Hai
un fútbol mediático, que nos inunda polos ollos e os oídos dende
todos os medios posibles, que move millóns de euros e milleiros de
persoas. Pero ese é o fútbol duns poucos. A maioría dos que
seguimos o fútbol non empezamos por aí. Uns poucos sí,
engancháronse polos partidos televisados, polos videoxogos, por todo
o mercantileo que move o fútbol profesional, pero fagamos memoria.
Repasemos como chegaron a isto do fútbol os nosos amigos,
familiares, coñecidos. Case ningún seguiu ese camiño.
O fútbol para a maioría
da xente nace noutro lugar, moito máis próximo. O neno que xoga no
colexio porque se quere apuntar a algunha actividade cos seus amigos.
A nai ou o pai que se afecciona por levar á súa filla aos
adestramentos e os partidos. A xente que quere quedar os fins de
semana cos seus colegas e facer deporte. E o fútbol afeccionado.
Nese fútbol de rexional, de categoría provincial é onde realmente
están a maioría de afeccionados, e máis en Galicia.
Lembro fai anos que
adoitaba frecuentar a grada dun 2ª rexional. Un amigo xogaba nel e,
aínda que o partido non fose brillante, valía a pena estar un par
de horas na grada, pasando frío, pero sorrindo coas anécdotas que
se contaban antes, durante e despois do partido. Nesas gradas nunca
había máis dunhas decenas de persoas, pero moitas decenas xuntas
fan milleiros e os seguidores do fútbol desas categorías, todos
xuntos, son maioría. Non hai equipo profesional que reúna máis
fieis que os que se moven por eses campos, porque aí é onde se
forxa a fidelidade a un deporte que, para esas xentes, é máis que
un xogo. Representa horas de convivencia coas amizades, unha escusa
para pasar máis tempo coa familia, horas de conversa no traballo ou
en casa (máis ata das que dura o propio xogo) e recordos agradables
que quedan na memoria, aos que se intenta volver cada vez que se pisa
un campo ou unha grada.
No meu caso, toda a xente
que coñezo chegou ao fútbol dende eses campos ou dende os seus
equipos de amigos. O resto, seguir a un equipo, facerse socio,
aboarse a unha canle de televisión... chegaría despois. Así que
non se preocupen aqueles que temen que o fútbol moderno acabe con
todo isto, porque a maioría estamos nas gradas dos campos porque
viñemos desde esa base e por moito que cambien os tempos, o mal
chamado fútbol de elite non poderá nunca substituír a esa
sensación de alegría que che queda logo de pasar unha tarde nun
campo perdido cun puñado de amigos.
Javi Folgueira (Lugoslavia)
No hay comentarios:
Publicar un comentario