Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

12/7/19

O Taboada CF e o Comando Vilameñe


Vaia por diante que me resulta extremadamente difícil (supoño que como a todo o mundo) falar de alguén que xa non está entre nós, ainda que a súa obra perdurará por tempo e tempo.


Sóese dicir que nun equipo de fútbol cada xogador é un máis. Eu, polo menos, así o creo. Independentemente de que uns xoguen máis minutos que outros, ou que un meta máis goles, ou que outro sexa o capitán... todos somos iguais, todos contribuimos co noso esforzo e co noso tempo. Podería dicirse que todos somos necesarios pero ninguén é imprescindible. E máis no noso clube, o Taboada CF, que máis que clube é unha familia. Aquí, aos nenos que chegan de xuvenís recíbeselles cos brazos abertos, e intégranse, e están felices de contos ata altas horas da madrugada cos que xa peinamos algunha cana. Aquí non hai diferencias, todos somos iguais e todos nos levamos ben, pensando sempre no ben común. Todos nos esforzamos o que podemos dentro das nosas posibilidades, co fin de que o equipo e o clube medren e vaian cara arriba. Aquí, no Taboada CF, disfrutamos da pelota e de todo o que ela trae aparellado…o compañerismo, as ceas, as cervexas de despois de adestrar, as tertulias, as victorias, as derrotas, os golazos, os paradóns, as xogadas de Play Station que nunca sairán na tele porque non hai tele, a amizade cos equipos veciños, o arrecendo a herba recén segada, os partidos na lama….disfrutamos do noso, das nosas pequenas cousas, cousas que quizais alguén que nunca xogase no “fútbol das aldeas” non poderá entender.


Moitas veces me levo preguntado porqué en Taboada temos o que temos, cando vemos, vrau tras vrau, que equipos de pobos semellantes ao noso sufren sete ou oito baixas, e fichan a nove ou dez que pouco ou nada teñen que ver co pobo dese equipo….Sempre me fixo gracia comprobar como en (case) tódolos clubes da nosa contorna, o “mercado de fichaxes” sempre trae movementos. En Taboada, nunca. Aquí somos os que somos e estamos os que estamos. E a moita honra. Se vén alguén novo soe ser ou ben porque chega desde xuvenís ou ben porque é amigo de algún dos xogadores e o convencemos. Esa é a nosa realidade, o noso mérito. 

E despois de darlle moitas voltas, creo que cheguei á conclusión de porqué nós somos así. A finais de marzo foisenos Xosé Anxo Varela Rodríguez, alias Canti. Un pau duro, durísimo, para todos. Para os veteranos que levabamos con el mil e unha batallas, e tamén para os rapaces, que vían nel a un home bon que traballaba arreo para que nós puideramos facer o que máis nos gusta. 

Pois ben, nós somos así porque el non era un máis. Xa sei que antes dixen que nun equipo todos somos iguais. Excepto el, excepto Canti. Canti era un líder silencioso, un optimista convencido, un enfermo do balompé e do seu Taboadiña, como el lle chamaba, era o noso alma máter, o noso faro. El era o que nos guiaba, o que facía unha cantidade de traballo inxente, o que nunca deixou unha crónica por publicar, o que sempre sacaba fotos e o que chegou a ter un blog que era envexa de todo o fútbol afeccionado; el era o que tramitaba as fichas, o que facía os partes de lesións, o que coidaba de todos nós, o que nos animaba cando as cousas non ían ben, o que nos freaba cando no vestiario había exceso de euforia, o que co seu relato do ascenso de Noia nos poñía (e ainda nos pon a día de hoxe) os pelos coma escarpias, o que ría cando había que rir, o  que choraba cando tocaba chorar, o que organizaba os rellenos de Nadal, o que vivía coma ninguén as cores branquiazuis, o que sentía o Carballo de Ramos tendo conta das raias do noso escudo. Foi a única persoa que foi, á vez, colega para juergas, amigo para confidencias e pai para consellos. Case nada. Cando dimitiu toda a directiva e o adestrador, el foi o único que continuou, sen poñer unha pega, sen unha crítica, sen unha mala palabra. A el queríalle ben todo o mundo, non só aquí que por susposto, senón ao longo e ancho de toda a provincia, onde só deixou amigos e nunca rivais. Ese é o seu legado. 

Pois ben, nós somos así porque tivemos a inmensa sorte e a inmensa fortuna de poder disfrutar del e do seu traballo durante moitos e moitos anos. E, de velo a el, sempre se pega algo. El era o exemplo de amor a un clube e a unhas cores, de traballo desinteresado, de paixón infinita por un clube, de dalo todo a cambio de nada máis alá da gratitude eterna de todos cantos levamos formado parte do Taboada CF ao longo de tantos anos. Todos asumimos que a súa marcha é unha perda irreparable, el é insustituible, pero se algo temos claro os xogadores, afeccionados e directiva é que as cousas se van a seguir facendo do mesmo xeito que el pregoaba (humildade, cercanía, ambición) e coa mesma ilusión que el lle poñía, é dicir, toda a do mundo. 

Só nos queda continuar coa súa obra, co seu legado. O Taboada CF perdeu ao mellor de tódolos seus fillos, pero os que quedamos imos deixarnos a pel para que a obra, a bonhomía e o recordo de Canti pervivan durante moito tempo. E así será, porque nos fixemos a nós mesmos esa promesa e ímola cumprir. É difícil asumir que xa non está, pero nós sabemos que desde onde esté ha de mirar por nós, e nós tamén sabemos que temos un motivo máis para poñer no campo moito máis brío se cabe. Mirade se era exemplo para todos nós, que hai unha frase feita que vén moito ao caso e que o resume moi ben; é aquela que di “morrer coas botas postas”. Pois Canti morreu coas botas postas, ata o último momento estivo ao pé do cañón. Hoxe, cando falamos e sae o seu nome, ainda se produce un silencio, un momento de recordo, de nostalxia, de alegría por telo coñecido e compartido tanto con el…e despois desto sempre hai alguén que di “acordádesvos daquel día…”…son tantos recordos e tantas vivencias en común, de todo un grupo, que sempre terá un oco na nosa memoria. Ademais, merecidamente, porque outra das súas grandes virtudes era o escribir, e relatou os nosos logros, triunfos, goles e éxitos con palabras emotivas e cheas de cariño e devoción.

Post-data: a nivel persoal, uníanme moitas cousas a Canti, pero se cadra a que máis era a nosa maneira de ver o mundo e as cousas que nel suceden, tamén eramos moito de soñar despertos con logros imposibles do noso  Taboada. Recordarei polos restos unha anécdota con el, que paso a relatar: partido importantísimo do Taboada na tempada do ascenso a Preferente, gañabamos 1-0 e no desconto fixen unha parada moi boa na portería que está pegada ao campo de entreno, e Canti estaba xusto detrás desa portería sacando fotos, e díxome “Mi má Roi, esa pelota sacouna a Virxe de Lourdes (patroa da parroquia de Vilameñe, de onde ambos eramos nativos)”. Eu rinme e díxenlle “Que va oh, esa pelota sacouna o Comando Vilameñe”, el puxo cara rara e preguntou “¿E que comando é ese?”, e eu respondinlle “Carallo, o que formamos ti máis eu, ou non ves que estabamos os dous na portería”. Desde ese día, o Comando Vilameñe foi sempre algo moi recurrido nas nosas conversas   :-)

Roi Rigueira


30/6/19

Amor rival

Loles era a gardameta titular do Guerreiras FC. Viana era a centrodianteira do Tolasport. Esa tarde enfrontáranse sobre o céspede do Estadio da Igualdade na súa vila, a vila dos seus clubs. Loles non foi quen de aturar o penalti que tirou Viana para colocar o primeiro e definitivo gol no casilleiro do Tolasport. Agora, dúas horas despois do partido, aínda co eco dos seareiros nos seus oídos, Loles olla tenramente a Viana e, despois de darlle un mordisquiño xoguetón no lóbulo da orella, murmúralle:
-A miña resposta é si, pero como me volvas meter outro como o desta tarde, xa sabes onde dormes - e sinaloulle o balcón cunha man, mentres coa outra alzaba o anel arrimándoo aos ollos para ver se o brillante estaba á altura da situación-.
-Mira, carallo, mira!! Semellas unha toupiña. O que tes que facer e ler mellor os meus movementos, para saber sempre por onde vou tirar -díxolle Viana mentres lle chiscaba un ollo- .
Riron as dúas.
Suso Coucheiro

12/6/19

Gastroenterite mental


   Ata polos currunchos do teito revoaba a tensión nerviosa. Alí, onde tecen as arañas, tecían naquel abrocho de noite arroutos de prepotencia. Ata onde medraría a goleada? José Ángel de la Casa dicía nos preámbulos que os xogadores de Malchiprestein eran panadeiros, carpinteiros ou condutores de autobús que dedicaban parte do seu lecer a xogar ao fútbol. Míchel, coma sentenzas, entre comentarios que recendían a desconsideración e a xenofobia, espallaba leccións maxistrais ou receitas infalibles para a vitoria. Ía ser unha gran noite. Por iso el chamara ó hospital e mentira, pagaba a pena. Dixera que andaba indisposto e que non podía facer a noite.
   No bandullo do forno a pel da pizza ía dourándose a lume lento para ser devorada no descanso. As patacas fritidas irían abrindo boca. El, madridista rancio que só usaba roupa interior branca, rebordaba preocupación por ver se xogaba Raúl, quen andaba algo minguado. Respirou tranquilo cando o viu aparecer á fronte das nosas hostes co brazalete de capitán cinguido ó brazo. Era o seu ídolo. Por el pelexaría a morte con quen fose. Como fixera aquela tardiña, estando na mili, por defender, precisamente a Míchel, o día que a este lle dera por acariñarlle o paquete ao colombiano Valderrama. Aquel roxo ousado de orixe arxentina chamáralle boludo ao noso oito. Boa a fixera. Semellante aldraxe non lla podía aturar, porque el sabía ben que se Míchel facía aquilo... por algo o faría. Non, non lla ía consentir; e menos sentíndose arroupado, como se sentía, pola forza moral que o feixe de cubatas de garrafón que levaba bebidos na cantina do cuartel aquela tarde lle outorgaban. Confiaba en Míchel a cegas e dicía del que era unha gran persoa, aínda que nunca unha palabra con tal persoa trabara. Daba o mesmo, era do Madrí. E isto supuña aval dabondo para arriscar o pelello por el. Ou o óso do nariz, que fora, en definitiva, quen as pagara aquel día de recordo inesquecible. O oriúndo non era manco. O seu actual nariz esmagado daba fe. E, o que son as cousas: un Míchel que noutrora non fora trigo limpo, agora ciscaba ensinanzas de balde na televisión a favor do Fair Play...
   Empezou o partido, á fin. Segundo Míchel, estábanlles deixando que se confiasen. Para logo, mallalos ben mallados. Pero, co decorrer dos minutos, a ilusión ía mudando en decepción. As posibilidades de goleada devecían perigosamente porque o xogo dos nosos esfarelábase diante da vontade, da orde e da dignidade dos afeccionados rivais. A pizza do descanso sentoulle mal e, mesturada coa cervexa que ía engulindo, provocoulle a activación da úlcera duodenal, que lle era fiel dende vello. A noite presaxiaba treboada. E esta desatouse cando, no minuto setenta e sete, marcaron os ninguén...
   Consumouse, finalmente, a desfeita. Desta volta, nin o árbitro podía responsabilizarse da catástrofe; non tivera arte nin parte. A borracheira de cervexa que o anegaba non lle acalaba a mala conciencia nin lle aliviaba as queimuras que lle subían pola cheminea dixestiva. Coma se dun meigallo se tratase, a gastroenterite que finxira para faltar ó traballo, obrou na realidade. Mentres se erguía con urxencia e con dificultade, escoitou as lamentacións de Miguel Ángel de la Casa:
   -Cuesta creerlo, Míchel, pero... es cierto, nos ganaron...
  -Que se fodan, a fútbol ganaron... pero cartos ganamos máis nós! – farfallou.
  O alcol toldáralle o escaso entendemento do que era dono. Pensou que el, que de novo nin sequera fora capaz de xogar no equipo do seu barrio, tamén era xogador internacional; a gastroenterite mental impedíalle lembrar que el non era máis ca un mal celador de hospital.
Toño Núñez


29/5/19

Volver aos dezasete


Díxomo no vestiario ao rematar a clase de Educación Física:
Gustaríache ir ver ao Depor o sábado? Teño unha entrada que gañei cos cerais, mercamos a outra entre as dúas, así non será tan caro.

A min no me vai o fútbol.

Nin a min, pero isto é un acontecemento único, A Coruña estará a tope de xente e logo sairemos por alí. Veña, anímate, anda!

Bueno, va. Voulle preguntar ao meu pai a ver se me deixa.

Xa empezou a ferver o maxín e non puiden concentrarme na clase de Historia, total, para o que había que oír… no libro de texto viña todo, así que xa o lería pola tarde.

O meu pai fixo unha morea de preguntas que foron respondidas con outra morea de mentiras: quedaríamos a durmir na ficticia casa da ficticia tía de Carlota. Daquela non existían os móbiles, así que quedei en chamalo dende unha cabina en canto chegara e con iso quedou contento.

Nas filas de coller as entradas, algúns seareiros esperaban sentados no céspede e outros brincaban ao ritmo dos cánticos. Aquel ambiente acendía o espírito futbolístico ata nos máis indiferentes, “vivir na Coruña que bonito é”, berraba eu mentres a miña amiga me pintabame signo igual cunha liña branca e outra azul en cada meixela.

Facía un bo anaco que comenzara o partido cando a xente da cola se disolveu debido a que as entradas se esgotaran. Carlota miroume dubidosa collendo unha caixa de mistos e o tabaco. Non sei como se amañaba sempre para facerse a orixinal mesmo nos detalles máis insignificantes.

Podemos vender a nosa entrada na revenda e imos ver o partido a un bar, así teremos máis cartos para saír á noite,- suxiriu despois de botar unha longa bocanada de fume. Os límites da legalidade poden ser imprecisos e para dúas nenas de instituto máis.

Fomos achegándonos mainamente cara a aquel curruncho ilícito. Cando me decatei de que parecíamos dúas pescadas en medio de vinte marraxos, Carlota xa estaba a falar con dous rapaces cuxos rostros revelaban un desnortamento se cadra maior co noso. Ao parecer eran fisterráns e só necesitaban unha entrada. De súpeto apareceu un dos tiburóns entrometéndose:

A eses asentos chámanlles os dos exipcios - espetou xirando o pescozo todo o que lle daba para escenificar o que estaba a dicir.

Que pasa, non tes mar dabondo hoxe? Vai pescar a outra parte! - berroulle Carlota sen deixarse amedrentar e a continuación enganchou aos paisanos cada un por un brazo con total confianza -. Unha vez que entredes no estadio podedes movervos como queirades- díxoles mentres os acompañaba cara a entrada do estadio.

Xa non escoitei máis, só puiden observar como o rapaz máis alto sacaba dous billetes da carteira co debuxo da cara de Juan Carlos. Eu ficaba abraiada cando sentín un estrondo de xúbilo, era o gol do Sevilla que xogaba no Camp Nou a mil kilómetros de distancia. Os galegos ese día tiñan a súa atención desdobrada como unha serpe de dúas cabezas, por mor das matemáticas do fútbol.

Así pois, non puidemos vivir en Riazor os segundos máis tensos e emocionantes da súa historia, cando se pitou o penalti no derradeiro minuto de partido e o gardameta adiviñou a traxectoria do balón, máis si puidemos axudar a Geluca, a dona do bar que se inundou coas bágoas derramadas pola masa blanquiazul. Alí estivemos achicando a auga con caldeiros para que non se lle estragase o mobiliario. Tíñamos dezasete anos, dez mil pesetas no peto e toda a noite por diante.


Sandra Pareja

10/5/19

A Marchita

Toda completa, Beto, xúrocho. A Bombonera chea, todo o mundo cantando. Mira que foi fodido entrar ao estadio, che. Miles de tipos empuxando, ondas deles, os cheiros da xente, os apertóns. A cousa non estaba como para ir ao fútbol, pero as paixóns poden máis que as razóns. Nin guita para a entrada tiña; empeñei «a viola». Igual non ía ser nunca quen de tocar nin o arroz con leite...
En casa tamén non había motivos de festa. Un tempo longo xa sen saber nada do Beto. Os milicos din que non o teñen; quen lles cre…!; oxalá puidese liscar ao Brasil, adoitaba pensalo. A vella non come nin dorme, lóxico. «Ao estadio vas ir, co do teu irmán?», berroume dende a porta, saíndo eu case coma un delincuente. Síntoo, vella, síntoo, Beto. É Boca. A final da Liberadores contra o Cali; se non fose, tamén sería un traidor…
«Para, non empurres; todo ben; se igual imos entrar todos». Si, só que tarde, está todo o mundo dentro, até os milicos. Vou tan comprimido que non escoito, quedamos freeze; están a cantar o himno. «Que están os milicos e os reis de España, iso dicíache antes». As ondas, a xente querendo entrar, A Bombonera chea. Fin do himno. Chegamos xusto para ver algo moiiii louco: todo quisque parado cantando a Marcha Peronista. Coma tolos, aos berros. E Videla, e os «galegos» en pé, como boludos.
Oxalá esteas en Brasil, Beto, hoxe xa me importa un pito se gaña ou perde Boca.


Luz Darriba

2/5/19

Nunha tasca de Escairón


A taberna, pese ós descoidos na limpeza, tiña un ambiente agradábel que se apreciaba ó entrar. Sentiuse ben dentro. Non sabería dicir se pola cálida temperatura, se pola atinada combinación de pedra e madeira, se pola variedade de clientes que alí dentro se atopaban... Nas mesas, cepos enormes arredor da lareira, animadamente, xogaban ó tute uns cantos. Outros, preto do mostrador, discutían de fútbol con paixón, ollando para a foto ampliada dun descoñecido equipo celeste que presidía o local.
¡Aquela era unha defensa e non os mocás que hai agora! ¡Quen viña á Lama, ou perdía ou saía escalazado!
¡Ou bullábaselle a pel ó árbitro –censurou un crítico–, que de todo había!
¡Non inventes, anda, que iso poucas veces fixo falta!
Luís pensou que sería o representativo da vila, pero tampouco lle interesou.
Na televisión, instalada na parte alta dun recanto, atronaba a banda sonora dunha de tantas películas americanas de acción levada ó límite e entretiña a catro compadres aparcados xusto debaixo. Coa boca aberta e sen sequera pestanexar, algunha rapazola sen cousa mellor que facer atendíaa tamén desde máis lonxe. Na esquina do mostrador discutíase dunha política de andar pola casa coma quen remexe outra vez o mesmo café. Dunha pequena estancia separada chegaba, moi atenuado, o toupeneo das bólas do futbolín e o rebumbio de risas e berros dos contendentes alporizados por calquera xogada ventureira.
Luís camiñou ata a barra e un morado taberneiro, miúdo, co pelo pincho, que non pasaría dos trinta, achegouse do outro lado.
Un viño –pediu Luís–. País. Pero non me poñas un calquera.

Xabier Quiroga, fragmento de Atuado na braña, Xerais, 2012.




22/4/19

Os exames e o fútbol

Nunca o entenderei. Sí, o feito de que un cativo, ou non tan cativo, falte a adestrar porque ao día seguinte ten un exame. Seméllame unha falta de respecto, de COMPROMISO. Tanto se o vexo coma docente, compañeiro ou adestrador. Non hai por donde collelo. É unha das excusas máis pobres e incomprensibles que moitos temos escoitado. Que che xeran unha sensación de rabia e impotencia. De que estragan o teu traballo, de non darlle importancia ao que fas. 


No momento en que un xogador decide formar parte dun clube, dun equipo, adquire un compromiso. Con todos os estamentos do mesmo. E consigo mesmo tamén. O compromiso de facer todo o posible para sacar un proxecto COMÚN adiante. Aí reside o éxito persoal e grupal.


Como xa dixen moitas veces, o fútbol é unha prolongación da vida. Unha metáfora artística da nosa existencia. Na que os distintos valores, que nos inculcaron e inculcamos aos demais, están permanentemente en exposición. Dende o compañeirismo ata a superación persoal, pasando pola xenerosidade ou a cultura do esforzo. 

Esa mesma cultura que se anula cando o cativo non acude ao adestramento porque ten exame ao día seguinte. Ou a exposición dun traballo en grupo ou leites en vinagre. Qué pasa que agora os exames se preparan só nun día? No día anterior? Ou son o froito do esforzo de semanas e un pequeno sacrificio diario? Esa é a mentalidade que queremos transmitir? A do estrés final e o mínimo esforzo?

Eu coma formador de base teño as ideas moi claras. Levo anos en excedencia deste mundiño (moi pronto volverei), o cal me permitiu ver moitos erros en perspectiva. Porén neste en concreto non caín. As prioridades están moi claras. Prefiro perder un partido deixando ao mellor xogador na casa que deixarlle marcar cinco goles ao colista sen vir adestrar poñendo excusas barateiras. Non vou reforzar malos vicios. Quero formar futbolistas, non acomodalos. 

Quizais esté tolo, non o discuto. Pero cando deixo a ese xogador na súa casa, mando unha mensaxe ao rapaz e ao equipo. A de que o fútbol non é o resultado, non é un partido. É un traballo, unha mellora e preparación semanal. Non chega con facer o paripé e pasearse no adestramento do venres. Estou seguro de que ese pequeno e eses pais se cagarán en miña nai esa semana. Co tempo, igual mo agradecen. Igual non. Iso sí, a conciencia tranquila. Estou sendo xusto co grupo. E esa é a única forma de que este crezca. De que os que de verdade queren medrar nisto da pelotiña, o fagan. 

Cando un rapaz falta á sesión co seu equipo (sen unha razón de peso), estase facendo dano a el mesmo máis que aos demais. Está destrozando un pouco máis o seu soño de poder chegar a profesional, ou a unha categoría máis alta. Xa que, sen esforzo non irá a ningún lado. As categorías rexionais están cheas de talentos incomprendidos. Cemiterios de ‘xugóns’ que se mesturan e xuntan con deportistas ‘toscos’ e limitados. Que se puxeron ao mesmo nivel por TRABALLO e GANAS. De xente que cunha pizca de sorte máis, ou de compromiso e SACRIFICIO, estaría máis arriba. A sorte non se pode controlar, o resto da ecuación sí. Fagámolo.

Todos coñecemos varios casos. Moitas promesas que se quedaron polo camiño. E seguro que moitas delas non foron adestrar por ter exame ao día seguinte. É a primeira excusa que aprenden para borrarse. Para apostar pola lei do mínimo esforzo. Esa que nin no fútbol, nin na vida, serve. Así que se algún pequeno falta adestrar por un exame, que sexa de conciencia.

Diego Díaz. Amigo de Canti e integrante de Futbolinlugo