Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

26/2/18

Cando ti non esteas


         Cando ti non esteas probablemente escoite "In this shirt" unha e outra vez e me escorran as bágoas a fío entre os sucos dos miolos. Diríasme un día que con ninguén te entenderías igual nin dentro nin fóra do campo, nin dous amantes terían tal entendemento para que con leves miradas trazaran liñas de pase e con ausencia visual, a intuición dunha internada mortal de necesidade. Por iso é verdade que con esta camiseta podería sentir a túa presenza un anaco máis. E lembrarei que "well i wonder" de Meat is murder dos Smith foi a primeira canción que xuntos tarareamos daquel primeiro de cantos álbumes teremos intercambiado. Non é casual tampouco que sexa a portada daquel disco esa imaxe que se me ven: dous soldados atiburrados de chaquetas metálicas baixo a incesante choiva, coa ameaza de Damocles, co enemigo enfronte, compañeiros de armas guns for hands, co rival por batir. E vóltame á cabeza a xogada, pásasma no medio, douche continuidade co calcañar e non a pensas, dende corenta e cinco metros deixándoa correr un palmo golpéala co exterior da zurda, a que menos usabas pero que xenio tiña. Eu quédome atrás e podo ver a traxectoria que describe o balón, unha parábola sen igual que parece que se vai fóra dous ou tres metros e vai cerrándose, cerrándose, cada vez máis a cámara lenta pra entrar por toda a escadra co porteiro voando pra non dar chegado.
         Cando ti non esteas custará chegar ao fin dos días, non todos temos a tua visión do xogo, nin podemos ser sempre boas persoas. Cando che fixeron aquela durísima entrada onde libraches o xeonllo de miragre e te levantas -Pero como me entras así cona, que me podes facer moito dano carallo- nun ton e co teu sorriso devastador que impón tanto que che acaba implorando o perdón máis arrepentido que puiden presenciar nunca.

      Cando ti non esteas faranse moi costa arriba as carreiras porque non teremos o teu alento e aínda que sabemos que temos que chegar ao final ímonos perder no monte do olvido. Eses montes que tan ben coñecías, que tanto te facían disfrutar, ese río que vai dar ao mar que tantas veces adoitabas cruzar. Se cabe de noite nadar, coa lua, chea de que, alí toda pendurada. Haberá días que non darei un paso máis e non intentarei dubidar da túa ausencia, imitando un dos teus regates secos que te deixaban sentado, sen capacidade de reposta.
        Sempre fuche un alien divino neno, e así ten que seguir sendo aínda que ti non esteas.


(publicado por Canti orixinalmente en Entreno diario)

No hay comentarios:

Publicar un comentario