Quen é quen?

Quen é quen? Breve reseña biográfica das persoas colaboradoras deste blog


(homenaxe)

O 29 de xuño de 2019, en Burela, no campo da Marosa tivo lugar o I All Star Futbolinlugo. Nesta festa do fútbol lucense, con distintas actividades conmemorativas -entre elas un partido feminino e outro masculino, con combinados de xogadoras e xogadores da provincia-, tamén houbo tempo para rendir homenaxe a Canti.

7/2/20

Iso ímolo cambiar nós


- Gústache o fútbol? -a voz da Saínza sácaa dos seus pensamentos escuros de deserción.
- Que? -a que lle faltaba agora.
- Que se che gusta o fútbol. Ou o baloncesto. Aurora encalle os ombreiros coma única resposta.
- A min si. Estou farta de que os nenos sempre ocupen o campo. Pero en que século vivimos? As nenas tamén podemos xogar ao fútbol. Eu vou esixir que me deixen xogar. Vés? As outras non queren porque non saben e dálles medo.
Saínza bota unha gargallada. Aurora non contesta nada e volve encoller os ombreiros. Saínza déixaa onde está e diríxese ao campo con esa enerxía incontrolable.
- Ei, vós! -bérralles aos rapaces, e está claro que non vai parar ata que o consiga. Saínza anda sempre rodeada de nenas e nenos por igual. Provócalles confusión, é evidente. Ela, Aurora, é unha chapona de libro, nunca mellor dito. Estuda e non se relaciona con ninguén. Saca sempre de oito para arriba e o resto semella non interesarlle nada. Mais Saínza non é así. As súas cualiflcacións son de chapona pero o seu carácter non. Está sempre metida en falcatruadas, corre e compite cos rapaces cando e como quere. Téñenlle respecto. Aínda así, de aí a que a deixen xogar ao fútbol hai un pedazo. Aurora observa a acalorada discusión entre a Saínza e o grupo de nenos, maiores algúns, que ocupan a pista de fútbol. Non sabe do que falan pero está claro que Saínza está levando as de perder. Por iso semella desistir. Mais Aurora non o ere. Retírase. Aurora obsérvaa avanzar ata o bordo do campo para deixar que o xogo comece de novo. Cando o balón está en xogo, simplemente entra no campo e, coma un lóstrego, rouba a pelota a quen a ten, esquiva a todo o que se lle pon por diante e avanza. Ten os pés áxiles e corre trinta veces máis ca eles. Cando se dá conta ten os dous equipos detrás dela pero non lle dan a correr nin moito menos lle dan quitado o balón por moitas entradas bestas que lle fagan. Saínza vai concentrada pero rindo de todos eles, paseándose campo arriba e abaixo ata que se detén en medio campo e xuta un fungueirolo que cruza a porta, que obviamente non ten rede, na dirección de Aurora.
A pista desbócase. Saínza berra cos nenos e os nenos con Saínza. Aurora pensa se lle van pegar ou que, pero cando colle o balón e se achega para entregadlo de novo (o gusto do tacto nas mans, o coiro vello que lle recorda xogar ao fútbol co seu pai porque en L'Hospitalet tampouco lles deixaban ás nenas xogar no colexio) decátase de que en realidade discuten por ver en que equipo vai xogar a Saínza.
- Escollo eu o meu equipo -dixera ela decidida, sempre segura de si, mais sen arrogancias.
Aurora ía deixar o balón no chan e volver ao seu punto de observación cando ve a Saínza sinalala.
- Ela vén comigo.
Os nenos, ante a dúbida das capacidades futbolísticas de Aurora, pero coa certeza das da Saínza, calan. Igual que cala Aurora. Non quere dicir nada nin sabe que facer pero a idea de xogar ao fútbol é máis poderosa ca a rabia e a timidez. Cando se dá conta está correndo pola pista detrás do balón. Mágoa que o recreo sexa tan curto e que o timbre toque tan axiña.
Cando remata, Saínza achégase a ela e pásalle o brazo polos ombreiros, como fan os xogadores de fútbol ao saír do campo na tele.
-Ves que mundo? As mulleres sempre ternos que ser o dobre de boas para facer nada. Iso ímolo cambiar nós. Mañá dámoslle ao baloncesto?  

María Reimóndez, fragmento de As cousas que non queremos oír,
 2017, Xerais



12/1/20

O partido de fútbol do século


Vaise abrindo o pano á vez que se escoitan berros de ánimo e protesta cara o fondo do escenario. O ruído vai subindo de ton, e alcanza o seu punto álxido cando se escoita un forte pitido que sinala o fin da primeira parte do encontro. Coincidindo con este pitido remata de abrirse totalmente o pano. Durante uns intres seguen a escoitarse os berros. A luz enche, paseniño, o escenario, no que podemos distinguir tres partes diferenciadas nas que se representan uns vestiarios de fútbol baleiros: o do equipo Local; o dos Árbitros; e o dos Visitantes. Pouco a pouco, os berros lonxanos e indefinidos dos xiareiros de ámbolos clubs, van deixando paso os sons dos tacos de aluminio das botas de fútbol dos xogadores e as súas voces que se aproximan cara os vestiarios. Ao pouco, entre empuxóns lenes, e algún que outro rifi-rafe entre os contendentes e o trío arbitral, todos van entrando en escena ata completa-los seus respectivos vestiarios. Cada un deles vaise convertendo nun auténtico fervedoiro de conversas e emocións a flor de pel.

E S C E N A I

N O V E S T I A R I O L O C A L

-Os personaxes están de pé, collidos das mans, dándose ánimos e berrando: ¡este partido, ímolo gañar!

ADESTRADORA.- Dende logo que o imos gañar. Só temos que atacar un pouco máis e...
DIANTEIRO CENTRO.- -Protestando- Xa. Pero é que a min, non me chegan balóns e...
CAPITÁN.- ¡Ah! ¡Ao señor Dianteiro Centro non lle chegan balóns!
DIANTEIRO CENTRO.- Pois claro que non. Levo toda a primeira parte só, esperando a que mandedes un balón e...
CAPITÁN.- E, o señor, que quere, ¿que llo mandemos por Seur, ou por Transportes Tanoira?
DIANTEIRO CENTRO.- ¡¿Como?!
CAPITÁN.- Que é moi bonito estar agardando a que lle chegue o balón a un, para chutar e mete-lo gol.
DIANTEIRO CENTRO.- ¿Eh?
CAPITÁN.- Moi bonito, e moi sinxelo pero, ¿sabe o que di o meu avó?
DIANTEIRO CENTRO.- Non. ¿Que di o seu avó?
CAPITÁN.- Que, o que queira peixe... terá que molla-lo cu.
DIANTEIRO CENTRO.- -Ofendido- ¡Queres dicir con iso que eu non a rasco!
CAPITÁN.- -Irónico- Nooon. Só quero dicir, que tamén te poderías molestar en baixar á media a axudar un pouco, e recuperar algún balón.

-O Capitán e o Dianteiro Centro están a piques de chegares ás mans. Interponse a Adestradora.-

ADESTRADORA.- ¡Xooo, rapaces! Teñámola festa en paz. Nós somos do mesmo equipo, ¿lembrades? O Troáns Fútbol Club. O mellor equipo do concello de Cuntis. E ímolo demostrar no campo. Unidos.

Fernando González Graña (fragmento da obra homónima)



19/12/19

A Iker Casillas


Insuperable, máxico Casillas.
Para min o meirande entre os mellores.
Cheguen a ti, sentidos, meus loores.
Túas paradas, despexos... ¡marabillas!

Valentía e entrega, nobres fillas
son sempre na defensa das túas cores.
Familia e fútbol son os teus amores.
Bo en Madrid, en Porto ou nas Antillas!

Da estirpe dos Acuña e dos Zamora,
e tantos outros de inmortal memoria,
continuaralo sendo nesta hora

de euros e de dólares... Túa gloria
en Portugal e España, triunfadora
ha ser sempre, do fútbol na súa Historia.


Xoán Xosé Fernández Abella, Loanzas sentidas e outros poemas


8/11/19

O partido

Despois do asubío, Omar detívose. O balón pasou ao seu rente, batuxándolle as canelas, mais non foi por el. Arrodeado dos defensas contrarios, dirixiuse nun andar bacento á outra banda, cara ás bancadas. Restras de paraugas medraban ao abeiro do teito de formigón, inútil polo oblicuo da chuviñada. Máis abaixo, no centro, un buraco escuro e con aspecto húmido sinalaba a porta de entrada aos vestiarios.
Mentres avanzaba, Omar topaba con pozas de diversos tamaños, que reflectían o fulgor dos focos entre o tremedal. Decote pisábaas de cheo, sen se importar por se enchoupar e enlamar aínda máis. As botas atinxíranlle un feitío indeterminado. Figuraban unha masa de cor borrosa a se erguer ao ritmo das súas pernas esguías, como de libélula.
Ao se achegar aos vestiarios, os rapaces outrora dispersos íanse aconchegando en forma de funil. Malia a proximidade dos corpos fumegantes de suor, ao redor de Omar nada enturbaba o zunir da choiva e o zarrapicar das botas.
Enxergando á porta dos vestiarios o adestrador e os suplentes, abrigados e secos, case impolutos en comparación, Omar sentiu un orgullo case insultante. Despois dun novo intento de secar a face pasando a manga pola testa, cuspiu. A piques de acadar o abeiro, un dos seus petoulle no ombro e sinaloulle a bancada.
Axiña distinguiu a silueta envolta nun chubasqueiro por completo acugulado de auga. Aínda cuberto coa carapucha apertada a conciencia, distinguiu as bochechas coradas e os ollos vidrosos de seu pai. Case lle parecía cheirar o bafo de whisky barato que lle expelería o fuciño. Aproximouse azancando, coma con présa.
- Oes Omar, ven aquí. Tes que dicirlle ao adestrador que che saque agora, na segunda metade.
Tito Pérez, de Vinte fragmentos de mocidade feroz, 2016, Toxosoutos




13/10/19

O cantar dos gardametas


Permítanme que intente eu romper aquí unha lanza por Robert Green, o porteiro da selección inglesa de fútbol que tan clamorosamente fracasou cando pretendía deter o balón que un xogador do equipo dos USA mandara -con escaso perigo, iso é certo- contra a meta da que el reparaba e que supuxo un empate co que non contaban os entendidos que se viron na necesidade de abandonar a restra de tópicos na que estaban comodamente instalados e ir botar man da que teñen escrita na páxina do manual correspondente á sección “Isto é algo que eu tiña clarísimo aínda que non o quixera dicir en público” mentres aproveitaban para intercalar burlas, non sempre de bo gusto, e superficiais xogos de palabras a costa do apelido do futbolista.
Postos a procurar un culpable o máis doado é xogar a baza do porteiro. Os fallos de calquera dos outros dez quedan sempre algo disoltos no barullo do ir e vir do grupo mentres que o gardameta non ten, polo xeral, con quen os compartir e debe cargar el coa responsabilidade toda. Estoutro día os ingleses e mais os estadounidenses empataron a un gol no partido de fútbol que xogaron entre eles e todos os comentarios –ou case todos- acabaron, tarde ou cedo, por ir dar ao gol ianqui como se todos os demais, uns e outros, non tivesen a obriga de marcar máis goles que o rival e gañar así o encontro sen ter que agachar as súas responsabilidades por baixo da alfombra da “cantada” de Green, “cantada” que serviu tamén para que todo o mundo souberamos que hai pouco tempo este home rompera coa súa noiva e que, se cadra, esta cuestión sentimental sexa en certa medida a culpable dos frouxos resultados do “English Team”. Tamén se anda a dicir algo da influencia que no seu rendemento deportivo ten a actual relación amorosa de Iker Casillas. O clásico: “Cherchez la femme”. Pero a do gardarredes.
Un día no Chillida Leku o meu amigo Joaquín Forradellas comentábame, eu diría que máis en serio do que a primeira vista podía parecer: “Fíxate ben e dime se non se coñece que o artista xogara de porteiro na Real... Todo canto ocupa un lugar neste espacio verde está distribuído da maneira na que a un bo gardameta quere ver aos demais xogadores situados no campo”. E a min pareceume que si. E se cadra por iso agora penso que se o pasado día 12 os compañeiros de Robert Green estivesen no sitio no que, táctica e mesmo esteticamente, el desexaba naquel momento, outro sería o resultado.
Supoño que non é preciso que diga aquí que un servidor, na súa xa tan afastada mocidade, xogaba de porteiro.
P.S. Hoxe a selección española xoga contra a de Honduras e, gañen, perdan ou empaten, Casillas fai moi ben en estar namorado. E a selección portuguesa enfróntase á de Corea e, gañen, perdan ou empaten, será fermoso que ofrezan algo do seu esforzo á memoria do mestre José Saramago.

Paco Martín, publicado o 21-6-2010 na sección "Auga lizgaira" de El Progreso 

24/9/19

O planeta nun pé

Milleiros de quilómetros separan un indio amazónico co número 9 da camiseta de Ronaldo pintado no lombo duns tuareg que atravesan o Sáhara na busca dunha improvisada antena para sintonizar o Mundial de fútbol, e duns nómades mongois que procuran a sintonía precorrendo o deserto a cabalo e coa televisión ás costas. Milleiros de quilómetros os separan, pero o fútbol úneos nunha paixón común que leva a estes divertidos paradoxos da globalización que son o tema da película La gran final.
A paixón polo fútbol atravesa o planeta como unha descarga eléctrica. É algo universal. Persoas que se descoñecen xúntanse e abrázanse como se existise entre eles un afecto e unha camaradería antiga. A ilusión pola vitoria elimina calquera tipo de fronteira, calquera prexuízo. Só importa o que os une: a cor das camisetas do seu equipo. O que confirma unha afirmación que lin recentemente na prensa: “o fútbol demostra que as barreiras das culturas son franqueables por unha paixón tan intanxible como esas mesmas barreiras”.
O futbol, menosprezado ata hai pouco como os tebeos e as novelas de vaqueiros por ser de consumo popular e masivo, mereceu nos últimos anos un recoñecemento e unha revalorización que non precisaba. Os intelectuais, os facedores de teorías e literatura, os investigadores semióticos baixaron ao campo de xogo, achegáronse aos siareiros, aos xogadores e ao árbitro, acompañaron o futbol de cualificativos como épico, heroico, divino, e expandírono en substantivos como afervoamento, forza, idolatría e mesmo patria e bandeira. Tamén os directores de cine se achegan a el. E vaian como exemplo as tres últimas películas nas que se trata o tema: a devandita La Gran final, a mexicana El gol, e a hispano alemana Galatasaray-Depor, con magníficas interpretacións, segundo a crítica, de Luis Tosar e Miguel de Lira.
Do fútbol a min quédame o eco nostálxico dos locutores do Carrusel Deportivo, imaxino que como á maioría de vostedes. Non me producen o mesmo efecto agora as voces televisivas que invaden os patios coa retransmisión do Mundial de Alemaña. A nostalxia ten esas cousas, non se pode actualizar como un antivirus. E tampouco lle acabo de atopar ao fútbol ese encanto da maxia e das estratexias, nin esa metáfora que o relaciona coa mesma vida, cos seus claroescuros, coa maravilla de que cada partido, cada accidente que se converte en gol, sexa único, como únicos son os nosos propios accidentes.
Para os afeccionados o fútbol é épica, beleza, estratexia e diversión. A min merécenme o máis grande respecto, porque cada quen procucra agochos e espazos abertos para berrar a alegría ou calar a derrota. Eu observo ao meu pai sentado diante da tele cando hai partido. Véxoo emocionado, nervioso, inquedo cando lanzan un penalti contra o equipo dos seus amores, e teño a sensación de que o xogador na área de penalti non lle vai dar un chute a unha pelota, senón ao mesmo Planeta Terra. Así de grande chega a ser un balón cando está a piques de entrar nunha portería.
Anxos Sumai, texto emitido o 29/6/2006 no Diario Cultural da Radio Galega

6/9/19

Manín e Cobiñas


   [...] O partido, malia de ser amigable, prevíase a cara de can. Un equipo experimentado contra outro na Pedra Queimada, un campo onde o nordés e as mulleres decidían resultados. Acotío, o vento envolvía o coiro entre os seus refachos para imprimirlle unha velocidade endiañada en dirección imprevisible. As féminas da vila, cos seus cánticos e arengas, afectaban ao ánimo dos contendentes. Conviña ter a favor a ámbolosdous factores.
Os visitantes, de Fisterra, aliñaban entre os seus a Manín, dianteiro bregado en mil trifulcas na área e fóra dela. Cun aspecto de gladiador, así cabeceaba a gol como ao nariz do defensa. Os de Malpica, a Cobiñas, o mariñeiro do fútbol. Un lanzal centrocampista que agarimaba o coiro cos pés. Das botas deles xurdían as mellores xogadas, a eles ían as maiores loubanzas. Saudábanse protocolariamente no sorteo dos campos, mais tal diplomacia finxida remataba co pitido inicial.
Desde xuvenís, o pulo dos seareiros inculcóulles unha friaxiña que ía camiño de carraxe crónica. Se un turraba contra catro defensas o outro largáballe un tiro ao longueiro que estremecía Ara Solis, nomeada cancha fisterrá. Cando Cobiñas coleaba á pares e daba un pase de gol, Manín tiraba un punteirolo para que o directivo tivera que atar ao día seguinte o pano da portería. Non entendían de empates. Mais ambos sabían que non se podían ver desde antes de coincidir nun terreo de xogo. Compartiran estudos na Coruña. Dos pupitres na mesma aula á área hai menos que do punto do penalti á portería.
Aquela xornada inverniza o zolás era certamente froxo. De feito, falouse de suspender o partido por temor a que os fisterráns non deran chegado co autocar. Zoaba o ar que mesmo as bandeiras no frontispicio de Pedra Queimada podían rachar en farrapos nunha das axadas. Ameazaba galerna.
O que si deu chegado a duras penas foi o colexiado coruñés, Sr. San José. Un enxoito home que malia de que non acertara nas súas decisións arbitrais, ninguén ousaba criticalo.
- Árbitro, coño!!!- era o máximo que os seareiros tomaban como licenza. Mesmo cando algún se pasaba desde a banda recibía a ollada retadora do tal San José. Viña sempre acompañado dunha roga de xente morena que non entraba a ver o partido. Permanecían no aparcamento co radio cassete do milquinientos amarelo aceso escoitando aos Chunguitos. Cara A, cara B, cara A...
A algarabía dos seareiros ía ao compás das arrancadas, brincos, remaches e empurróns sobre as calvas do campo. Un caño tiña resposta cunha sachada por detrás. Bulía a pelota dun extremo a outro do rectángulo de lama. A paixón e a entrega dos vintedous xogadores era tal que San José chamou polos capitáns e fixo un aparte con eles:
- Aplaquen a los suyos o empiezo a repartir tantas tarjetas como Unicef -aclarou o de negro.
- Tranquilo colegiado- acougouno Cobíñas. En castelán, como procedía dirixirse a toda autoridade.
- Descuide, trencilla -engadíu Manín cun sotaque de sorna. Era mal do animal.
Bruaba o vento que paría no Atlántico a preamar e os pescos asediaban ao porteiro. Só cabía defenderse e agardar unha acometida do fisterrán Miculita procurando o desmarque de Manín. De feito, un saque de curruncho dos visitantes puxo en garda aos locais. Na tensa espera, había máis contactos na área que nos bailes das festas.
- Estate quieto bicocas ou levas unha lascada -dicíanse o que non constaba en acta.
- De quen? De ti, toina? -encarábase o dianteiro aludido.
San José, nun golpe de mando, quixo erradicar insultos e cobadazos:
- Señores, ¡bastó! -afirmou enérxico cunha man no peto dos cartóns.
O taxante do seu xesto impuso o silencio por uns intres, mais foi rachado polo berro irtio dunha muller desde a porta do recinto:
- Embarrancou un mercante na area de Seaia!!!! Hai xente en perigo, acudide!! -desgañitouse a alporizada veciña.
E así, á espreita do lanzamento de corner, esgazou o xogo. En saímos todos á carreira. Público e xogadores, semellando unha proba de cross, atravesamos leiras e hortas ata albiscar o barco escorado de estribor, afuciñado contras os penedos da costa. A toa treboaba con tronos e alustros. A postal desde a aba do monte de Beo arrepiaba. As amuras recibían as feras bategadas do mar querendo rachar pola metade o barco de pavillón chipriota. O casco rinchaba polo efecto da goldría e, desde a cuberta, brazos e gorxas clamaban auxilio nunha lingua allea.
- Voítheia, voítheia!!! -ecoaban entre o estrondo e os salsieiros.
A parella da Garda Civil chegou aos aledaños do naufraxio no inconfundible Renault 4. Sen tricornio, pois non era momento de protocolos, puxéronse ás ordes da singular mariñeiría que vestía de curto. Camisetas verdes e azuis trenzaron una cadea humana para lanzar boureis e cordada ao buque. Mulleres coa rapacería facían de testemuñas da cooperación daqueles futbolistas minutos antes inimigos por salvar as vidas que demandaban socorro.
Todos vimos como gabeaban por unha boza dous xogadores de ambos bandos. Desde a distancia non se discernía a súa identidade. Os presentes, das proximidades e foráneos, estouparon en vítores como se dun gol de final de Copa se tratara cando o presidente do club local, con prismáticos, confirmou…
- Son Cobiñas e Manín. Agancharon á bordo! -expresou con indisimulada ledicia.
Un coche chegou a todo meter dando un frenazo a rentes do cantil. Do auto amarelo baixaron media ducia de persoas, entre elas, un moreno de perfilado bigote. O colexiado San José, solidario, optou por decirlle a súa tropa que conduciran cara ao lugar do embarrancamento.
-¿Cabe lamentar víctimas mortales?-preguntou o árbitro agora xa de paisano e perfectamente peiteado.
Como falaba o condenado! Ninguén foi quen de lle contestar por se malentendía a resposta e a cousa remataba nas mans vista a súa compaña. Mentres, lográrase argallar unha tirolina para ir descendendo do mercante a cada un dos tripulantes. Escorrían a choutos, como por un pasamáns inzado de atrancos. Acadados os baixos, fixeron tremelicantes a pé o treito a terra firme onde lles achegabamos mantas con verbas de alento. Os tres capitáns eran os últimos en abandonar a cuberta baldeada polas inmensas ondas. O grego, Manín e Cobiñas, fixeron unha piña humana e esbararon corda abaixo. O vento abaneou neles como roupa no tendedeiro. O Atlántico púxoos pingando.
Tras uns tensos minutos, así que puxeron as botas de cravos de aluminio sobre da relva, o xentío rachou a aplaudir.
- Vivan os nosos!!- escoitouse berrar con moita foliada.
Ata San José e a tropa de xitanos celebraron con palmas, tan súas, a machada. O mar infundíalles moito respecto. As primeiras palabras do helénico a salvo foron para dar as grazas nun básico español e convidar a se facer coa mercadoría que ateigaba a bodega.
- Sugar. Asúcar. Mucho. ¡Gracias, gracias! -repetía francamente agradecido.
Deste xeito foi como os días inmediatamente posteriores a aquel domingo 5 de marzo de 1972, as casas da redonda abasteceron as despensas con azucre para meses. Iso, e algún obxecto de navegación que case despezan no sitio o barco, dando certa pátina de veracidade á tradición rapiñenta desta xente e terra. E se hoxendía alguén pregunta cando aconteceu o naufraxio do Pride of Morea, os da Costa da Morte lémbrano ben. Foi cando Manín e Cobiñas foron por única vez no mesmo equipo.
Héctor Pose Porto, fragmento do prólogo a O fútbol na ría de Muros e Noia 1968-1971, 2019