Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

31/10/18

Heroe

Unha heroína é aquela muller que deixou o cabalo polo amor ao seu fillo, e con el en brazos sen a axuda de naide, sácao adiante na vida traballando a media xornada, catorce horas fóra da casa por un mísero salario tragando merda e saliva, limpando escaleiras. Un heroe, aquel rapaz que atropelou na bici, mentres adestraba os seus cento cincuenta quilómetros diarios, alguén despistado que nin percibiu a sáa presenza ou un desalmado que se deu á fuga e o deixou tirado na cuneta durante varias horas con gravísimos danos na sua columna vertebral, e, arrepoñéndose aos nefastos pronósticos e durante anos de extenuante rehabilitación física e psíquica enderezou a sua vida: porse de pé e andar pasiño a pasiño. Un heroe é aquel que recibiu unha malleira por defender un cativo ao que uns matóns lle quixeron sacar o seu bocadillo diante da porta do instituto.

O valor non se adestra, son as situacións límite as que te poñen a proba. Lembro a Mark Ruffalo fronte a Joaquin Phoenix, un pai desesperado e atormentado pola morte de seu fillo nun accidente fortuito no que Ruffalo precisamente se daba a fuga e vivía o inferno do remordemento. Considerei o heroísmo deste non polo desquiciamento posterior que provocou o medo, non tampouco pola súa amargura vital, non por saber que a súa saída era entregarse á pasma e a condena, e contarllo ao seu propio fillo, non tampouco por compartir a mesma dor que Phoenix de quen era avogado, e que durante a maior parte da historia de Reservation Road o tiña enganado. Considerei o seu heroísmo por cavilar no suicidio como compensación, considereino por arroxar a arma coa que Phoenix o quería axustizar, e coa que el se plantexou despois guindarse a lagoa en calma. Finalmente afrontaba o seu sino na cadea como mal menor.
Os camiños desta vida de deus son un sendeus de inexcrutables. Todos nalgún intre somos heroes afrontando a nosa dor, o noso desamor, os nosos medos, os nosos pecados máis inconfesables, os nosos erros, o noso amor frustado; tardando máis ou menos, impoñéndonos unha vida errática como cárcere, unha pena de por vida como castigo, esa é a xustiza que a nosa propia divinidade nos impón as persoas que manteñen vivos os escrúpulos. O calvario dos desatinos, do destino é iso o que pensan os que coidan que a vida dos demáis é preciosa e non ten prezo. Pero nada ten valor xa. O tempo non ten valor, é bastante cobarde.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)


10/10/18

Esa man, irmán


Durante máis dun lustro odiei o fútbol a rabear. Odieino coma quen non quere entender nada, facíame dano como mo fixo todo o punzante nos ollos durante toda a infancia. Unha grima superior a todolos desexos. Concentrados estes en toda a xuventude en calquer peregrino suspiro que arrecendese a primavera viral, a convulsión sensual, a calambre rítmico, a dolor alleo, a perfume cósmico, a himnos luminosos, a deja vú extremo, a licor de melocotón con melocotón e fume de cenorias, a ti, a quen sabe e se sabe cristalino.
A esencia do deporte é o autoservicio, fonte de saude inagotable. Se non acontece desfrutalo pode ser ata daniño pro cerebro. Supoño que padecín a cara máis amarga. E medrou en min un sentimento de receo e quebro, xa está. A vida é máis que o fútbol, e debe anteporse sempre. Segundo é verdade que ninguén é mellor que todos xuntos, tamén é certo que o xenio é unico e hai que deixalo.
Volvínme enganchar, maiormente coma sofridor e o detonante foi meu irmán. Nisto o sangue tira moito, pra comprobalo só hai que velo forofismo dos pais polas suas infantís creaturas, os ultras máis radicais son eles. Non foi de todo a vea paternalista a causa de que a cegueira ensaiase sobre min un desparrame de balompé. Meu irmán non era un xogador excepcional, nin sequera de lustre. Pero era dese clase de tipos que emocionaban. Sobráballe paixón e contaxiábaa. Non destacou enormemente no fútbol, pero despois das lesións ao seu xeito triunfou, pois foi coma unha lapa que encendeu máis dun lume. A sua perseverancia como ser humano conquistou almas pra causa.
Coma na vida os máis listos son os que máis deslumbran e os que máis se soen admirar. Eu prefiro enaltecer a vontade dentro dos valores humanos, pois ata foneticamente está máis cerca da bondade. Ai daqueles "vontadosos " que tiran dos carros, que engrandecen o que queda do día e se deixan a pel na vida alén tamén do fútbol.
Quen non pode ver irmáns no fútbol, non é futbolista. Eles son os que o dan todo por ti, os que loitan e sofren por ti, que choran e se emocionan contigo, e que se preocupan as máis das veces en silencio, sin que ti os vexas.
Como a vida é folosina e dura haberá outras viraduras, non se sabe cando, nin por qué, simplemente porque é furafollas como ela soa. Co teu consolo e a túa man sempre renacerei, irmán.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

23/9/18

Alegato: respecto polo que o ollo non quere ver


Tíranse ao traballo como os gatos aos tomates, de aí que a nivel institucional refínase o respecto de cara á galería. Campañas visualmente perfectas, ideais guais e inmaculados valores que sempre serán dignos de encomio, respecto, xogo limpo, non ao racismo, si á igualdade. Dende onde se lanzan slogans tamén se traman corruptelas que enriquecen consorcios e rancios dinosaurios de impolutas pedicuras. Todo fabuloso, estaba todo moi bó, moi rico e moi abundante. Mentres o lucrativo espectáculo tolea ás masas que habitualmente pasan do accesorio e céntrase no sangue e polo miudo é resultadista, polo seu fillo mata sempre que non perda ou empate: nese caso que pense en facelas maletas que sobran bocas que manter.
En realidade apostar a cabalo ganador fainos tipos máis finos. Tampouco gosta tanto o deporte en si mesmo, a ti non che gusta o fútbol, gústache a televisión, 'Isaac dixit',como di sempre o Isaac.
Moi por debaixo deste circo existe todo un submundo que convén ter de man pero no que tampouco cómpre reparar nel en exceso. Son os últimos eslabóns da cadea alimentaria.
Domingo pola tarde, ponse o sol e remata o partido na Medela, perdemos cero-un. Xogouse ben pero no houbo definición. Escoitouse algún reproche no graderio -non se pode fallar tanto...- tampouco acó se perdoan esas cousas.
Hai tanto que non se ve... Tanto esforzo, tanto desgaste, tanta suor que non só sae do traballo muscular, senón tamén de lugares tan recónditos coma a abnegación, a desesperación, a desolación, a ilusión, a tensión, o tesón, a supervivencia, a convivencia, a paciencia... suor do nervio parasimpático ou do simpático, de estruxar tanto os miolos que saltan muxicas. Como intentar facer tanto con tan poucos recursos. Naide saca nada dacó, a non ser golpes, fracturas, malas caras, follóns variados e complicacións innecesarias. Iso é o que gañamos os máis perdedores de tódolos perdedores. Ás veces, non sabemos que nos impulsa a competir, bueno sí: a amizade, o orgullo e a satisfacción de ganar, a de poder dicir intentamos xogar mellor ca ninguén aínda que non podamos meter un gol máis co rival. O rival si que merece respeto, porque grazas a el facémonos un chisco máis grande, un pelíño máis persoas.
Mañá será luns toca volver a preparar os partidos da semana que vén. Hai tanto que facer. Como aínda estamos a principio de tempada agardan tres dias de entreno intensos. Os luns son días moi chungos, padecer calambres e fracturas, maniotas e meas culpas. Lavar a roupa, limpiar os vestiarios e colocar os terróns que se levantaron. O peor é no inverno, cando as pernas se enterran na lama ás mañás, despois non voltan o seu, cando a roupa hai que pasala toda por auga a presión e lavala dúas veces antes de que vaia primeiro á lavadora e despois á secadora. Do campo mellor nin falar, no inverno ao ser de herba natural vólvese máis lama e xa non chega con voltear onde se levantou, hai que pasarlle o pisón. Leva horas, ás veces días, hai que agardar que deixe de chover, que seque, traballo de chinos... de superchinos. Temos que chamar á federación no medio da tarde: como voltamos xogar na casa temos que comunicarllo tamén ó outro equipo; como o míster dixo que se cadra era mellor xogar o sábado por que o domingo dous ou tres teñen que marchar pra Santiago que aínda teñen exames de setembro.
O martes aínda hai que escanear algún carné dalgún dos xuvenís, que comezan liga dentro de quince días, e temos que axilizar os trámites na intranet, senón vannos dar as uvas. Como non lle traigan as fotos ao mister ao entreno vámonos cagar pra dalos de alta. E iso que xa se avisaron tres veces, os rapaces non teñen ansia ningunha, divino tesouro a xuventude. O mesmo pasa cos carnés de socios, que xa están listos da imprenta, por certo hai que pagalos xa, mentres haxa cartos, hai que empezar a pasalos este finde pra empezar a cobrar, xunto de algún terase que ir tres ou catro veces pra cobrar, a xente non anda moi ben, téntase entender, ás veces. Tamén temos que levar esa factura de transporte a Lugo, hai que xustificar a axuda, menos mal que unha das subvencións xa está amañada e a outra aínda lle toca pro mes. Con elas andamos todo ano, solicitando e xustificando, anexo para aquí, factura pr'alí, cómputos quilométricos, certificados federativos de deportistas con licencia, certificados de gastos arbitrais, certificados de que estamos a ben coas obrigas á Seguridade Social, certificados da Facenda Tributaria, certificados pra modificación de Estatutos e renovacion válida da xunta directiva, todo require xustificación, de todo se da fé e se certifica, todo. Todo esta xustificado. Hai moito que remexer os bolsillos e as cada vez máis escasas conciencias condescendentes, pois todo sae carísimo pra economía dunha cociña económica, nun pobiño que cotiza á baixa, cara a extinción. Caras ás débedas, cara ás dúbidas, pero damos a cara, apretamos os dentes e a dentadas imos enfiando puntadas sin fio, puntiño a puntiño, ou de tres en tres, se pode ser.
Non se ve que o martes pola tarde cae un trebón e xa refría, os primeiros avisos do que está por vir na longa noite de pedra. Non apetece moito entrenar, e menos os máis pequenos, pero teñen que machacarse antes de que comeze o serio. Tanto uns coma outros estan estes días co Fartlek, farley entre os chavales, exercicios aeróbicos e anaeróbicos, orientados a fortalecer a resistencia, con carreiras sen descanso e con constantes cambios de ritmo. Exercicios pilométricos, de musculación, de arrastre e costas. Nesta fase da tempada priorízase o físico e a forza aínda que nós nunca deixamos de lado o balón, a pelota sempre presente, aínda ca mente ausente o esférico ata pra durmir, de alomofada. Esta é unha fase primordial da planificación de adestramentos de toda tempada. É moi fodido pero sabe a deus.
Contra á noite hai que volver pola imprenta a ver se están os carteis do partido, pra pegar polos bares e recantos varios e para enviar ao facebook e twitter do equipo, non vaia ser que alguén se despiste, e se esquenza de que sen eles nada é posible. Xa se deixa todo pago, se morres mañá non me deixes a deber nin un centavo, decía a avoa de non sei quen. Tamén temos que ir buscar algo pra sortear o domingo no descanso, quizáis un xamón, ou dez litros de aceite, ou uns centos de coles, ou mil butelos, ou cuarto e mitá de queixo, ou catro ducias de ovos, calquera cousa que caiga en graza e teña o seu aquel.
O mércores nunca se viu Mercurio.
O xoves e o venres hai que volver deixar o pelexo pola moca, e todo iso non se entrena ten que saír de dentro, do sentimento que fai paticalas pernas, da paixón que fai fervelo sangue nas veas, que ou as cortas ou as deixas longas, non queda outra. Sin iso non se domestica o que si se entrena a diario, o esforzo, a disciplina, o equipo, a comunicación, o pase, a brega, a humildade.
E o próximo fin de semana voltamos a área, ao prado, volve o orgullo, e volta a competir coma o máis grande. Iso é o respecto amigo. Outro ano será.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)




4/9/18

Tolura

Nunca debería ter dito, escoita o que che vou contar, debería terme comido o primeiro sentimento, e ter calado. Pero as persoas somos así de bocazas. Supoño que a vanidade nos fai crernos importantísimos, se cadra sómolo, pero pouco ou nada o que dicimos. Chamábasme "tipo listo" e canto aprecio nos tiñamos, canto foder, canto.
Era aquel domingo o primeiro partido de Liga, xogamos e gañamos en Riotorto cun gol de penalti e no último minuto, como ten que ser pra que preste. Amigo ti non sabes da miña felicidade, descoñeces o meu segredo. Non me coñeces en absoluto, pero sentimos a nosa amizade por riba de tódalas cousas e así nos damos valor. Si que estabamos radiantes, si. Pero eu sentía o fin próximo, o camiño a devastación, a total destrucción. E díxencho. Isto vai acabar comigo. Ríchete coma sempre, sen gañas de facerme caso coma sempre, era máis importante o que me querias. Que outro ano máis por acó? e non vos aburrides ho? sodes ben cansinos carallo... eran as túas coñas. Eu tiña motivos para flasear pero ti non o sabías.
Comezou aquel día a miña tolura, non saberás nin de que che falo. Comecei a ter desconexións, ter lapsus, patinarme as neuronas. Quen ía crerme, fallábame o meu cerebro. Non, xa non son cordo desde aquela. Pero non podo explicarche porque me fundín na miseria. Sei simplemente que non son dono de min. Todo consiste en querer evadirme de min. Xa non quero estar neste corpo, nin sentir o que sinto. E lamento o que sinto, por que todo é malo. Porque aínda que é grande o que sinto, e tanto que é malo sentir tanto e fai tanto mal que todo é dor.
Xa sei o que me dirás "toma unha aspirina antes de que che falte ao respeto" e o martes, á primeira que te vaias pola banda vouche meter unha sachada que te vas cagar.
Despois voume ir e vou deixar todo, antes de que todo me deixe a min.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)


8/8/18

Aí vos queda todo

Todo a correr menos correr. Un afaise a todo e todo se volve a todo gas, a fume de carozo como se dice do Faro praló, que son menos castrapos.
Non se sabe como empeza todo, pode que nas sociedades actuais, supoñendo que haxa máis de unha, que se vai superpoñendo ás anteriores, que se van aliando ou alienando, cómprelles a urxencia vital de producir o ritmo que consume e a esixencia dos que levan as rendas é que a cadea sude profusamente na procura de obxetivos a inmediato prazo. Pode ser que este compendio de civilizacións ultrarrápidas institúan sistemas educativos que prioricen a intuición e non a reflexión, d'aí que engulamos dende cativos
coñecementos pra ser produtivos sobre todas as cousas; nunca pra adicarse á contemplación. Pregúntome acó, neste intre, que sería dos autodidactas que ata fai unhas décadas parecía que existían agora semella que xa non se leva o selfmademind;por certo tamén estes gárdanse moito, tratan de ocultarse, o home feito a si mesmo por obra e gracia do espírito santo, desque os mundanos tontos de capirote nos demos conta de que eran uns ladróns a gran escala, agora xa non lles mola chufarse.
Fora da divagación, voltando ao meollo, de todo sistema saen en serie uns velocísimos obreiros que asumen a premura e interiorizan ata o stress.E lévase a velocidade do traballo pra casa e despois todo se volve correr, xa te levantas ao galope, dúchaste correndo, desaiunas correndo, pasa pra traballar correndo, ata os atascos son a correr, traballas fostiao, voltas pra casa canso pero nin que viras o lobo, despois a comer correndo con ansia, a mexar correndo sen sacudila, dormir a sesta correndo, de dous minutos ou así, jiñar correndo (menos ao cuñao que lle leva días horas, contadas polo reló), chingar correndo, deitarse con tempo e soñar correndo. Enfermas dunha hora pra outra, e póñase vostede ben canto antes porque non hai camas e están outros vinte esperando por ela. Cando a xornada remata dase a peculiaridade de que despois de tanta crise, e desde que se acabaou a festa xa non existe a noite máis que pra xuventude da fóra, agora xa non somos "is different", somos runners. Dende a cuna ata o nicho.
Todo pra ter máis tempo libre. E que facemos co tempo libre ? buff, de todo, temos que aglutinar o maior número de afeccións e ter unha visión do mundo enormísima senón non somos naide por que a vida é curta e acábase pronto e senón chegamos a todo, que somos? Naide,claro. Tamén somos moi afeccionados a correr, eu o primeiro, que non o máis rápido, e que facemos cando corremos? Pois falamos, orrer se conoce da moito que falar. A min non, a min cánsame moito.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

8/7/18

Whatshapp goal krill




Hei, podiamos quedar deica unha hora
tiñamos que poñernos no que quedamos o  outro día
12:04
E que me pillas como carallo, agora mesmo
estou correndo
12:05


Ostia, corres e guasapeas
Crack
12:05
Non hai problema, hoxe igual non vou
entrenar
12:06


E logo por onde andas?
12:06
Estou no campo
12:07


Pero iso é aburridisimo
puto muermo
12:08
Cala trenco, non teño xeonllo ben,
e o cespede está
máis brando cos camiños
12:09


Non estarás canso de campo?
12:10
Non che hai outra entorna, música a
tope e dar zapatilla, pracer total
12:11


Cada tolo coa sua idea...jjjjj
12:11

Logo a noite por que non ves?
12:12
Traballo, estou de noite, quería
cambiar pero non puiden
12:14



Envexa... eu veño da oficina de desempleo
tou ata ocarallo, vou ter que marchar
deixar fútbol e todo, coller petate
e pro Atlántico ou o Nórdico
12:16
Bueno ho, non te poñas así.
alí polo menos hai krill.
Non aparece nada logo?
12:17


Que va, e o que hai para quitarche a pel unha pouca merda
12:18
Decía o Jema- Deus proveraá ,
cando todo pintaba mal
12:18


Xa, hoxe non che hai maná, nin alfalfa só látigo pros borreguiños
xota e xota pras chocas
12:20
Cona, ainda non é mediodía
e xa tas antiglobalizao
12:22


Si e dandoche a vara mentres corres se non fora o fútbol toleaba, menos mal que sempre nos quedará Boimorto
12:23
Ou Noia...
12:23


Ou Santa Comba
12:23
Si home si, nos podemos
yes we can
12:24


Can codrilo
12:24
AgsjjJJJ, quedamos logo despois?
12:25


Ok, se queres mellor despois de comer deixamolo pro café, agora ainda enredas
entre que volves e tal...
12:25
Si mellor asi
12:26


(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

1/7/18

Recital


Foi un recital e punto. De ocasións e momentos memorables, tocaban dous artistas e detràs un equipo de ensoño, o mellor de cada cas. Por libre e en consonancia, fixeron as delicias dos afeizoados. Cada sútil arpexio na platea era coreado armonicamente en tribuna, que se entregaba en comuñon e o ente resultante, unha divina trinidade. Metafísica. A outra parte exclusiva xenialidade en estado puro. Se houbese que titular o espectàculo diriase: Único. O feito mesmo de que non se ía documentar convertía os alí presentes en testigos conscientes de presenzar aquela maxia irrepetible. Foi un deses intres nos que todo mundo ía a unha. Os presenciantes retroalimentàbanse da enerxía que emanaba cada unha das pezas, todo encaixaba con precisa solemnidade.
Cando todo rematou foi todo un tamén o rostro farto de desfrute. Como se non tivese lugar alén máis, como se nada máis importara, como senon tiver que xirar o sino a ningures nunca máis.
Pero non, coma se fose unha ensoñación, todo o que veu despois en nada se semellou a súa imaxe. Houbo que baixar, a lei da gravidade. De subir o éxtase a caer gravemente ó real, do divino o humán. Houbo que volver camiñar, e pelexar, e chorar. Cada quen colleu por seu carreiro, viviu de seu xeito, como tiña que ser, cadanseu trivialmente emulou máis ben mal aquel recital, todo pasou a ser un ritual. Puntos.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)