o local.
¡Aquela era unha defensa e non os mocás que hai agora! ¡Quen viña á Lama, ou perdía ou saía escalazado!
¡Ou bullábaselle a pel ó árbitro –censurou un crítico–, que de todo había!
¡Non inventes, anda, que iso poucas veces fixo falta!
Luís pensou que sería o representativo da vila, pero tampouco lle interesou.
Na televisión, instalada na parte alta dun recanto, atronaba a banda sonora dunha de tantas películas americanas de acción levada ó límite e entretiña a catro compadres aparcados xusto debaixo. Coa boca aberta e sen sequera pestanexar, algunha rapazola sen cousa mellor que facer atendíaa tamén desde máis lonxe. Na esquina do mostrador discutíase dunha política de andar pola casa coma quen remexe outra vez o mesmo café. Dunha pequena estancia separada chegaba, moi atenuado, o toupeneo das bólas do futbolín e o rebumbio de risas e berros dos contendentes alporizados por calquera xogada ventureira.
Luís camiñou ata a barra e un morado taberneiro, miúdo, co pelo pincho, que non pasaría dos trinta, achegouse do outro lado.
Un viño –pediu Luís–. País. Pero non me poñas un calquera.

Xabier Quiroga, fragmento de Atuado na braña, Xerais, 2012.




22/4/19

Os exames e o fútbol

Nunca o entenderei. Sí, o feito de que un cativo, ou non tan cativo, falte a adestrar porque ao día seguinte ten un exame. Seméllame unha falta de respecto, de COMPROMISO. Tanto se o vexo coma docente, compañeiro ou adestrador. Non hai por donde collelo. É unha das excusas máis pobres e incomprensibles que moitos temos escoitado. Que che xeran unha sensación de rabia e impotencia. De que estragan o teu traballo, de non darlle importancia ao que fas. 


No momento en que un xogador decide formar parte dun clube, dun equipo, adquire un compromiso. Con todos os estamentos do mesmo. E consigo mesmo tamén. O compromiso de facer todo o posible para sacar un proxecto COMÚN adiante. Aí reside o éxito persoal e grupal.


Como xa dixen moitas veces, o fútbol é unha prolongación da vida. Unha metáfora artística da nosa existencia. Na que os distintos valores, que nos inculcaron e inculcamos aos demais, están permanentemente en exposición. Dende o compañeirismo ata a superación persoal, pasando pola xenerosidade ou a cultura do esforzo. 

Esa mesma cultura que se anula cando o cativo non acude ao adestramento porque ten exame ao día seguinte. Ou a exposición dun traballo en grupo ou leites en vinagre. Qué pasa que agora os exames se preparan só nun día? No día anterior? Ou son o froito do esforzo de semanas e un pequeno sacrificio diario? Esa é a mentalidade que queremos transmitir? A do estrés final e o mínimo esforzo?

Eu coma formador de base teño as ideas moi claras. Levo anos en excedencia deste mundiño (moi pronto volverei), o cal me permitiu ver moitos erros en perspectiva. Porén neste en concreto non caín. As prioridades están moi claras. Prefiro perder un partido deixando ao mellor xogador na casa que deixarlle marcar cinco goles ao colista sen vir adestrar poñendo excusas barateiras. Non vou reforzar malos vicios. Quero formar futbolistas, non acomodalos. 

Quizais esté tolo, non o discuto. Pero cando deixo a ese xogador na súa casa, mando unha mensaxe ao rapaz e ao equipo. A de que o fútbol non é o resultado, non é un partido. É un traballo, unha mellora e preparación semanal. Non chega con facer o paripé e pasearse no adestramento do venres. Estou seguro de que ese pequeno e eses pais se cagarán en miña nai esa semana. Co tempo, igual mo agradecen. Igual non. Iso sí, a conciencia tranquila. Estou sendo xusto co grupo. E esa é a única forma de que este crezca. De que os que de verdade queren medrar nisto da pelotiña, o fagan. 

Cando un rapaz falta á sesión co seu equipo (sen unha razón de peso), estase facendo dano a el mesmo máis que aos demais. Está destrozando un pouco máis o seu soño de poder chegar a profesional, ou a unha categoría máis alta. Xa que, sen esforzo non irá a ningún lado. As categorías rexionais están cheas de talentos incomprendidos. Cemiterios de ‘xugóns’ que se mesturan e xuntan con deportistas ‘toscos’ e limitados. Que se puxeron ao mesmo nivel por TRABALLO e GANAS. De xente que cunha pizca de sorte máis, ou de compromiso e SACRIFICIO, estaría máis arriba. A sorte non se pode controlar, o resto da ecuación sí. Fagámolo.

Todos coñecemos varios casos. Moitas promesas que se quedaron polo camiño. E seguro que moitas delas non foron adestrar por ter exame ao día seguinte. É a primeira excusa que aprenden para borrarse. Para apostar pola lei do mínimo esforzo. Esa que nin no fútbol, nin na vida, serve. Así que se algún pequeno falta adestrar por un exame, que sexa de conciencia.

Diego Díaz. Amigo de Canti e integrante de Futbolinlugo

26/3/19

Fatalidade


Eu teimaba en ir ao campo da Medela esa tarde. Xogábase un partido de rivalidade, e aínda por riba, o noso equipo estaba a piques de ascender. Non se podía deixar pasar esa xornada cunha derrota ou cun empate: eran puntos decisivos.
Os adestramentos desa semana foran especialmente duros. O adestrador puxérase teixo e non houbera quen lle tusira: chovendo de cifra, chupáramos algo máis de dúas horas fozando na lameira aquela do que lle chamábamos o campo pequeno, para diferencialo do campo grande, de herba, que había que reservalo para os encontros da liga. Esta vez máis que nunca, o terreo de xogo debía estar no mellor estado posible para o domingo.
Malia todo, pouco máis fixéramos que rebentar as pernas. Mover o balón polo chan era impracticable: había que ilo empurrando como se fose unha extensión dos propios pés. O caso é que alí turramos case ás escuras ata que o bo do home se deu por satisfeito.
A última parte da sesión, o habitual partidiño entre nós, ficou axiña nunha sorte de xogo aéreo cruzado que non era do gusto de ninguén en vésperas dun partido tan importante cun rival que tiña por costume entrar sempre cos pés por diante.

Eu teimaba, pois, en chegar a tempo para o comezo do enfrontamento, para o saque dende o centro do campo: eu sempre era quen de gañalo para o meu equipo. Ese ía ser a primeira das xogadas que nos levarían á desexada vitoria. Por iso, non entendía porque demo me estaba a custar tanto erguerme. Xa case me afixera a aquel zunido ao bestia que tiña dende o último adestramento, cando me batera na testa coma un lóstrego de lume o punteirolo de alguén que me vira en boa posición de remate. Dende aquela, a cabeza íaseme, ía por libre, pesábame coma se sostivese todo o peso do mundo... non daba termado dela.

Eu teimaba en ir, teimaba en ir... pero o camiño cara á Medela viráraseme para sempre esa tarde.

Alicia Devesa

23/3/19

1-0


"Saíde de ahí que non parades de facer ruido! Veña ti, move o cu, maricón!"
Corrían a máis non dar. Aparentemente as pachangas da praciña non estaban permitidas máis que para quen estaba coa súa familia. Xa lle dixeran seus pais a Hakim que a cor da pel molestaba un pouco a algunhas persoas. En só tres meses tiña un bo montón de amizades, pero nin adultos nin veciñanza parecían gostar da súa camiseta rillada do St.Pauli.
"Ola! Son Hakim, teño once anos", dixera o día que chegara a ese barrio. Había moita rapazada por alí e acollérono nos grupos xa feitos coma se a cor non importase. "Neste barrio vivimos xente de moitas cores", explicara Oswaldo. E agora corrían xuntos agarrando o balón entre as mans para evitar que a ameaza de chamar á policía os metera en problemas.
Hakim pasa os días como pode. Fala con ese acento moro que lle di Oswaldo co seu amplo sorriso venezolano. Escachan a rir cando Hakim gaba o seu deixe sudaca... Siguen a xogar aos penaltis entre risas cómplices e clichés racistas. Ao final, todxs nos afacemos, sobretodo cando eses clichés non son chistes, senón insultos de quen non ve tan ben que un barrio coma ese, obreiro sempre, roto pola migración e logo pola droga, volva encherse de sorrisos que non teñen a mesma cor.
"Move o cu, maricón!", decía o vello de sempre. Como desde unha atalaia. Non sabía o vello que Hakim e Oswaldo corrían sen ter xogado ningunha pachanga. Sorrían sen ter tirado para marcar nunha meta imaxinaria. Bulían felices de ter topado o seu sitio. 3 meses, 11 anos e o seu primeiro bico. 1-0.

Nelson R. Avilez

21/3/19

Eramos novos


Naquel tempo eramos novos e faciamos moitas cousas dun xeito que hoxe veriamos como idealista ou romántico. Unha desas cousas era o fútbol, do cal eramos seguidores pero para nada profesionais, tan só un grupo de amigos que se xuntaban os sábados pola tarde para facer xuntos cousas. Andabamos á beira da maioría de idade, algún empezaba a andar co coche que lle emprestaban os seus pais e axudaba para transportarnos a un campo de fútbol medio abandonado noutra parroquia, porque xa daquela escaseaban os nenos, e ao cal iamos coa mesma ilusión que teriamos ido a onde se xogaba a final do Mundial. Aqueles transportes terían feito as delicias dos axentes da Garda Civil de Tráfico, xa foi fai tanto que non hai problema en confesalo, e as nosas condutas no terreo de xogo eran ás veces máis individualistas que solidarias, por exemplo, discutir no inicio e no descanso por ver quen ocupaba unha banda determinada. Non tiñamos exceso de zurdos ou destros, simplemente que, por unha banda, o campo estaba ben, e pola outra había toxos que eran máis altos ca nós, co cal correr a banda era todo un deporte de aventura extrema.
E así foron pasando tardes e tardes de sábado e o tempo foinos levando pola vida a lugares que fixeron imposible seguir contando con tanta xente como facía falta para xogar uns partidos merecedores de tal nome. O noso espírito inquedo e emprendedor levounos a outras pistas, como eran as de tenis e baloncesto, e tamén a outras máis bravas como eran as vías de servizo que quedaban a carón da autoestrada nas que era fácil atoparse cunha vaca ou un tractor saíndo dunha leira no medio dunha pista pola que baixabamos con evidente inconsciencia e desprezo pola nosa saúde. Aínda eramos novos e sentiamos a inmortalidade nas nosas veas.
Un daqueles días, no verán, pasabamos a carón do campo de fútbol dunha aldea que nos collía nun daquelas improvisadas rutas ciclistas e, como xa levabamos quilómetros abondo para que as nosas pernas nos pedisen tregua, decidimos parar un anaquiño e tomar folgos mentres asistiamos ao espectáculo que nos chamou a atención, un partido entre nenos duns nove ou dez anos.
O campo estaba a carón da estrada, no fondo dun terraplén, co cal sentarse na cuneta e sentirse como na tribuna dun estadio foi todo un, completando a nosa relaxación coa sombra duns carballos que tan ben nos prestaba coa calor que facía. Os nenos xogaban poñendo gañas e un dos equipos víase mellor fisicamente ca o outro, parecían ser lixeiramente maiores. Pronto deixamos a relaxación debido a que o adestrador destes non paraba de berrar ou, para ser exactos, de berrarlles. Era un home da nosa idade, a nosa idade de hoxe, o que daquela era para nós un vello, pequeneiro, inquedo e cun xenio dos infernos. Pola outra banda, no equipo dos que eran algo máis pequenos, tiñan no banco, unha escangallada cadeira de praia para ser exactos, a un home que os animaba en todo momento, que poucas indicacións técnicas lles daba máis alá de animalos en cada acción e que cada vez que ía cambiando a algún dos rapaces non deixaba de mostrarlles afecto e recoñecemento. Nós ficamos vendo o partido con calma e deducimos polos comentarios que o equipo dos maiores gañaba por dous goles, aínda que pronto caemos na conta de que os pequenos eran máis técnicos que os grandes. O adestrador dos grandes era como un sarxento das películas ianquis, éntralle duro, veña, inútil, corre!, pero que fas?... e así sen parar cunha intensidade que parecía estar metrallando o rosario a berros. Tanto ouvear non impediu que os pequenos marcaran un gol, quedaban dez minutos e a cousa poñíase divertida. Por algunha estraña razón, a estas alturas, xa formabamos parte do encontro e, sen darnos conta, xa estabamos aplaudindo e animando con paixón ós pequenos, os cales, dito sexa de paso, estaban desconcertados con aquel grupo de cinco persoas descoñecidas que constituían todo o público que había no campo. O adestrador dos grandes berraba cada vez máis e os seus adestrados, berrados, amargados ou a saber como estaban os pobres perdían o control da situación por instantes. O adestrador tamén perdera o control e o que saía daquela boca xa deixara de ser apto para os oídos das criaturas do campo, e tamén para nós. Os grandes sacaron folgos de onde non había e tiveron un par de ocasións, chegando a mandar o balón contra o poste nun saque de esquina, pero o esférico, caprichoso nesta ocasión, negouse a entrar e os pequenos foron para arriba nun contraataque no que parecían foguetes a ollos dos seus rivais, que non foron quen de paralos, nin polas boas nin polas malas, e o gol do empate caeu no marcador acompañando na súa caída ao derradeiro minuto do partido. Os pequenos estaban eufóricos e os grandes parecían ir cara un funeral mentres o seu adestrador parecía que o levaban os demos. Cando xa estabamos erguendo para volver á estrada, de súpeto oímos unhas voces ás nosas costas e, cando miramos, vimos sorprendidos como os pequenos se despedían de nós e nos aplaudían agradecendo os ánimos.
E así, sen máis, marchamos de alí, eramos novos e tamén un pouco máis felices.

  Suso Manteiga (marzo 2019)