Chove
na Terra Chá un domingo calquera, tempada 86/87, dóeme o estómago
cos nervios: xogamos á tarde, o campo coa auga que leva días caendo
estará impracticable como durante case todo o longo inverno lucense.
O
rival é o Aguiar, aínda que podería ser calquera outro das
parroquias veciñas, en case todas había equipo naquelas datas
(Silvarrei, Sobrada, Matela, Illán). Pero non, era o Aguiar, o derbi
por excelencia daquela.
Eu
xogaba no Fútbol Club Bonxe, dos máis antigos da zona,
composto pola xente do pobo, agás dous ou tres xogadores "foráneos"
que eran da casa, parte do equipo dende sempre. Todos veciños,
amigos da infancia, de ir xuntos á escola unitaria de Bonxe. A nosa
paixón polo fútbol e polo equipo da parroquia viña da unión que
xa tiñan os antigos xogadores, xa que en moitos casos eran irmáns,
primos e veciños que defenderan esa camisola con moito orgullo. Eu
mesmo coincidín co meu irmán e co meu sobriño xogando xuntos.
E,
coma se foramos un club grande, os máis novos, tiñamos a ilusión
de xogar nel, como os xuvenís do Celta ou do Dépor. A afección
herdábase, e considerábase unha traición
cambiar o equipo azul celeste por outro para medrar en oportunidades.
Lembro
as semanas esperando ese domingo futboleiro para enfrontarnos contra
rivais da zona, que o eran só durante o partido xa que en realidade
no fútbol fas máis amistades que inimigos (en todas as categorías).
A
nosa afección era a mellor da zona, xente de todas as idades,
vellos, novos, apoiándonos. Iso tamén se debía a que eramos todos
da casa. Recordo casos de quen viña de caza, coma o Eliseo do Gómez,
coa escopeta ao lombo: hoxe iso sería impensable.
Pola
miña idade comecei xogando en campos que eran verdadeiros lameiros,
sen vestuarios, sen duchas e acabei xogando en campos con outro tipo
de comodidades (ata tiñan auga quente), xa en ligas federadas, pero
non era o mesmo.
Nós,
naquela época, xa tiñamos patrocinador, debíamos ser os únicos,
grazas a que Luís Lombao, alma mater daquel conxunto correoso
estilo Bilbao, atopara en Suso de Confecciones Yute os cartos para
ter unha equipación nova. Financiar un equipo afeccionado é moito
máis difícil do que a xente de fóra do fútbol cre, supón un
esforzo enorme, o mesmo que para min escribir este relato.
Agora, moitos anos despois,
vexo con envexa partidos que me levan ao tempo da mocidade porque
neles vese á xente arroupando enfervorizada ao seu equipo, como
cando vou ver algún do Taboada á Medela, co meu cuñado e os seus,
sobre todo se son encontros de rivalidade histórica, coma contra o
Monterroso, o Lemos ou o Chantada.
A ilusión segue estando
presente en ligas non profesionais nuns sitios máis que noutros.
Pero se unha liga me chama a atención como se non tivese pasado o
tempo, esa é a Liga da Costa (Costa da Morte), onde se mantén a
rivalidade do fútbol de antes, e recórdame as ligas que había na
Terra Chá (Liga do Inverno, Liga Centro, Liga da Terra Chá).
Resumindo,
recordo aqueles anos coma se fosen onte, dende a nostalxia, xa que o
pasabamos coma nenos!
Anxo Cobas
No hay comentarios:
Publicar un comentario