Eu
teimaba en ir ao campo da Medela esa tarde. Xogábase un partido de
rivalidade, e aínda por riba, o noso equipo estaba a piques de
ascender. Non se podía deixar pasar esa xornada cunha derrota ou cun
empate: eran puntos decisivos.
Os
adestramentos desa semana foran especialmente duros. O adestrador
puxérase teixo e non houbera quen lle tusira: chovendo de cifra,
chupáramos algo máis de dúas horas fozando na lameira aquela do
que lle chamábamos o campo pequeno, para diferencialo do campo
grande, de herba, que había que reservalo para os encontros da liga.
Esta vez máis que nunca, o terreo de xogo debía estar no mellor
estado posible para o domingo.
Malia
todo, pouco máis fixéramos que rebentar as pernas. Mover o balón
polo chan era impracticable: había que ilo empurrando como se fose
unha extensión dos propios pés. O caso é que alí turramos case ás
escuras ata que o bo do home se deu por satisfeito.
A
última parte da sesión, o habitual partidiño entre nós, ficou
axiña nunha sorte de xogo aéreo cruzado que non era do gusto de
ninguén en vésperas dun partido tan importante cun rival que tiña
por costume entrar sempre cos pés por diante.
Eu
teimaba, pois, en chegar a tempo para o comezo do enfrontamento, para
o saque dende o centro do campo: eu sempre era quen de gañalo para o
meu equipo. Ese ía ser a primeira das xogadas que nos levarían á
desexada vitoria. Por iso, non entendía porque demo me estaba a
custar tanto erguerme. Xa case me afixera a aquel zunido ao bestia
que tiña dende o último adestramento, cando me batera na testa coma
un lóstrego de lume o punteirolo de alguén que me vira en boa
posición de remate. Dende aquela, a cabeza íaseme, ía por libre,
pesábame coma se sostivese todo o peso do mundo... non daba termado
dela.
Eu
teimaba en ir, teimaba en ir... pero o camiño cara á Medela
viráraseme para sempre esa tarde.
Alicia Devesa
No hay comentarios:
Publicar un comentario