Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

2/3/19

O fútbol, unha forma de medrar


Apenas tiña seis anos cando descubrín que o meu non eran as bonecas, pero tan pouco o eran os coches teledirixidos: sen dúbida o que a min me gustaba era o fútbol. Pasábame as tardes xogando na casa, fora se facía bo e dentro se chovía; non importaba como fose, eu tiña que xogar.
Pero as cousas no colexio ó principio eran ben distintas: como en todos, no meu -aínda que era pequeno e nos coñeciamos todos non ía ser distinto-, había xerarquías, os maiores eran quen controlaban o pavillón no recreo, eles facían os equipos e eles decidían quen xogaba e quen non, e como era de supoñer, eu era deses que xunto co neno que tiña gafas quedabamos a ver o partido dende a esquina día tras día. Pasados uns meses desistín: mentres estiveran eles eu non ía xogar, ou no caso de facelo o balón en ningún momento pasaba por min. Entón deixei de reunirme con eles no patio e na casa comecei a xogar menos, pensei que quizás realmemte non era para min, o fútbol non era para nenas e eu non ía ser a excepción. 
Pasou polo menos un ano, ou quizais menos, non logro recordalo, pero só sei que a min fíxoseme eterno. Por sorte, un día no río atopei unha rapaza que estaba xogando con rapaces e aínda por riba era a mellor, e desde aquela díxenme que se ela podía, eu tamén.
Todo isto significou moito para min, e dende aquel momento non parei máis: pasando de xogar a miña primeira temporada e non gañar un partido, ata chegar o Quiroga FSF e gañar a miña primeira liga e a miña primeira copa, no que será o meu equipo sempre. Porque iso é outra das grandezas do fútbol: ademais das emocións que vives, está a xente que coñeces e o vínculo que creas con ela. 
Concluíndo, iso é o futbol para min: animar ás compañeiras e remontar un marcador complicado, a emoción dun regate, a complicidade dunha asistencia, caer mil veces e levantarse mil e unha máis, perder pero deixándoo todo no campo, un gol no último suspiro, a sensación de recompensa polo esforzo cando gañas, pero sobre todo estar rodeada desa xente que máis que compañeiras son familia. 
Nada te fai sentir mellor que o deporte, e o meu é o futbol, o fútbol sala. 
Pero para vivilo de verdade, antes de cada partido debes recordar sempre isto: “Ningún jugador es tan bueno como todos juntos.”-Alfredo Di Stefano.

Paula González
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

27/2/19

O fútbol na miña nenez e xuventude


A miña infancia en Quiroga debeu transcorrer dun xeito máis ben feliz, pois non gardo dela unha acordanza tristeira, agás algúns pesadelos que asoballan a lembranza como inoportuno banzado.
Os intres máis ledos confundíanse cos xogos. Alacadabamos, como se di en Quiroga en lugar de alasar, detrás dunha marfallada redonda, feita de trapos, dunha lata de sardiñas, dunha pelota de goma ou dun balón de coiro, en ocasións excepcionais, como os cás tras da lebre. O fútbol practicabámolo na zona baixa da praza central do pobo, denantes de Madrid a carón da Tabacaleira, rexida por Dona Flora, lanzal muller de cabelos brancos, parente de Ernesto Guerra da Cal.
Ás veces as pernas, esmiuzadas polo racionamento e a avitaminose e cangadas polo peso dos galochos, non sabían dirixir con acerto o balón. Este, antolladizo e desmandado, petaba co bazuncho do seu corpo nos cristais dalgunha fiestra rompéndoos. Deseguida aparecía na ventá a Señora Tomasa guindando badaladas verbais de improperios contra nós. Axiña o Pedelas, dilixente alguacil, amosaba a súa humanidade pola rúa do Velasquillo. Ao non decatarnos da súa presencia, varias pelotas e algún balón de coiro, desasisados e probes deles, pagaron a súa ousadía coa morte súbita na afiada navalla do funcionario do concello.
Os partidos de fútbol da equipa do réxime, o Real Madrid, escoitabámolos a través dunha radio Marconi instalada no bar do Tito, hoxe tamén mergullado na rebotica inapelable da memoria. O bar, ateigado de xente e fumo, semellaba un fumadeiro de opio. Imaxinábamos as evolucións dos xogadores grazas a elocuencia narrativa e a voz envolvente de Matías Prats ou Enrique Mariñas. As imaxes da Televisión actual adormecen o maxín, facultade intelectiva imprescindible para promover unha integral formación na idade infantil.
Perante os recreos da escola do Teixelo tamén practicabámolo balompé nun triángulo, hoxe finado por mor da asoballante febre do cemento, a carón do portalón do pazo dos Carujos, enfeitizado co escudo de armas dos Condes de San Martiño. Hoxe do pazo non fica nin a semente, pois foi derrubado pola teima construtora actual que non respecta nin a memoria histórica. Onde se atopará a rica biblioteca, que eu mesmo puiden ollar cando a finca pertencía ó Señor Pol Piñeiro?.
Os domingos organizábamos partidos de fútbol contra os de San Clodio no Toural, en San Martiño, ou no campo da Labradía, en San Clodio, pola estrada do Salto, a carón do camiño de ferro e non lonxe da igrexa parroquial. Coa indumentaria semellábamos a equipa do Real Madrid: camiseta branca de felpa, dous calzóns de lenzo de Xubia contrapostos para que non saíra o paxariño, calcetíns de la e galochas de becerro, co solo de madeira forrado de goma das rodas de coche. Sen a consabida liorta o ritual futboleiro ficaba incompleto. Ás veces corríannos a coiazos e tiñamos que pasar a toda presa o Sil pola Ola, a Praia, a Pena de Xesucristo, o Carrizo ou a pena da Lapa. Esta aliñación durante moito tempo foi máis témera que os once mosqueteiros: Tino, Rafa, Pepucho, Hilario, Pocholo, Romulín, Chelito, Xaime, Cholis, Xermán e Jarrín.
No Seminario das Ermitas, Ourense, estiven dende o ano 1954 até o 1958, os primeiros catro anos de bacharelato. Alí a única afección permitida era a futboleira. Mais o campo de fútbol atopábase no curuto do monte, a uns 3 quilómetros das instalacións relixiosas. Entre a subida, o tempo do xogo e a baixada volvías derrengado, tendo en conta, ademais, que as nosas forzas eran moi magras en virtude da escaseza vitamínica do réxime alimenticio a que nos sometía o reitor, D. Filipe. Nunha época, baixo o padroádego dun superior, Don Vitorino, moi querencioso do fútbol, escoitábamos pola radio as evolucións do Real Madrid, a equipa do réxime, na Copa de Europa. Coleccionaba eu uns cromos de futbolistas, que traían unhas libras de chocolate fabricado na Rúa-Petín. Precisábase encher os recadros dun libro con todas as equipas de primeira división para obter un balón ou unha prancha eléctrica. A miña ilusión secreta era agasallar á miña mai con unha relucinte nova prancha, pois decatábame dos traballos que pasaba coa vella de brasas. Mais un prefecto, Don Nicasio, moi dado ós rezos e dabondo místico, deu en argallar que tanta afección ó fútbol disipábanos espiritualmente. Convenceu ó reitor e un malfadado día rexistraron as malas, que por obrigada norma debían atoparse abertas. Arramplaron coa colección de cromos e queimáronos. A rabecha estivo a piques de xogarme unha mala pasada. Si chego a ser home, non me houberan abafado de tal xeito, a semellanza do neno de Castelao que lle subministraron unha purga á forza.
No curso 1959-50 trasladeime ao Seminario de Lugo para estudar Filosofía e Teoloxía. E tamén alí o tempo de recreo e folganza enchiámolo co fútbol, que, sen dúbida, supoñía unha pracenteira fuga naquel monótono quefacer cotián. Nesta época confeso un pecado xuvenil: ser un fervente seareiro do Real Madrid. Formei, como defensa esquerdo enérxico e contundente, no cadro "internacional" da selección do Seminario. Tiven a honra de pertencer a un corpo defensivo de sona, chamado do "Caurel" e integrado por Aián, cancerbeiro, Hilario, Vicente e Estévez, tripla trincheira protectora. Ademais, dende sexto curso o novo bispo, Monseñor Ona de Echave, xa nos permitiu xogar cos calzóns curtos de futbolista normalizado. O anterior, Don Rafael Balanzá, pensaba que o ensino das canelas era provocativo e emitira tallantes ordes para desafogar as nosas enerxías xuvenís, no campo de area situado a carón dos muros do cárcere lucense, revestidos dun pulcro e honesto chándal longo. Os únicos espectadores foráneos eran os presos, que adoecían por asomarse ás ventás para ollar as nosas evolucións futboleiras. Cantos devezos e ansias de liberdade fomos quen de suscitar nas súas imaxinacións nós que en certo xeito tamén vivíamos prisioneiros dalgunhas cadeas!.
Pra Xosé Anxo Varela dende a lembranza saudosa dunha patria irmá

Xosé Estévez
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

24/2/19

O valor non se adestra


Asómaste ante a pequena multitude que acudiu a celebración na Casa-Museo en Outeiro, apretas os dentes e turras polo alento que parece fuxir esvaradío mentres lle escoitas á túa antecesora:

"... hai amores soaves
que n'inda vir se sinten, nin se ve cando entraren
pola mimosa porta que o corazón lles abre..."

É o momento, tócache. É igual que tirar un penalti, pensas. Podes facelo, sabes que é o gol da vitoria: lanzas as verbas con toda a forza dos teus dezasete anos á espreita do mundo.

"... hai uns negros amores de índole pezoñenta
que privan os espritos, que turban as conciencias,

Hai, si. Ben o sabes ti. Compartiches o vestiario moitas tempadas con un, nas categorías inferiores. Foi facéndote súa entre adestramentos e xogos compartidos. Di el que cho ensinou todo, coma se ti nunca pelexases polo balón coa mesma forza e non tiveses outros intereses que os seus.

"... que morden se acariñan, que cando miran queiman.
Que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan."

Cando rematou o conto dos equipos mixtos, a cousa non foi a mellor, el seguiute dominando, pero alomenos cando voabas no céspede cara á gardameta rival, sentindo nas veas a mesma emoción que rachaba as gorxas das escasas seareiras que asisten aos partidos femininos, eras un trebón de luz que el non podía lixar.

"Mas val morrer de friaxe
que quentarse á súa fogueira."

Xa foi. Es libre. Cubriches ben os ocos coa barreira, non vai marcar. Viñeches aquí porque quixeches, porque el ensinouche máis ben nada e agora xa non é quen anota os puntos no marcador. Decides ti, coma onte, enfrontando a durísima entrada coa que tentou de novo facer de ti un pandeiro ao contarlle o teu plan para este domingo 24 de febreiro pola mañá.

-A que vas ir? Que se che perdeu alí? Ademais, non xogas mañá?
-Xogo pola tarde. Non está reñido xogar ao fútbol con ler a Rosalía!

Eva Teixeiro
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

10/2/19


Hai uns meses abrimos esta páxina nova no blog para darlle unha perspectiva máis global, a nivel contidos, a nivel esforzos, a nivel perspectivas e expectativas. Faltaba tocar unha tecla comunicante, esta naceu de Eva, a autora deste primeiro novo episodio. Ela é un vaso comunicante, unha traballadora incansable, unha docente insaciable, sempre pegada a un libro. Foi o xeito de empezar a pegar puzzles sonoros e visuais de índole diversa. Así arredor empezaron a caer froitos procedentes de árbores diversas, alumnos seus, compañeiros de traballo, despois empezaron tirando uns doutros compañeiros da prensa, algúns baixo pseudónimo comprensiblemente, outros peñistas e seguidores de equipos diversos querendo aportar... e espero que a contribución non teña un fin remoto. Así pois, doullle outra pequena entrada a esta prolongación:

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

Por alusións

(Domingo Fontán e Otero)

Acercome a este rincón apartado, por que se respira mellor, porque un destes breves relatos, non sei se inspirou na miña experienciavital, ou naceu da experiencia vital doutra persoa. A verdade é que a pesares do punto de partida as coincidencias son exiguas, por non dicer ningunha. Pra empezar se naquel relato a protagonista era unha muller, no meu caso chámome Manuel Fernández. Eu tamén recalei en Noia o día do ascenso do Taboada a Preferente. E ese día a miña vida tamén cambiou pra sempre. No meu caso fun coa miña panda de amigos, xa de mañá cedo, xa coa idea de ir xantar berberechos e outras viandas da ría. Realmente eu quería ir e levar a meu pai, pero non tiven xeito de convencelo, el fora secretario do clube en diversas ocasións, estivo xa na fundación aló polo 1973, iba naquela xunta, e máis pra diante estivo en duas xuntas máis. Viviu unha Copa da Montaña, e as outras dúas que se gañaron da copa Deputación. Pero a Noia non quixo vir, dixo que non estaba xa pra eses trotes, que a viaxe era moi longa, e que non tiña o corazón pra sustos e disgustos. O caso foi que polo que me contaron era dos que estaba recibir a expedición de volta a Taboada, cando todo o pobo se volcou á rúa esperanando no picho, e chorou alí con todo o mundo mentres repartia abrazos a esgallla. Eu non volvín pra Taboada, quedeime de farra por Noia toda noite, celebrándoo por tódolos bares da comarca, porque nos recibían coma se foran eles quen ascenderan, xa no campo nos deixaron desfrutar do champagne que tiñan preparado pra eles por se se dera o caso. O caso é que non vin xente tan amigable. Acabamos feitos un cisco, cunha esmorga tal, cantando polos baretos e cantinas onde nos metiamos, metémonos a peña no bolsillo. Ata nos xuntamos cos da Peña Berberechos, que eran os máis forofos do equipo, e con quen durante o partido case as houbo negras por que se asentaron detrás da portería de Roi coa mala idea de tocarlle as narices seguido. Cando rematou o partido todo aquilo pasou e quedou esquencido o momento. Tamén foi o caso que comemos e bebemos máis da conta e eu non tiven mellor sorte, xa de madrugada, que caer na beirarrúa e abrir a cabeza, o suficiente coma pra darme trinta puntos de sutura e votar inconsciente dous días no Hospital da Costa. Total que armei a mairimonena, fodinlles a festa aos colegas, e meus pais, que non quixeran vir por non sufrir, tiveron que vir coidar de min unha semana porque houbo traumatismo craneoencefálico ademais, e era o máis recomendable uns días de repouso. Repouso que foi pouco, porque en canto recuperei a consciencia, coñecín a Pilar, unha enfermeira de Noia e que máis vos vou contar, que por acó sigo. Meu pai envellecendo cada día un pouquichiño máis, pero sigue indo á Medela sempre que fai unha boa tarde, eu cada vez vou menos por que a nenos medrados, traballos redoblados; vou a San Lázaro de cando en vez, ata me fixen socio o primeiro ano que o Noia CF ascencendeu a Terceira División, pero non é o mesmo. Sigo ao Taboada nas redes sociais,no facebook, no twitter, no instagram, e non deixo de ler as crónicas e velas fotos no blog de tódolos partidos. Pero tampouco é o mesmo.


(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

12/12/18

Gora San Fermín + Sofisma

Aquí en Bora Bora non hai máis ca pilandras e cultivando cantan cancións e beben cacao. En realidade trabállase pro guiri e chuméase daykiris, manhantans e gyntonics que pagaban varias ceas a moita xente que morre de fame. Namentres en España celebraban aquel campionato do mundo eu, emigrante, vía como se me derrubaba o meu mundo debaixo dos pés, quebraba coma no terromoto de Kobe, cando partiu a placa todo se desplomou por duas anomalías que nin se inmutaban.
Soaba Desolation Row, el tiña bo gusto a pesar de todo, estaba medio pimplao e serveuse un triple seco. Eu estaba vendo o partido sen volume, mirando de reollo case sen entusiasmo. A disputa xa arrincara moitas horas antes, quen sabe quizais xa nin rematara a anterior; practicamente nin nos soportabámos xa. A el dáballe absolutamente igual o fútbol ,a min non, era a miña selección coño; unha cousa rara, galega nacionalista pouco amante do deporte e pouco coñecedora do resto do estado pero fóra de Galiza debilítame La Roja, intríngulis do corazón. Pero aquela mañá non podía, non sentía xa os seus berros e mailos meus, deus que bochorno, que asco. Fascinárame a súa beleza, pero pouco furrulou a relación, nin esperou a acabarse a atracción, era un dictadorzolo abrindo frontes de guerra por tódolos lados. Gustaba da bebida e do xogo, e loxicamente exprimioume os aforros, non é que fora moito, pero era meu, e logo vivimos dando tumbos e meténdonos en problemas e comezaron as malas formas, ata que por outra tempada convivimos destrozándonos entre tanto lixo. Así rematamos.
- Non me importaría deixarte agora mesmo, espetoume.
- Pois faino xa puto cabrón.
Non todos son iguais pero hai moito fillo de puta de gatillo fácil e man moi frouxa con quen non ten a sua forza innata. Meteume unha labazada que me arrancou do sofá, mentres me ladraba en perfecto inglés zorra de merda e cando soltou o fuck you xa soaba un estruendoso portazo liberador xusto no minuto 116, intre en que Andrés Iniesta acadaba o gol. Tirada na alfombra envolta babexando sangue e chorando coma unha magdalena, chegoume o sorriso aos pés. Canta liberación, soltar o lastre dunha historia de merda, que intre de éxtase.
Pero tardei en recuperame moito máis do que agardaba. Non fun capaz de voltar pra casa tan axiña. Non é fácil voltar co rabo entre as pernas cando non topas máis que coa fealdade, co fermoso que é o mundo, e todo o ruín ven dar a unha. Non é pra tanto tampouco, simplemente tiven uns encontros desfortunados que arrastraron mala vida, pero voltar queimada, cunhas patadas no orgullo, non é sempre asumible. Tampouco tiña présa e deambulei un par de anos aínda. E collía cara Pamplona aquel dia, pero cheguei a Barajas o día que o Taboada saíu no Marca, onde contaba toda a historía da pelexa polo ascenso a Preferente. E cara Alvedro collín e presenteime en Noia o día antes de San Fermín. Foi certo como o conto, cando Andresín meteu o gol do empate no minuto 88´, abrazáchete a min e alí te coñecín e agora non deixo de ser unha tola polo fútbol e por ti, e será por iso que non podo parar de sorrir.


13/13
SOFISMA
Que cona pinto acó, coidaba o pintor diante daquel lenzo abandoado facía anos naquel intre de crise existencial. Coma Sofía sumida na soidade do desamor contemplando o orballo crepuscular. Coma o eterno porteiro suplente que sen queixa aguantaba a humidade de todo banquiño vivente agardando a mínima alternativa. Habitualmente enganábanse, eran dignos rivais de si mesmos. Unha pincelada, unha mirada, unha parada, facíaos seguir tirando. Pero hoxe fai moito frío. O frío tan intenso que adormenta, tan perigoso que fai aflorar a supervivencia. Non hai estratexia. Só estrago, é o que queda.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

11/11/18

Fútbol de cine. Haz trizas las actrices

Como alucinas. Nin con Uma Thurman nin con Zeta Jones no reparto se consegue facer facer un peliculón co fútbol de envoltura ficticia, e menos no que sexa o auténtico protagonista. Mira que hai grandes películas que teñen como telón de fondo o deporte. Por por certo criterio, postos a escoller, e a pesares da lexíón de fans Rocky, a preferida da crítica é Toro Salvaxe: ata Stallone recoñecía que De Niro xogaba noutra Liga. Hai moitas e entretidas cintas cinematográficas nas que merodea o fútbol, e serios e sinceros exercicios de realización como The Damned United, Green Street Hooligans, Ciudad de Dios ou El Milagro de Berna. A maioría deles acércase dende o xénero comedia, ou comedia romántica ou de situación: El penalti más largo del mundo, Un gran equipo, Jugando por amor, Quero ser como Beckham... Con maior ou menor acerto o fútbol está presente comandante, pero é dificil transmitir a esencia do fútbol, a tensión, a emoción, o sentimento, coma se faltara collerlle o ritmo o partido, falla tamén a plasticidade do deporte. Os ganchos de De Niro, ostias!! parecían de verdade, nese caso tamén os de Stallone. Pero non é o mesmo plaxiar un puñetazo que un regate. Pero hai máis: no fútbol recreado desde o corta e pega dos fotogramas e desde os libretos pécase de antinaturalidade, que fai Fernando Tejero arrimado o poste co petillo entre os dedos? É un partido de verdade e transcendente, a que ben isto? a provocar a gargallada? vale si, pero iso non é un fútbol que faga creíble a peli, e a peli non é mellor por cachondearse do futbolista. Pasar, claro que acontece pero nas pachangas, e xa non en todas; se te xogas unhas cañas, non te pos a fumar intentando tirarlle un caño ao pakete ese. Desde a edición: a que vén aquela chilena de Pelé? coma unha slow motion, que querían deixar quedar mal a Pelé aposta, coma se fora Oliver e Benji, coma un manga xaponés, onde saía o balón de Atón, que sacaba a falta dende o quinto nabo, ías á nevera coller un iogurte mentres o outro se poñía a pensar no bó que era o tipo, mira por onde lla iba clavar, se lle daba efecto, ou se a parábola collía pra fóra e despois pra dentro, nunha traxectoria imposible que parecía o circuito de Silverstone; cando voltabas da cociña aínda o balón non entrara pola escadra e aínda Benji podía sacarse da manga unha luva miragrosa. De aí debe vir o nome do xénero, da manga, do ser menor. Pelé cando estaba metido no partido non pensaba na náusea, nin nos margaritas, nin nos iogurtes caducaos, nin na táctica, nin pra onde tiña que recurtar, nin sequera que había que fodelos putos alemáns como fora, coma se fora griego. Xogaba e pista, se pensas estás morto. O fútbol flúe naturalmente, as xogadas aínda que poden ser diseñadas por algún arquitecto de vestiario, brotan da alma do futbolista espontaneamente. Isto non é verosímil na gran pantalla.

(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)