Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

9/3/19

Daqueles primeiros clubes ao recente frustrado intento dun equipo feminino en Monforte


O Lemos, que tivo o seu antecesor no Monforte Club de Foot-ball de principios dos anos 20 do pasado século, foi e é, sen dúbida, o club de fútbol máis representativo de Monforte. Asolagado na actualidade na mesma fonda crise que atravesa a comarca de Lemos, é sen embargo dos máis antigos do fútbol galego. Creado en 1923, curiosamente o mesmo ano ca o RC Celta, foi inscrito oficialmente en 1924, cinco anos antes de que comezasen a disputarse no Estado español as primeiras competicións oficiais de liga. En consecuencia, dentro de catro anos cumprirá o seu centenario. Nas categorías estatais, das que leva ausente desde o ano 2008, puido chegar a militar en Segunda División xa que acadara o ascenso a dita categoría ao remate da temporada 1935-36, pero o golpe de estado e a conseguinte guerra acontecidos en xullo dese 1936 pararon toda competición ao longo dos tres anos de contenda, e cando a liga se reanudou no ano 1939, o club lemista non puido asumir o custo de xogar na segunda categoría. Así as cousas, o equipo monfortino só militou na Terceira División e nada menos ca en 51 temporadas, o que o converte nun dos clubes do Estado máis veteranos da mesma.Iso si, cómpre matizar que esta categoría foi realmente “terceira” até a temporada 1976-77, xa que na seguinte se “inscrustaría” entre a Segunda e a Terceira a aínda existente Segunda División B, á que por certo o Lemos puido chegar a ascender na temporada 2001-02 xa que xogou a promoción de ascenso á mesma, na que se enfrontou ao Valladolid B, aos madrileños do Las Rozas e ao asturiano Langreo, que foi quen finalmente rematou ascendendo. O malo foi que na temporada seguinte, a 2002-03, o cadro lemista rematou de pechacancelas do grupo galego de Terceira, descendendo ao grupo norte da Preferente.

Unha formación do Lemos no seu primeiro ano de existencia
Un feito histórico ben lembrado polas/os máis veteranas/os da vila foi a primeira –e polo de agora única- visita en partido oficial de liga a Monforte do RC Deportivo. O cadro coruñés só militou 1 temporada en Terceira en toda a súa historia, a 1974-75. Na anterior descendera desde Segunda División pero axiña voltaría a esta categoría ao quedar primeiro do grupo 1 da Terceira en dura loita co desaparecido cadro avilesino do Ensidesa. Pois ben, o cadro de Riazor visitou o vello campo do Luis Bodegas o 24 de novembro de 1974, e cun cheo a reverter nas dúas pequenas bancadas do recinto, o Deportivo rematou impoñéndose por 0-1 cun gol de penalti marcado por Rabadeira. Pero iso non estragou unha das máis memorábeis tardes da historia do fútbol monfortino, da que podemos ler aquí a súa crónica: https://www.rcdeportivo.es/noticia/el-deportivo-jugo-a-defender-el-golfallo-el-lemos-a-la-hora-de-rematar-a-puerta ,Nesa mesma temporada o Lemos chegou a xogar na daquela “catedral” do fútbol estatal, o vello e xa desaparecido San Mamés, para enfrontarse ao filial do cadro bilbaíno, o Bilbao Athletic.

Actualmente, o Lemos milita no grupo 3º da Primeira Galicia mentres lembra tempos mellores. Pero o primeiro paso para revivilos estase xa a dar posto que todo indica que rematará a temporada actual acadando o ascenso a Preferente, e polo tanto, a un só chanzo de distancia desa Terceira División que tan boas tardes de fútbol deu na capital do Val de Lemos.

Pero Monforte tamén coñeceu outros equipos con historia senlleira. Un ano antes ca o propio Lemos, 1923, nacía o equipo representativo dun dos barrios con máis historia da vila do Cabe: o barrio de Carude, do que as súas e os seus habitantes aínda seguen a exercer un forte sentimento de pertenza ao mesmo. Este equipo era o Arenas Club, e dicimos “era” con toda a tristura, porque hai só catro anos escasos, en 2015, a crise económica puxo fin á existencia do club gualdinegro e a 92 anos de historia futbolística monfortina fortemente vencellada a un barrio.

E como non, hai que falar do equipo histórico por excelencia da canteira monfortina: o Calasancio, vencellado desde sempre ao Colexio dos Padres Escolapios. Fundado en 1960, o seu equipo xuvenil chegou a militar en varias ocasións na máxima categoría estatal deste tramo de idade, chegando a visitar as instalacións do campo do Colexio en máis dunha ocasión equipos como o Real Madrid, Celta ou Deportivo entre outros. Recentemente chegou a ter un equipo sénior, pero a aventura foi fugaz. Na actualidade segue a exercer un exemplar labor de canteira, aínda que nos últimos anos saíulle un “competidor”: o Club de Fútbol Monforte, centrado tamén no traballo de formar futuros futbolistas.

Por último, non podemos esquecer o único equipo feminino co que até o de agora contou a vila monfortina: a AD Monte Forte, fundada en 2011 e que logo de chegar a xogar na máxima categoría galega, a Primeira División autonómica, acabou desaparecendo en 2016 por problemas varios, sen que até o de agora se albisque a curto prazo a posibilidade de volver contar cun equipo de fútbol feminino en Monforte. E mentres iso non aconteza, o fútbol da vila do Cabe seguirá coxo dunha pata fundamental: a da igualdade.


Ramón Latas
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

Alí vén teu pai!


Uns equipos, unha simpática anécdota de época, e unha chea de sentimentos duns clubes e unha cidade, Monforte de Lemos, que viviron o fútbol coma poucos, cando este deporte era nos pobos da provincia das poucas diversións que había, pero tamén dos elementos que reforzaban identidades e cohesionaban o sentimento de pertenza ao chan decote pisado.

A frase que encabeza este feixe de lembranzas ben podería ser a que remataba aquel chiste vello que se contaba na miña época adolescente, e que comezaba coa pregunta “Como se di en árabe ‘Apaga o pitillo’?”. Pero neste caso, a frase en cuestión chegou ser case mítica nos adestramentos do equipo xuvenil do Club Lemos aló polo final dos anos 40, cando meu pai era porteiro “clandestino” no plantel do cadro canteirán do mítico club lemista.

Outros tempos, outras épocas e outras mentalidades, das que non podía zafarse mesmo o propio deporte. O meu avó paterno fora carabineiro antes do golpe de estado perpetrado en 1936, e ao rematar a contenda que gañaron os golpistas, alén da salvaxe represión exercida posteriormente, o corpo de carabineiros foi eliminado e moitos dos seus integrantes, por suposto afíns ao novo réxime ditatorial –entre os que se atopaba o meu avó, como a maioría dos católicos-apostólicos-practicantes da época- foron reciclados pasando a formar parte da garda civil. Polo que me contan del –porque a min pouco tempo me deu de coñecelo xa que morreu ao mes e medio de eu xurdir por este mundo-, a súa condición de militar marcábao as 24 horas do día, aínda que tamén era un “cabaleiro dos de antes”. Pero naqueles tempos, ter un pai militar supuña de facto ser “menor de idade” toda a túa vida: a súa vontade era sagrada mesmo que viñeses de cumprir os 40 anos –e xa non digamos para as fillas, nunha época na que as mulleres tiñan que ser submisas a todos e a todo-.

A cuestión é que, nunca cheguei a saber por que, meu avó paterno nunca quixo que o seu fillo Moncho –á sazón meu pai- xogase ao fútbol. E algo debía de cheirar o home para tal oposición, porque meu proxenitor, que xogaba de porteiro, remataría esmagando a clavícula nunha lesión que remataría por afastalo definitivamente da práctica futbolística. Pero até que chegou ese momento, Moncho seguía adestrando co cadro xuvenil do Lemos e con algún outro dos que comezaban a xurdir polos barrios monfortinos. Mesmo hai constancia fotográfica de que chegou a militar nun equipo dun dos barrios máis históricos de Monforte, o dos Abeledos. Iso si, todo isto, por suposto, “clandestinamente”.

Deste xeito, entre os compañeiros de equipo artellábase algo á maneira dun “retén de vixiancia”. Como é doado de supor, daquela a grande maioría dos campos de fútbol eran moi rudimentarios e sen muros nin valados, coa excepción do mítico Luis Bodegas que si, tiña bancadas polas bandas pero tampouco nada do outro mundo. O conto é que calquera que pasase a carón dos terreos podía ver perfectamente aos equipos adestrando ou xogando –de feito, era un dos xeitos de pasar o rato nunha época moi limitada de opcións de ocio-, e obviamente, tamén viceversa: os futbolistas podían albiscar a quen pasaba por diante.

Os compañeiros de Moncho sabían perfectamente da prohibición de don Román, seu pai, de que o seu fillo xogase ao fútbol. Por iso sempre había alguén ao axexo de quen podía pasar polos arredores do campo de adestramento, mesmo nunha posición que permitise albiscar a varios metros de distancia. E cando a inconfundíbel silueta de don Román xurdía no horizonte, a voz de alarma soaba con tanta contundencia coma prudencia:

Latas, alí vén teu pai!!”

Iso significaba que Moncho Latas debía bulir de contado do adestramento (ou mesmo do partido) se non quería apandar coas severas consecuencias. Porque daquela, un militar gañábase o respecto non xa polo uniforme e o rango –que non era pouco-, senón tamén pola súa capacidade de impór orde e disciplina en calquera eido da súa vida cotiá, familia incluída. Pero como xa relataba antes, unha malfadada rotura de clavícula rematou coa clandestina carreira futbolística do meu pai –descoñezo cal foi a reacción de don Román ao se enterar do feito, pero seica meu pai aínda puido dar grazas de que a súa outra clavícula non rematase por equipararse coa mancada a consecuencia do ataque de carraxe que se apoderou do pai do meu pai-. En calquera caso, ese berro, ese sinal de alarma claro e diáfano pasou por dereito propio a formar parte da memoria colectiva de quen participou desa paixón que foi o fútbol en Monforte nas primeiras décadas do pasado século.


Ramón Latas
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)


8/3/19

Recordos do F. C. Bonxe


Chove na Terra Chá un domingo calquera, tempada 86/87, dóeme o estómago cos nervios: xogamos á tarde, o campo coa auga que leva días caendo estará impracticable como durante case todo o longo inverno lucense.
O rival é o Aguiar, aínda que podería ser calquera outro das parroquias veciñas, en case todas había equipo naquelas datas (Silvarrei, Sobrada, Matela, Illán). Pero non, era o Aguiar, o derbi por excelencia daquela.
Eu xogaba no Fútbol Club Bonxe, dos máis antigos da zona, composto pola xente do pobo, agás dous ou tres xogadores "foráneos" que eran da casa, parte do equipo dende sempre. Todos veciños, amigos da infancia, de ir xuntos á escola unitaria de Bonxe. A nosa paixón polo fútbol e polo equipo da parroquia viña da unión que xa tiñan os antigos xogadores, xa que en moitos casos eran irmáns, primos e veciños que defenderan esa camisola con moito orgullo. Eu mesmo coincidín co meu irmán e co meu sobriño xogando xuntos.
E, coma se foramos un club grande, os máis novos, tiñamos a ilusión de xogar nel, como os xuvenís do Celta ou do Dépor. A afección herdábase, e considerábase unha traición cambiar o equipo azul celeste por outro para medrar en oportunidades.
Lembro as semanas esperando ese domingo futboleiro para enfrontarnos contra rivais da zona, que o eran só durante o partido xa que en realidade no fútbol fas máis amistades que inimigos (en todas as categorías).
A nosa afección era a mellor da zona, xente de todas as idades, vellos, novos, apoiándonos. Iso tamén se debía a que eramos todos da casa. Recordo casos de quen viña de caza, coma o Eliseo do Gómez, coa escopeta ao lombo: hoxe iso sería impensable.
Pola miña idade comecei xogando en campos que eran verdadeiros lameiros, sen vestuarios, sen duchas e acabei xogando en campos con outro tipo de comodidades (ata tiñan auga quente), xa en ligas federadas, pero non era o mesmo.
Nós, naquela época, xa tiñamos patrocinador, debíamos ser os únicos, grazas a que Luís Lombao, alma mater daquel conxunto correoso estilo Bilbao, atopara en Suso de Confecciones Yute os cartos para ter unha equipación nova. Financiar un equipo afeccionado é moito máis difícil do que a xente de fóra do fútbol cre, supón un esforzo enorme, o mesmo que para min escribir este relato.
Agora, moitos anos despois, vexo con envexa partidos que me levan ao tempo da mocidade porque neles vese á xente arroupando enfervorizada ao seu equipo, como cando vou ver algún do Taboada á Medela, co meu cuñado e os seus, sobre todo se son encontros de rivalidade histórica, coma contra o Monterroso, o Lemos ou o Chantada.
A ilusión segue estando presente en ligas non profesionais nuns sitios máis que noutros. Pero se unha liga me chama a atención como se non tivese pasado o tempo, esa é a Liga da Costa (Costa da Morte), onde se mantén a rivalidade do fútbol de antes, e recórdame as ligas que había na Terra Chá (Liga do Inverno, Liga Centro, Liga da Terra Chá).
Resumindo, recordo aqueles anos coma se fosen onte, dende a nostalxia, xa que o pasabamos coma nenos!
Anxo Cobas
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

1992, setembro

Non era a primeira vez que me pasaba aquilo, e a verdade é que ningunha das veces que me pasara cheguei a entender moi ben o motivo, e é que os nenos nunca me deron unha razón para que non puidese xogar con eles ao fútbol; pensándoo ben, en realidade si: "as nenas non saben xogar ao fútbol!" ese sempre era o motivo. Cada vez que me dicían iso, eu enfadábame e contestáballes que era mentira, como que non sei xogar? Eu xogaba ao fútbol co meu pai! cada día despois de saír do colexio, esperaba a que o meu pai saíse de traballar, e levábao case a rastras ao prado do noso veciño para que xogase comigo (non era a primeirwa vez que don Xosé se enfadaba con nos por deixarlle o campo chego de terróns de terra levantados, con frecuencia dáballe ao chan en vez de pegarlle á pelota...). Despois de tanta práctica, e de ver cada domingo xogar ao equipo do meu pai, eu si que sabía xogar, e atrévome a dicir... que bastante mellor que algúns nenos.
Ainda que eu estaba convencida que o que me dicían era mentira, non podía evitar sentirme mal cando me rechazaban para xogar con eles, poñendo sempre a mesma excusa de que como son unha nena, non sei xogar. E eu choraba moito por sentir constantemente que non me querían con eles. Aquela vez non foi distinto. Atopábame sentada ó pe do tiro na cociña cando chegou o meu pai:
- Sonia... que che pasa?
- Nada papá... pero estou un pouco cansa, mandáronnos tarefas no colexo- díxenlle coa cabeza gacha
- E logo, non vas vir hoxe comigo ata o prado do Xosé?- preguntou sentándose canda a min no banco de madeira
- Hoxe non teño moitas ganas- cointesteille apoiándome no seu ombreiro.
- Volvéronse meter contigo no colexo?
Non lle contestei, só enterrei a cara no oco do seu pescozo e comecei a chorar. Non só me dicían que non podía xogar con eles, tamén me decían que era unha "marimacho" por que me gustaba o fútbol, que sentido ten eso? A caso era menos nena porque me gustase un deporte?
- Sonia, ben sabes como fan, porque lles fas caso? Non din máis que trapalladas.
- Papá, en canto escoitan o meu nome xa din que son demasiados para xogar, e se me ven xogando soa comezan a rirse de min-
O meu pai deume un sorriso virado mentras negaba coa cabeza, e pasándome un brazo polos ombreiros díxome:
- Prométoche filla, que un día, todos se van rifar por ter a Sonia Bermúdez na súa equipa.

María Varela
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)


A Medela, imaxe de María Varela


7/3/19

O que non está no dicionario

Fútbol:
substantivo masculino

Deporte no que participan dous equipos de once xogadores cada un, que deben, sen valerse das mans e dos brazos, e utilizando especialmente os pés e a cabeza, introducir un balón na portaría contraria, salvando a oposición do outro equipo. Hoxe retransmiten pola televisión un partido de fútbol.
E aí che vai. Esta é a única definición recollida na RAG.
Non é que esperara unha fervenza de acepcións, a verdade. Pero algunha referencia a todo o que rodea este deporte, igual non estaría de máis. Ata o exemplo é reducionista.

Se o penso ben, todos os meus recordos en relación co fútbol beirean esa definición estrita.
Primeiro, sendo pequeneira, ver os partidos que se xogaban no campo de fútbol de Rábade, dende as ventás da casa dos meus avós en Cantalarrana, a penúltima da rúa, xusto a anterior á da Tonalera. Entón, descoñecedora do sentido daquel baile escénico, do que era testemuña dende aquel espazo privilexiado, só a mecánica do movemento, sempre cara a unha das porterías co obxectivo de superar ao porteiro e marcar un gol, era clara para min. A algazara constante dos asistentes -bracexando e berrando sen frecuencia fixa pero con grande intensidade, tamén contribuía ao meu desconcerto interpretativo do fenómeno, supoño.

Non se parecía moito aquilo ao que xogábamos ás veces a rapazada na miña infancia: sen xeito nen concerto, con ou sen porterías, en número variable entre dous e seis ou sete, na mesma rúa, pola que o paso dos vehículos era verdadeiramente anecdótico, e en moitas outras localizacións rurais e semiurbanas -prados sobre todo, pero tamén descampados (coma o antigo Anxo Carro, enfronte do colexio onde estudaba).

Por outra parte, no ámbito do fogar, percibía o interese paterno polas peripecias do Athlétic de Bilbao en distintas competicións e a insólita -para a época- afición futbolística de miña mai, neste caso polo Real Madrid, que mantivo tal cal ata hoxe. Eran dous casos bastante atípicos, a verdade.

Aínda nesa nenez inesquecible, lembro as xoguetas nas festas e a celebrada obriga pola tardiña, de ir ver o partido solteiros contra casados (Silvarrei, Saavedra, Meilán) ou algún outro enfrontamento máis ou menos amigable que tiña por protagonistas, por unha banda, aos mozos da parroquia festexada, e por outra, un equipo doutra parroquia rival.

Logo, xa moceando co Ánxel, ir ver o Bonxe, era moitas veces, a escusa para saír os domingos pola tarde, e mesmo para saír cedo de mañá e ir á feira máis próxima ao campo contrario, cando non se xogaba na casa. E ata no caso contrario, recordo termos chegado directos da Feira do Viño de Chantada case todo o equipo (e boa parte da afección) para xogar o partido de liga correspondente.

Antigo campo de fútbol de Bonxe, ao fin seco. EVA TEIXEIRO

Pero formar parte do público asistente aos partidos tamén foi a oportunidade de tratar con outras afeccionadas, mozas ou mulleres dos xogadores, irmás, nais, veciñas... O mundo das mulleres no fútbol base galego daquela estaba nos lindes do céspede, na ollada máis ou menos atenta de cada unha, na conversa que debullaba as propias vidas enleadas coas dos xogadores, no pasar frío -ata o extremo de acender algún lume nun campo no medio dunha nevarada-, estar á auga, desexar que remate canto antes o encontro para ir "ao quente": tomar algo no local máis próximo. E, xa alí, comentar polo miúdo o encontro, poñer en común cos homes o que ocorrera dentro e fóra do campo de xogo, atender aos resultados dos rivais directos na xornada e, por suposto, enfiar xa o conto cara ao vindeiro partido.
Máis aló do trato coas "da casa", tiña relacións con seareiras de equipos rivais, veciñas da contorna xeográfica moitas das veces, coñecidas de vista, compañeiras de traballo ou estudos unhas, de saídas nocturnas outras... mulleres que igual desexaron tamén ser elas as protagonistas do partido, as xogadoras que pelexaban cada balón, as porteiras, dianteiras, libres, medio centros, árbitras...

E sempre, as pequenas grandes cousas que sinalaban a importancia do fútbol nas nosas vidas: un anuncio no xornal de mediados de outubro de 2000 -"Mariluz cambia de equipo"-, o día que casaba cun xogador e membro da directiva do Taboada, Canti. Sei que houbo unha chanza semellante na pancarta que a el lle puxeron á saída da súa localidade nesa mesma data. Daquela todo se medía en termos futbolísticos: as relacións, os tempos, as vidas.

Anos despois, cando as lesións do meu compañeiro o levaron cara a outras actividades deportivas, fun perdendo o interese polo fútbol (polos partidos televisados nunca o tivera), pero aínda manteño boísimos recordos de tardes de fin de semana no Eliseo da Milagrosa seguindo a xornada na compaña de memorables futboleiros; tamén da asistencia a un Celta de Vigo – Real Madrid como acompañante entusiasta, ou a algún partido do Lugo, cando peta menos o aire e fai bo. Máis recentemente, lembro algunha viaxe para arroupalo fóra (o que no meu caso viña sendo máis por afán turístico que futbolístico) na que o pasamos de medo coa xente da peña Lugoslavia.

En fin, o fútbol era tamén o xeito de socializar, de festexar, de mocear, de divertirse ao aire libre, de atopar un traballo, de mudar de pensamento, de pasalo ben e de sufrir individual e colectivamente.

En todos estes fíos da memoria vese ben que o fútbol en si mesmo, era -é aínda ás veces, segundo a categoría- case o de menos. O verdadeiramente importante era o que se xeraba ao seu redor: a festa, o grupo, a xeira compartida nos preparativos e na celebración posterior tanto da victoria coma da derrota (algo máis modesta no segundo caso, e non sempre).

Pero todo isto non colle na definición estrita de ningún deporte.

Que dicir do futbolín, outro eixo fundamental da cultura popular galega contemporánea, termo que a RAG nin sequera recoñece. Vaiche boa.

Eva Teixeiro
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

6/3/19

Un máis

Nove da mañá dun domingo. Un máis. A diferenza dos seus amigos, érguese cedo. O sábado á noite non foi de festa. Tomou unhas cervexas sen alcohol coa súa panda pero retirouse pronto. A durmir cando o reloxo marcaba a unha. Unha ducha rápida, un café e unhas tostadas con pavo. A cabeza, no partido de fútbol das doce. Un máis. Pensa no campo e en se resistira ben o inverno galego, pensa no seu equipo e mándalles un whatsapp por se algún quedou pegado ás sabas, pensa nas características dos que xogarán o partido, quen adoita tirarse, quen ten peor carácter ou quen leva o peso do equipo. A súa familia olla cara el e pensa: aí vai outra vez este tolo. Un máis.
Envolto nestes pensamentos, colle o coche. Vai buscar a dous compañeiros e encaran media hora de viaxe cara o lugar de xogo. Un máis. No traxecto, vai dando instrucións e animando aos que o acompañan. É o seu papel coma líder do equipo. O partido centra todo o seu día. Un máis. Chegan ao campo. Axiña toca cambiarse. A adrenalina comeza a sentirse nos músculos. Saen a quentar. Xogan de visitantes. Os poucos que na grada están non os reciben con amor precisamente. Eles xa nin escoitan. Só pensan no son que marcará o inicio do encontro. Un máis. Comproban o céspede. Ollan con cautela cara os rivais. Todo listo para outro rato de fútbol. Un máis. A súa paixón. Para os non profesionais, isto é unha vocación. Os poucos cartos que xuntan son para botas, desprazamento e pouco máis. Non compensa pero o virus do deporte dos once contra once pode con todo.
E por fin, o noso protagonista está listo para o partido. Asinte mirando aos seus colegas. Eles tamén están preparados. Os 22 sobre o terreo. A pelota no centro do campo. O público expectante. O noso home colle aire e o solta con forza asubiando que comece o duelo. Un máis. Non perde ollo dos dous equipos nin dos seus asistentes. E de fondo insultos faga o que faga. Pero ama o que fai. Fala con uns e outros. Toma decisións. Non celebra os goles. Non golpea co exterior. Non remata de cabeza. Non atalla disparos. Pero el tamén é fútbol. De feito, sen el, non habería partido. Non o esquezan. É moi novo. Estuda e traballa durante cinco días por semana. Sábado e domingo dirixe media ducia de partidos cos seus asistentes. O seu soño, ir subindo categorías. Poucos entenden que elixira ser árbitro. Poucos teñen en conta o seu labor. Poucos lle agradecen o que fai. Fagámolo nós dende estas liñas. Reflexionamos máis aló de lerias de bar e de VAR. Cando xoguemos ou vexamos un partido, respectemos a todos. Demos grazas a todos. Todos aman o fútbol e o fútbol necesita de todos. E o árbitro é soamente, un máis.

Álvaro Lorenzo
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

O fútbol da maioría


Hai un fútbol mediático, que nos inunda polos ollos e os oídos dende todos os medios posibles, que move millóns de euros e milleiros de persoas. Pero ese é o fútbol duns poucos. A maioría dos que seguimos o fútbol non empezamos por aí. Uns poucos sí, engancháronse polos partidos televisados, polos videoxogos, por todo o mercantileo que move o fútbol profesional, pero fagamos memoria. Repasemos como chegaron a isto do fútbol os nosos amigos, familiares, coñecidos. Case ningún seguiu ese camiño.

O fútbol para a maioría da xente nace noutro lugar, moito máis próximo. O neno que xoga no colexio porque se quere apuntar a algunha actividade cos seus amigos. A nai ou o pai que se afecciona por levar á súa filla aos adestramentos e os partidos. A xente que quere quedar os fins de semana cos seus colegas e facer deporte. E o fútbol afeccionado. Nese fútbol de rexional, de categoría provincial é onde realmente están a maioría de afeccionados, e máis en Galicia.

Lembro fai anos que adoitaba frecuentar a grada dun 2ª rexional. Un amigo xogaba nel e, aínda que o partido non fose brillante, valía a pena estar un par de horas na grada, pasando frío, pero sorrindo coas anécdotas que se contaban antes, durante e despois do partido. Nesas gradas nunca había máis dunhas decenas de persoas, pero moitas decenas xuntas fan milleiros e os seguidores do fútbol desas categorías, todos xuntos, son maioría. Non hai equipo profesional que reúna máis fieis que os que se moven por eses campos, porque aí é onde se forxa a fidelidade a un deporte que, para esas xentes, é máis que un xogo. Representa horas de convivencia coas amizades, unha escusa para pasar máis tempo coa familia, horas de conversa no traballo ou en casa (máis ata das que dura o propio xogo) e recordos agradables que quedan na memoria, aos que se intenta volver cada vez que se pisa un campo ou unha grada.

No meu caso, toda a xente que coñezo chegou ao fútbol dende eses campos ou dende os seus equipos de amigos. O resto, seguir a un equipo, facerse socio, aboarse a unha canle de televisión... chegaría despois. Así que non se preocupen aqueles que temen que o fútbol moderno acabe con todo isto, porque a maioría estamos nas gradas dos campos porque viñemos desde esa base e por moito que cambien os tempos, o mal chamado fútbol de elite non poderá nunca substituír a esa sensación de alegría que che queda logo de pasar unha tarde nun campo perdido cun puñado de amigos.

Javi Folgueira (Lugoslavia)
(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)