"Quería facervos partícipes dun experimento literario [...], dunha serie de relatos englobados baixo este título máis menos suxerente ou afortunado [...]. Imos deixarvos este espacio pra vos, pra que nos contedes, anonimamente, se o credes convinte ou non se vos presta deixar a vosa pegada persoal, deixaremos o voso nome, co voso relato. Contádenos iso si, o que vos saia da alma, e que xire o redor dese entreno, desa preparación que a vida vos esixe." Xosé Anxo Varela "Canti", 2018
Quen é quen?
Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog
(homenaxe)
O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.
21/7/20
Tácticas
15/6/20
Semente de valores, semente de País
Primeiramente gostaba de agraceder o convite a participar -e a paciencia polos reiterados incumprimentos nos prazos comprometidos para enviar un artigo- nesta xanela de relatos arredor do fútebol: o que se xoga cos pés e o que tamén se xoga coas mans, que vai ser no que nos centremos nesta cativa aportación.
Quen sexa habitual do ‘Entreno diario, diario de entreno’ xa coñecerá o fútebol gaélico polo artigo que hai un tempo publicou Mario Outeiro, que presenta de forma bastante completa e, ao tempo, concisa, unha perspectiva sobre as orixes deste deporte en Irlanda e a súa imprantación na Galiza, facendo mención ao proxecto no que vou afondar: a Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto, do que quixera poñer en valor o mérito e traballo adicado a un proxecto de escolas deportivas que están pondo en andamento algunhas equipas, máis nomeadamente a Escola Compostelá de Fútebol Gaélico xestionada pola equipa decana da Liga, a Suévia, e o seu relacionamento coa escola de ensino en galego Semente, que apura os últimos días do micromecenado do Projeto Moas, futura escola de infantil e primaria no rural da capital do País.
A Liga Gallaecia, como sabedes, é unha competición que xorde en 2013 a iniciativa de varias equipas que se acababan de artellar ao abeiro de diferentes centros sociais do País, que deciden desenvolver unha liga non segregada, na que xogan en pé de igualdade homes e mulleres. Valorábase que a segregación, con regulamentos diferentes –‘máis brandos’ para as mulleres, mesmo con regras absurdas como xogar cun balón máis pequeno ou permitirlles coller o balón directamente do chan coas mans- mantiña unha discriminación de xénero da que non queriamos ser partícipes. É por isto que se adoptou o regulamento masculino da GAA para a competición mixta.
A promoción de valores inclusivos é unha constante que se reflectiu nun Código de Conduta que sanciona actitudes e prácticas discriminatorias que, ás veces, vemos desafortunadamente asociadas aos deportes, e que se adoitan relacionar tamén co fútebol. Na Liga Gallaecia priorízase o xogo xusto sobre a competitividade, o recoñecemento dos propios erros e a aprendizaxe colectiva sobre as protestas ás árbitras tan habituais noutros deportes. Este código de conduta é extensivo ás siareiras, ás que non lles está tampouco permitido comentario discrimatorio nin ofensivo ningún. Foméntase a camaradaría nos terceros tempos, que felizmente se volveron nos últimos tempos na parte máis competitiva da xornada: cada equipa local procura acadar o máximo nivel gastronómico para ofrecer unha boa paparota cos mellores produtos locais ás visitantes.
As trinta crianzas que, repartidas en dous grupos de 5 a 8 e de 8 a 12 anos, van todos os luns pola tarde ao campo de Marrozos aprenden a competir respectar ao oponente e ao árbitro, a non ter e combater actitudes sexistas ou discriminatorias, a coidar o material e o campo e a cooperar coas compañeiras da equipa, a facer a ‘haka miúda’… e son tan aplicadas na aprendizaxe das regras básicas do fútebol gaélico que moi cedo as veremos xubilándonos da pracenteira tarefa de fozar na lama, facer o ‘solo’ e zouparlle a paus. Xa puidemos observar a súa progresión na quinta xornada de Liga desta tempada, nunha demostración de destreza e afouteza, nunha tarde de inverno dominada polo vento e a choiva.
No verán de 2019 xa celebraron unha concentración nacional Sub-12 de escolas de fútebol gaélico, xustamente en Marrozos, e estaba prevista neste ano, coa incorporación de crianzas da Coruña, unha nova edición desa xuntanza que fanou a pandemia.
En setembro retomarase, seguramente, a actividade destas escolas, que probabelmente continúen a expandirse noutras vilas e cidades, facendo semente de valores no deporte e na vida, semente dun País digno e normalizado, que constrúe ‘pedra a pedra no mundo a nosa casa’, como dicía a cantiga.
20/5/20
8 segundos
30/4/20
O fútbol gaélico na Galiza
5/4/20
A tolemia no fútbol base e afeccionado
![]() |
Roberto Rielo, nun partido na Medela, Taboada. Imaxe de CANTI |
24/3/20
Desencontro
Míraste no espello límpido dos seus ollos e ségueslle a conversa eufórico. Dar de fuciños nas copas cunha muller coa mesma afección ca ti e tamén seguidora do equipo local! É a noite de sorte, vaia!
Con énfase, ela láiase do pouco acerto do adestrador na aliñación para ese partido, xusto ante un rival directo na táboa. Dáslle a razón: é certo, foi un desastre o último encontro. Os xogadores non conseguían controlar o balón, fallaban nos pases, o árbitro non estivo fino: a maiores de pouco xustificada expulsión da fichaxe estrela da temporada, sinalou varias faltas dubidosas e outro tanto cos saques de banda. A afección, moi animosa nun primeiro momento, mesmo agresiva cos erros arbitrais, foi deceando conforme os visitantes, sen gran dificultade, ían materializando a súa vitoria no marcador. A verdade é que o xogo dos nosos non xeraba máis que desconcerto nos seareiros e olladas inquedas no banquiño; víase vir que a xornada ía rematar cunha contundente derrota. Aínda por riba, á decepción sumábase a gravidade da conseguinte perda de puntos, que tanto precisabamos nesta altura da competición para saír da zona de descenso.
Tan certo é o que di que non che queda outra, por moi entusiasta que sexas do combinado local, que sumarte ao seu resentimento cun engadido sobre o único aspecto que ela aínda non amentou, para amosarlle a túa conformidade coa súa visión do partido:
- E grazas que non houbo máis remates a porta, que hoxe o gardameta colábaos todos!
Nun rauto, ela érguese, óllate cunha zuna que non entendes pero que te atravesa coma un xute inesperado do dianteiro que chega á rede. Virándose de cu, escóitaslle berrarche, ríspeta e velenosa, mentres se alonxa, sen dúbida, xa para sempre:
- Estaba falando do baloncesto, zoupón! Outro coa teima do fútbol, nin que non houbese máis deportes no mundo!
Eva Teixeiro
29/2/20
Breve e proveitosa noticia da barbaría de Paderna
A barbaría de Manuel de Paderna estaba instalada nos baixos cla palleira de Roibás. Paderna, despois de alugar o local, abriu no mesmo unha fiestra enmarcada en branco e con luces á estrada que cruza a vila. Desde a fiestra óllase a estrada, a casa de Redondo, a Cortiña Nova -propiedade dos Hortas- e a casa pequena de Roibás, hoxe pechada.
chamado don Xan Acuña
a este PORTEIRO xenial,
non se achega ao seu portal!


